Novas
A XXXIII Xuntanza de Gaiteiros, organizada pola Entidade Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene, no vindeiro Recuncho da Palleta
Varios / 22.10.21
Este domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Ramón Dopico, que nos falará da XXXIII Xuntanza de Gaiteiros, organizada pola Entidade Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene, e que terá lugar o sábado día 30 de outubro de 2021 a partir das 19.30 horas na S.C.R.D. Agarimo de Sillobre (Fene).
Nestas xuntanzas, ademais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, aproveitan a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional.
Nesta XXXIII Xuntanza homenaxearán a Os Viqueiras.
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.
Xoan Carlos Rilo Fraga ven de presentarnos o primeiro traballo discográfico que fai en solitario, "O ronsel do meu sentir"
Varios / 18.10.21
Xoan Carlos Rilo Fraga ven de presentarnos o primeiro traballo discográfico que fai en solitario. Trátase dunha escolma de temas da súa autoría na que mistura gaitas (en 11 afinacións diferentes) cos instrumentos de percusión máis relevantes da nosa música tradicional; todos eles tanxidos por el.
Co título “o ronsel do meu sentir” tratou de amosar con claridade o seu peculiar e persoal estilo de concebir a gaita: dozura e sensibilidade, paixón i emotividade , sinxeleza e complexidade, tradición e por que nón, modernidade.
Partituras de cadanseu instrumento, (que poderás atopar na súa páxina web)…….unísonos, contracantos, cuartas, quintas, sextas, oitavas, ….. cuartetos, bandas de gaitas ou mesmo outras formacións.
Co tema titulado “Coraxe”, fai a súa contribución especial aos afectados por Covid-19. Polifonía, armonía e afouteza….. (enlace deste emotivo video https://youtu.be/H2X7xMGiUOw)
Toda a información (partituras, videos, imaxes...) en: www.xoancarlosrilo.com
2ª Edición das Xornadas de gaita; novas técnicas e recursos
Varios / 13.10.21
Na AGG organizamos o vindeiro sábado 23 de outubro, en colaboración coa área de cultura da Deputación de A Coruña e coa participación do Concello de Teo, a segunda edición das Xornadas de gaita: novas técnicas e recursos, con relatorios de investigación vencellados ao noso instrumento mais emblemático dende unha perspectiva mais actual e cuxo programa podes ver a continuación:
PROGRAMA:
10.45 - Apertura
11.00 - Relatorio I: “A notación das técnicas estendidas na gaita de fol do século XXI”. Erick Feles
12.00 – Descanso
12.30 – Relatorio II: “Seivane, do pasado ao futuro en catro gaitas: Musa Medieval, Gaita de cana EVO, Gaita Do4 e Gaita Multibordón”. Álvaro Seivane
13.30 – Xantar
16.00 - Relatorio-demostración III: “A notación das técnicas estendidas na gaita de fol do século XXI”. Parte práctica. Erick Feles
LUGAR: Biblioteca Municipal dos Tilos - Teo (Rúa do Buxo n°4 - Os Tilos - Teo) / En liña a través da páxina da facebook da AGG (https://www.facebook.com/AGGtradiciongalega)
DATA: Sábado 23 de outubro de 2021
INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.
(*) A participación nas xornadas será de balde, previa reserva e ata completar aforo, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán ata o domingo día 17 para inscribirse, e partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición.
A celebración das xornadas levarase a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.
Anímate a participar!!! Agardámoste!!
A 23 Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas no vindeiro Recuncho da Palleta
Varios / 08.10.21
Este domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, Vitor Otero achegaranos un ano mais ata o San Froilán e a algunhas das músicas da 23 edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo Das Mozas, nas Festas do San Froilán en Lugo.
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.
A ASOCIACIÓN DE GAITEIR@S GALEG@S (AGG) ORGANIZA A XXIII MOSTRA DE MÚSICA TRADICIONAL DO DOMINGO DAS MOZAS.
