Novas
Xornadas de Baile tradicional en Vedra - AGG
Varios / 30.11.22
A AGG organiza o domingo 11 de decembro, unha nova edición de xornadas de baile tradicional. Nelas contaremos con relatorios-obradoiros guiados por Mercedes Prieto, Cristina Canosa e Miguel Sotelo.
Os obradoiros destas xornadas, subvencionadas pola Deputación de A Coruña e coa colaboración do Concello de Vedra, están pensadas tanto para os profesionais do mundo da danza, como para todos aqueles interesados no baile tradicional, para que poidan completar os seus coñecementos e participar de xeito activo na mellora e dinamización da nosa tradición.
PROGRAMA:
XORNADAS DE BAILE
(11 DE DECEMBRO) - Vedra
11.45 - Apertura
12.00 – Relatorio - Obradoiro I
“Bailes raianos” - Mercedes Prieto.
13.30 – Remate sesión da mañá
16.00 - Relatorio – Obradoiro II
“Corte arriba: Recursos para seguir creando. (A Baña)” - Cristina Canosa.
17.30 – Descanso
17.45 - Relatorio – Obradoiro III
“Os bailes en roda: Beariz” - Miguel Sotelo
DATA: Domingo 11 de decembro
LUGAR: Nave da Estación do Tren de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra.
INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.
* Os obradoiros son de balde e as prazas limitadas, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán ata o mércores 7 de decembro para inscribirse, e partir desa data si quedan prazas dispoñibles, cubriranse coas solicitudes de inscrición de non soci@s, por orde de chegada.
A través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, xa que se amosa a riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que se pode participar de xeito activo, contribuíndo e potenciando deste xeito a divulgación da cultura e a súa conservación.
Fondo pesar polo pasamento de Juan José Iglesias Pena
Varios / 28.11.22
Hoxe temos que informar dunha triste nova, dende a AGG queremos manifestar o noso pesar polo pasamento de Juan José Iglesias Pena.
Persoa ben querida do barrio dos Mariñeiros onde pasou toda a súa vida (na parroquia de S. Pedro de Visma da cidade da Coruña). Iniciou as súas actividades musicais en 1978, no seo da asociación xuvenil Xacarandaina; nela aprendeu a tocar o bombo e o tamboril, e integrouse no grupo de danzas co que participou en gran número de festivais en España e no extranxeiro.Formou parte como percusionista do grupo de baile da agrupación cultural Xilbarbeira; e do grupo de gaitas Asubío (ata a actualidade). Durante anos pertenceu ao grupo de mestres gaiteiros que acompañaban ao Ballet Galego Rey de Viana, e foi membro do Grupo de gaitas do IGAEM (co que gravou varios discos). E mesmo colaborou ocasionalmente con outros grupos da época (Os cinco de Galicia, Millo verde, Xiada, ...)
Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a súa perda.Que a Terra lle sexa leve.
O vindeiro 29 N, Músicas para a igualdade na Tradescola
Varios / 25.11.22
O vindeiro 29N, a Tradescola, e a AGG organizamos ás 19.30 horas na Capela de Santa María (Lugo) unha actividade musical para a igualdade consistente na charla – concerto que leva por título “ Obradoiro de mulleres que cantan: subimos á escena ou mellor baixamos dela? ” que estará impartida por Branca Villares e por alumnado da Tradescola, concretamente por aulas de perfeccionamento de canto tradicional e de pandeira que poñerán a nota musical da actividade.
Esta actividade organízase co obxectivo de promover e facer visible o noso rexeitamento ante calquera tipo de violencia, e conta coa axuda da area de Cultura do Concello de Lugo e as instalación cedidas polo Centrad.
O aforo é limitado, e accederase por orde de chegada. Esperámoste!!!
IV Edición do encontro Tradición en Feminino
Varios / 11.11.22
Os "Faladoiros Arredor Do Vestir Tradicional" no vindeiro Recuncho da Palleta
Varios / 11.11.22
Este domingo, na sección o "Recuncho da Palleta" do "Lume na Palleira", conducido por Emilio Españadero, contaremos con Ramón Dopico e a visita da asociación Brincadeira, organizadora dos "Faladoiros Arredor Do Vestir Tradicional".
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.
Iniciamos o ciclo "Nomes Propios" no Recuncho da Palleta
Varios / 28.10.22
Este domingo, na sección o "Recuncho da Palleta" do "Lume na Palleira", conducido por Emilio Españadero, contaremos con Xaime Estévez que nos presentará o ciclo "NOMES PROPIOS", para poñer en valor a xente que leva moitos anos dedicados á formacion no eido da música tradicional, e nesta ocasión contará con Xosé Manuel Oliveira!!!