Varios / 01.10.21
A Asociación de Gaiteiras Galegas organiza de novo a que será a XXIII edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas, mostra que contará coas actuacións de 15 grupos de música tradicional galega, chegados dende distintos puntos da xeografía galega e da comarca Eo Naviega, e con distintas formacións (grupos de gaitas, pandeireteir@s, treboadas, murgas, etc... ) que encherán da nosa música o casco vello da cidade no día máis emblemático das festas.
Os grupos participantes na mostra actuarán en horario de mañá e de tarde no casco histórico da cidade, facendo pasarrúas por distintas prazas e rúas, de tal maneira que toda a xente que entre na cidade, sexa recibido co son da nosa musica tradicional.
Debemos facer todas e todos un exercicio de responsabilidade e cumprir as medidas de prevención vixentes evitando as aglomeracións para poder disfrutar desta mostra e ao mesmo tempo coidarnos e evitar contaxios.
Os Grupos participantes nesta edición son:
@s Retorcid@s (Pontesampaio)
As falas Eonaviegas (comarca Eo – Navia)
A Gaita de Galleto (Terra de Melide)
Berros do Castro (San Sadurniño)
De Pé Feito (Ourense)
Lubicáns (Ourense)
Pandeireteiras Ergutío (Baños de Molgas)
Pandeireteiros de Cántigas e Frores (Lugo)
Paraíso Canto (Ourense)
Sadeo Pandereteiras (Ponteareas)
Silva Redonda (Rianxo)
Son Galego Treboada (Gondomar)
Tumba e Dalle (Barreiros)
Pola mañá os grupos sairán ás 11.30 horas facendo un pasarrúas polas distintas rúas do casco histórico, ata as 14:00h. Pola tarde repetiranse as actuacións a partir das 17.30 horas, para logo rematar ás 18.30 horas.
Tamén pola tarde, continuaremos gozando da música tradicional na praza de Santa María, xa que este ano, nesta XXIII Mostra, realizaremos de novo o Festival de música tradicional ás 18.00 horas cos concertos de Lulavai (Vigo) e Comando Curuxás (Comarca da Ulloa)!!!
Esta mostra, na que a AGG xunta ano tras ano aos mellores grupos de música tradicional de Galicia, ten como finalidade a exaltación da música tradicional galega servindo como medio de difusión para que a nosa música chegue ao maior número de xente posible. É a única mostra deste tipo que se fai nunhas festas patronais e consegue que Lugo sexa referencia en toda Galicia, pois demostra que a nosa música tradicional pode ser a protagonista da festa na rúa.
Historias de ceg@s no vindeiro Recuncho da Palleta
Varios / 01.10.21
Este domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Gustavo Couto que nos ofrecerá "Historias de ceg@s"...
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.
VI Curso de música e baile tradicionais galegos
Varios / 16.09.21
!! CURSO ADIADO!!
Os vindeiros dias 2 e 3 de outubro, o Concello de Salceda de Caselas acollerá o VI Curso de música e baile tradicionais galegos.
Esta edición, organizada novamente pola Asociación de Gaiteiras Galegas en colaboración co concello, contará con catro especialidades:
- Baile tradicional - Imparte : Artur Puga
- Canto e pandeireta - Imparte: Leni Pérez
- Gaita -Imparte: Marina F. Vigo
- Percusión tradicional -Imparte: Kinhos Saburido
Cada especialidade terá unha duración de 16 horas repartidas entre o sábado e o domingo, con horario de clases de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas e está dirixido a alumnado cunha base previa nas diferentes modalidades ofertadas, presentándose como unha ocasión única para perfeccionar coñecementos e técnicas. Os interesados deberán elexir unha única modalidade.
¿E cales serán os contidos de cada especialidade?
Baile tradicional impartido por Artur Puga
Este curso intensivo impartido xirará arredor da Muiñeira “vella”:
- A súa contextualización e cronoloxía.
- A técnica do baile asociado e aplicación ao baile lúdico.
- Sinerxia coa música, funcionalidade, estruturación e montaxe práctico.
- Análise de recollas e fundamentación teórica.
- Utilización de todos estes recursos para o total entendemento e posible montaxe desta tipoloxía de baile tradicional e popular.
Artur Puga leva traballando no eido da recuperación da música e o baile tradicional máis de dez anos, levando este traballo a diferentes campos.
A nivel musical, é actualmente percusionista de Xisco Feijoó no seú recente traballo discográfico “Peixe” e tamén acumula diversos premios co cuarteto tradicional Prima de Buxo. Como bailarín, foma parte da compañía de Danza de Fran Sieira e participa no seú último espectáculo “Demente”, tamén formou parte do elenco no videoclip “Midas” de Tanxugueiras.
Director e exdirector dos grupos de recuperación de música, baile e cantares tradicionais; “A Buxaina” de Coruxo, “Ecos e Agarimos” de Peitieiros ou “Solpor” de Celanova.
É Mestre de iniciación e perfeccionamiento de baile popular en diversos puntos da xeografía galega e a nivel internacional na Arxentina ou Alemania.
Canto e percusión impartido por Leni Pérez
Neste curso aprenderemos:
- Cantares (pasodobres, ribeiranas, xotas, cantos de andar ó camiño, de seitura, nadal, voda, berce …) repertorio de tradición oral das comarcas por onde pasa o camiño, e aprenderás a acompañalos con percusións de man: pandeireta, pandeiro, cunchas, culleres, pandeira, botella riscada, ferriños…
- Repertorio de O Canizo, A Gudiña.
- Repertorio tradicional portugués, Monsanto e Val do Neiva.
- Repertorio da serra dos Ancares.
- Repertorio de Valadares, Laxoso, Sta. Comba e Bembibre
Leni Pérez conta cunha experiencia de máis de 30 anos no ensino de canto, percusión tradicional e de traballo con grupos de música tradicional galega, na actualidade dirixe 8 escolas na comarca de Vigo e arredores, con case cento e medio de alumnos e alumnas, mestra en distintas asociacións e centros culturais, imparte cursiños por mediación da Xunta de Galicia de Canto e percusión tradicional por centros galegos de todo o mundo: Bélxica, Suiza, Arxentina, Chile, Brasil…
Gaita impartido por Marina F. Vigo
Neste curso, que leva por título "CURSO DE REPERTORIO PARA CUARTETO", abordaremos:
- O repertorio de cuarteto (aplicable a calquera formación) cunha ollada máis reflexiva do que quizais habituamos facer
- Falaremos de bordóns, ornamentación, dixitacións, estrutura, técnica, variacións…
O curso está dividido en dous segmentos: na primeira xornada realizaremos arranxos cunha estética máis tradicional; por outra banda, na segunda sesión partiremos de melodías sinxelas vocais ou instrumentais e tentaremos convertelas nun produto totalmente novo. Ó remataren as dúas xornadas o alumnado terá dous arranxos inéditos da súa autoría.
Anímate a vir, con ou sen compañía, formes ou non parte dun grupo. Se tes ganas de arranxar unha melodía, pero non sabes comezar a facelo; se queres darlle unha volta ó repertorio do teu grupo, ou simplemente aprender máis cousas sobre a gaita e a súa música… Este é o teu curso!
Marina F. Vigo posúe o Título Superior en Interpretación, na especialidade de Instrumentos da Música Tradicional e Popular de Galicia, cuxo traballo de Fin de Estudos vai presentar nestas xornadas; así como as titulacións de Grao en Linguas Estranxeiras, Mestrado de Teatro e Artes escénicas e Mestrado en Formación do Profesorado. Respecto á súa actividade como intérprete, na actualidade é integrante da OFG Sondeseu; e arranxista e gaiteira do grupo Maraghotas e do cuarteto Arghaço, así como gaiteira e directora da charanga do grupo Trébede. É mestra de gaita percusión na Asociación Peis d’hos (Cangas), na AFC Apedradeaugas (Vigo), na AC Xirandela (Madrid) e directora da banda de gaitas e percusión María Soliña (Cangas); ademais de profesora no Conservatorio Profesional de Vilagarcía de Arousa.