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.
XXIV edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas
Varios / 03.10.22
A Asociación de Gaiteiras Galegas organiza co patrocinio da area de Cultura do Concello de Lugo a XXIV edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas o vindeiro domingo 9 de outubro, mostra que contará coas actuacións de 13 grupos de música tradicional galega chegados dende distintas comarcas de Galiza, que encherán da nosa música o casco vello da cidade de Lugo no día máis emblemático das festas do San Froilán.
Os Grupos participantes nesta edición son: Aires do Coutado, Airiños do Eume, Candaira, o Cegho de Matamá e Aldariña de Candeán, Gargallada, Os Monifates, a Murga Cidade de Antioquía, as Pandeireteiras de Cantigas e Agarimos, Os Fondãos do Pífaro, Os Zanfoneiros da Tradescola, Seimeira, a Música de Cecebre e Cinco en Zocas!!!
Pola mañá os grupos sairán dende a Mosqueira ás 11.30 horas e tocarán polas distintas rúas e prazas do centro urbán amurallado, ata as 13:30h. horas.
Nese momento, e tamén dentro da programación da XXIV edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas, dará comezo na Praza de Santa María, o Concerto de A Música de Cecebre (13.30 horas)!!!
Pola tarde repetiranse as actuacións de rúa a partir das 17.00 horas, para logo rematar ás 18.30 horas, e a esa hora, para rematar a mostra, poderemos desfrutar tamén na Praza de Santa María do Concerto de Cinco en Zocas (18.30 horas)!!!
Esta mostra, na que a Asociación de Gaiteiras Galegas xunta ano tras ano aos mellores grupos de música tradicional de Galicia, ten como finalidade a exaltación da música tradicional galega servindo como medio de difusión para que a nosa música chegue ao maior número de xente posible. É a única mostra deste tipo que se fai nunhas festas patronais e consegue que Lugo sexa referencia en toda Galicia, pois demostra que a nosa música tradicional pode ser a protagonista da festa na rúa.
Esperámoste en Lugo o vindeiro domingo día 9 de outubro para desfrutar coa nosa música tradicional !!!!
X Xornadas Arredor da Música Tradicional
Obradoiros, seminarios, xornadas,... / 20.09.22
A AGG organiza o Sábado 1 de Outubro a X edición das Xornadas arredor da Música Tradicional. Un encontro anual onde afondar nas nosas tradicións.
Catro traballos de investigación vencellados á música tradicional e cinco presentacións de novas publicacións conforman os contidos da Xornadas arredor da Música Tradicional organizadas pola AGG en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura que se celebrarán na Casa da Gaita, Viascón, durante toda a xornada do Sábado 1 de outubro.
Esta cita, está destinada, non só a todas aquelas persoas que traballan no entorno da música tradicional, senón tamén a todo aquel que queira saber máis das nosas tradicións, favorecendo deste xeito que sexa un punto de encontro á par que pon de manifesto a importancia que teñen os traballos de investigación realizados neste eido para o coñecemento e preservación da nosa cultura.
Pretendemos a través desta actividade fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, tanto para a xente implicada na música tradicional, como para o resto da poboación, xa que se amosa a riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que se pode participar de xeito activo nas diversas conferencias, contribuíndo e potenciando deste xeito a divulgación da cultura e a súa conservación.
Estas xornadas que están patrocinadas pola Consellería de Cultura, son xa unha cita anual imprescindible para tod@s @s amantes da música tradicional.
PROGRAMA:
10:15 - Apertura
10.30 – Relatorio I
“Concha do Canizo. O Pandeiro Cadrado na Terra das Frieiras”. Xulia Feixoo
11.20 Quenda de preguntas
11.30 - Presentacións de publicacións
11.30: “Damas e ghaláns no Entruido de Nergha. Unha danza de Entroido no Morrazo”. Guillerme Ignacio Costa
11.50 - Descanso
12.10 – Relatorio II
“Pandereteiras de Mens: de cando a oralidade invisíbel pasou a visíbel”. Beatriz Busto Miramontes
13.00 Quenda de preguntas
13.10 - Presentacións de publicacións
13.10: “Manuel Fernández Díaz. Manuel do Juano”. Daniel Carballo Penelas, Antón Santamarina, Guillermo Fernández, Pepe Vaamonde, Pablo Quintana López, Bieito Romero, Sagrario Fernández.