Percusión tradicional impartido por Kinhos Saburido
Neste curso intensivo aprenderemos:
- Exercicios de estiramento
- Exercicios de quecemento
- Exercicios de técnica, rudimentación e ornamentación.
- Aplicación practica de técnica, rudimentacion e ornamentación en ritmos tradicionais
- Análise de temas tradicionais e contemporáneos da música galega (recursos que empregan, dinámicas, etc….)
- Escoita activa de arranxos e análise dos mesmos.
- Creación de arranxos tradicionais e contemporáneos.
- Improvisación e creación propia de arranxos tanto con tamboril como bombo ou conxunto.
Marcos Perez Saburido "Kinhos" comezou a súa andaina no mundo da música con 5 anos na banda de gaitas “A Follateira”. Máis tarde entra no Colectivo Castro Floxo de Ourense onde comeza a intruducirse na percusión tradicional da man de José Carlos Pérez Paz. Tamén comeza estudios no conservatorio de Ourense compaxinando a ensinaza clásica coa percusión tradicional. Hoxe en día é mestre na escola de Música Tradicional de Ourense “AOFT GOMES MOURO”, na academia de Música TEMPO 118, e na escola de música do colexio “Gullelme Brown”. Aparte da labor docente colabora como batería e percusionista nos proxectos Coanhadeira, Daniel Minimalia, Emilio Rúa, Linho do Cuco, Fiandola, … entre outros. Como percusionista tradicional gañou numerosos premios, tanto en cuartetos como acompañante de gaiteiros solistas nos que destaca o concurso de Cuartetos de Ponteareas, o Memorial “Manuel Villanueva”, o Memorial “Manuel Texo” (Vedra), entre moitos outros…sendo un dos percusionistas máis premiados de Galicia nos últimos 10 anos.
Coste do curso:
40 € soci@s da AGG
50 € non soci@s
* Inscrición: ata 29 de setembro ou ata completar as prazas. Para a inscrición podes descargar o formulario aquí e enviárnolo cuberto a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
Máis información: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo 986 847 074 - 982 229 966
Esperámoste!!!!!!!!!!!
IX Xornadas arredor da música tradicional
Varios / 14.09.21
AGG organiza o vindeiro venres 24 e sábado 25 de setemboro, en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e coa participación do Concello de Rianxo, a novena edición das Xornadas arredor da música tradicional, con relatorios de investigación vencellados á nosa cultura e a presentación novas publicacións e cuxo programa podes ver a continuación:
PROGRAMA:
VENRES 24 SETEMBRO
17.00 – Relatorio I
“’De raíz galega’: os arranxos sobre temas tradicionais no concurso de Ponteareas (2010-2020)”. Marina F. Vigo.
17.50 Quenda de preguntas
18. 00 – Descanso
18.30 – Relatorio II
“A musette barroca: un achegamento ao instrumento e ao seu repertorio”. Nadia Vázquez
19.20 Quenda de preguntas
SÁBADO 25 SETEMBRO
10.30 – Relatorio III
“A creación e evolución das formacións musicais populares no sur galego: ¿Unha experiencia extrapolable?”. Xerardo F. Santomé
11.20 Quenda de preguntas
11.30 – Relatorio IV
“Aproximación á gaita e seu uso no Bierzo e Cabrera”. Diego Bello
12.20 Quenda de preguntas
12.30 - Descanso
13.00 - Presentacións de publicacións
13.00: “The Essence of our traditional sound”. Alexandre Cadarso
13.20 – Parada para xantar
16.30 – Relatorio V
“A guitarra: instrumento tradicional galego”. Isabel Rei
17.20 Quenda de preguntas
17.30 - Presentacións de publicacións
17.30: “Os Encantiños do Umia”. Carlos Rey e Cristian Silva. Ed. O Faiado da Memoria
17.50: “A música e Mondariz: historia, personaxes e agrupacións”. Chiqui Bernárdez, Raquel Faro, Felix Rodríguez Míguez. Ed. Dos Acordes
18.10 – Descanso
18.30 – Relatorio VI
“A gaita de barquín, un instrumento olvidado”. Diego Alonso
19.20 Quenda de preguntas
LUGAR: PAZO DE RIANXIÑO (Rianxo) e EN LIÑA a través da páxina do facebook AGG facebook.com/AGGtradiciongalega
INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.