13.30 – Parada para xantar
16.30 - Presentacións de publicacións
16:30 “O eco das estrelas. Música medieval no Camiño de Santiago”. Jose Manuel Salgado Mosquera, Francisco Singul, Mariña Arbor Aldea, Francisco Luengo.
16.50 – Relatorio III
“Proxecto Avareira: A trompa na Fonsagrada, Os Oscos e Taramundi”. Riedrich Bramsteidl, Paz Prieto, Juan Carlos Quintana e Daniel do Pando
17.40 Quenda de preguntas
17.50 – Presentacións de publicacións
17.50: “A Gaita na Terra de Melide”. Suso Ascariz
18:10: “Cancioneiro da Ribeira de Piquín. Unha aproximación á poesía tradicional da montaña lucense” Xosé Manuel Sánchez Rei, Noemí García Rodríguez.
18.30 – Descanso
18.50 – Relatorio IV
“A danza de espadas de Marín”. Jose Antonio Pazos Pazos e Jose Francisco Gil Dopazo
19.40 Quenda de preguntas
A TRADESCOLA ABRE O PRAZO DE MATRÍCULA PARA AS AULAS DE MÚSICA, CANTO E BAILE TRADICIONAL O DÍA 5 DE SETEMBRO
Varios / 01.09.22
A Tradescola abre o 5 de setembro o prazo de matrícula para o vindeiro curso nas aulas de gaita, zanfona, acordeón, acordeón diatónico, baile tradicional, canto e pandeireta, pandeira, percusión, requinta, e linguaxe musical ademais de aulas específicas para os máis pequenos.
A TRADESCOLA, o centro de ensino da música, do canto e do baile tradicional galego xestionado pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s en Lugo conta no seu equipo docente con 9 dos mellores mestres no eido da música e do baile tradicional, os mestres e mestras implicados no proxecto educativo da Tradescola son: Alberte Núñez(aulas de acordeón e acordeón diatónico)Bruno Villamor (aulas de gaita e requinta), Lucía Eiros (aulas de linguaxe musical), Xabier Iglesias (aulas de baile tradicional e de iniciación á música e o baile tradicional para nen@s), Jose Manuel López (aulas de gaita), Branca Villares( aulas de canto e pandeireta e pandeira), Roberto Rodríguez (aulas de canto e pandeireta), Germán Díaz (aulas de zanfona) e Miguel Anxo López Buján (aulas de percusión tradicional).
As aulas impartiranse nos locais do Centro Lug 2 e nos locais do Centrad de Lugo.
A matrícula permanecerá aberta en horario de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.00 horas ata o 16 de setembro nos seus locais na Rúa Pintor Corredoira nº 4 de Lugo.(Centro Lug2) ou no teléfono 982229966.
Se tes algunha consulta, ponte en contacto con nos no teléfono 982229966 ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
ESPERÁMOSTE!!!!
Aturuxo 20
AGG / 17.08.22
Un ano máis traémosvos unha nova edición do Aturuxo "O Voceiro da AGG", xa podedes disfrutar del na súa publicación en dixital no enlace: https://issuu.com/agg./docs/aturuxo_20
Os contidos desta edición son os seguintes:
Editorial
A AGG: Actividades 2020
Tradescola. Curso 2019-2020
REPORTAXES:
Torneados, eskeuromorfismo e determinismo xeográfico nas gaitas de fol do noroeste peninsular. Pablo Carpintero
Anotaciones acerca del uso de la tronpa o mosuguitarra en el País Vasco Juan Mari Beltrán
O tambor: pasado, presente e futuro. Andrés Vilán
Recursos de improvisación para acompañamento con pandeireta. Alejandra Montero
O xeito de bailar en Zobra. Luís Prego
O xeito de bailar en S. Pedro de Carcacía. Unha ollada á paisaxe cultural do lugar. Julia Pozo
A Danza de Espadas de Redondela. Apuntamentos sobre a música e os músicos. Oli Xiráldez
Mulleres que contan… ou da importancia do traballo de campo na posta en valor da música de tradición oral. Xulia Feixoo
Introito: ás notacións das técnicas estendidas na gaita de fol do século XXI. Erick Feles
Non é a frecha… É o indio. Os límites da gaita. Cristian Silva
Da memoria xenética á técnica de gaita. David Bellas
A frauta travesa na música tradicional e folk da Galiza. Uxía García Conde
A fabricación aditiva nos instrumentos de vento madeira. Suso Gestal
ENTREVISTA: Xoán Manuel Tubío Fernández
HOMENAXE: Lola da Coruñesa
PARTITURAS: Tocando a Xosé Marentes
Esperamos que desfrutes da súa lectura e aprendizaxe.
Páxina 6 de 438