(*) A participación nas xornadas será de balde, previa reserva e ata completar aforo, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán ata o sábado día 18 para inscribirse, e partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición.
A celebración das xornadas levarase a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.
Anímate a participar!!! Esperámoste!!!
I Encontro de Zanfona de Lugo
Varios / 14.09.21
A Asociación de Gaiteiras Galegas e a Área de Cultura do Concello de Lugo coorganizamos esta fin de semana o I Encontro de Zanfona de Lugo.
Este encontro, que encherá o casco vello de Lugo cos sons das zanfonas os días 17,18 e 19 de setembro, nace co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor á zanfona, facendo protagonista do encontro á súa música, ás escolas existentes no país, os cantos de cego e as novas propostas existentes co instrumento, dentro do panorama actual da música tradicional galega.
Programa do I Encontro de Zanfona de Lugo:
Venres 17 de setembro
18.30 h.: Actuacións de Rúa (Casco vello)
-
- O CEGO E O CRIADO
- OS CEGOS DA VENEIRA
20:30 h.: Concerto na Praza da Soidade
-
- TUNDAL
Sábado 18 de setembro
12.00 h.: Concerto didáctico para nen@s na Praza da Soidade
-
- LUIS CARUNCHO e CHUS FOLIQUEIRA
13:00 h.: Concerto na Praza da Soidade
-
- MIRO CASABELLA
18:00 h. Actuacións de Rúa: (Casco vello)
-
- O CEGHO DE MATAMÁ E ALDARIÑA DE CANDEÁN
- ESCOLA CULTURAL MUNICIPAL DE ZANFONA DE NARÓN
- ZANFONEIROS DA TRADESCOLA
20:30 h. Concerto na Praza da Soidade
-
- PÄRBO
Domingo 19 de setembro
11:30 h.: Actuacións de Rúa (Casco vello)
-
- MONIFATES
- UXÍA MUIÑO
- GRUPO DE ZANFONAS DA EIPG DE SUSO VAAMONDE
12:00 h. Actividada aberta na Praza da Soidade
-
- AULA ABERTA DE ZANFONA DA MAN DE GERMÁN DÍAZ CON ALUMNADO DA TRADESCOLA (Lugo)
13:00 h. Concerto na Praza da Soidade
-
- OBAL
*I M P O R T A N T E: Os concertos serán con entrada libre ata completar o aforo
Para máis información chamar aos teléfonos da AGG (982229966 / 626705708 / 986847074)
LIV Concurso de Gaitas do País - Ponteareas 2021
Varios / 23.08.21
O concello de Ponteareas xa ten aberto o prazo de inscrición do 54 Concurso de Gaitas de Ponteareas que terá lugar o sábado 18 de setembro.
Poderán participar no concurso todos os grupos de gaitas que toquen con instrumentos tradicionais galegos, sen modificación de ningún tipo.
Os grupos participantes interpretarán dúas pezas de libre elección, de raíz melódica galega.
O prazo de admisión de solicitudes remata o día 10 de setembro de 2021. Os grupos interesados podedes ver as bases no seguinte enlace: http://ponteareas.gal/xiralda/uploads/2021/08/Bases-do-LIV-Concurso-de-Gaitas-2021.pdf
RELACIÓN DE PREMIOS:
- 1º premio 1.800,00 € + unha gaita e un tamboril doados por Artesanía de Galicia
- 2º premio 1.200,00 €
- 3º premio 900,00 €
- 4º premio 600,00 €
O Concello de Ponteareas outorgará unha gratificación de 300,00 euros aos grupos en concepto de participación, agás o 1º premio, o 2º premio, o 3º premio e o 4º premio, conforme a das Bases de Execución do Orzamento Municipal.
Toda a información, bases completas e anexos para as inscricións no seguinte enlace: https://ponteareas.gal/servizos/cultura/bases-cultura/
Páxina 10 de 436