Novas
ALALA "Músicos Tradicionais da Limia"
Entrevistas / 28.11.06
Hoxe, martes 28 ás 21:45 horas, emitiráse o programa sobre o traballo desenvolvido na comarca da Limia para a compilación do material do que saiu o Catálogo de Músicos Tradicionais da Limia. Ademais os membros da Aula de Música Tradicional Gomes Mouro interpretán pezas interesantes das recollidas na comarca da Limia."Esta noite, gaiteiros con máis de medio século e historias de lembranza da Limia no Alalá do Catálogo de Músicos Tradicionais da Limia. Así, verase como se atopan pezas e gaiteiros con case un século de historia e para iso o equipo do programa acompaña a Castor e Félix, dous verdadeiros investigadores da música tradicional galega que durante dez anos fixeron máis de 4000 quilómetros polo interior da Limia, en Ourense, na procura de verdadeiras xoias musicais do patrimonio cultural. Estes achados recolléronos nun catálogo de músicos coa axuda doutra xente coma Iván Area, Pablo Carpinteiro e Delfín Caseiro. Entre todos inmortalizaron para sempre aquel saber tradicional da comarca da Limia nun libriño tan breve como ancestral que poderemos ler nas imaxes e nos beizos dos seus personaxes."
http://www.gaiteirosgalegos.com/xoops/modules/news/article.php?storyid=44
I Congreso de Ensinantes de música tradicional galega
AGG / 22.11.06
Os pasados sábado, 18 e domingo, 19 de novembro tivo lugar, no Auditorio de Galicia en Santiago de Comostela, o I Congreso de Ensinantes de Música tradicional Galega. O evento foi organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos en colaboración ca ASPG e a CIG Ensino, e foi patrocinado pola Dirección Xeral de Creación de Difusión Cultural da Xunta de Galicia e a Concellería de Cultura do Concello de Santiago. Tamén colaboraron o Auditorio de Galicia e as tres Universidades Galegas.O acto inaugural foi presidido pola Conselleira de Cultura, dona Ánxela Bugallo que estivo acompañada polo Presidente da ASPG, o Secretario Nacional de CIG-Ensino, o Vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, o Vicerreitor de relacións Institucionais da Universidade de Vigo e o Presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos.
Foi, a todas luces, un fito histórico que resultou un grande éxito, non só pola calidade dos relatores e compoñentes das mesas redondas, senón tamén pola cantidade de congresistas inscritos, máis de dous centos, que asistiron con grande interese aos debates e relatorios que se programaron.
A Asociación de Gaiteiros Galegos pretende, a non tardar, publicar as actas para constancia e espallamento do que alí se tratou e, dado o grande interese dos congresistas, comezar xa a traballar na organización do segundo.
Queremos agradecer publicamente ás institucións que colaboraron para levar adiante este complexo proxecto, ós relatores, participantes en mesas e congresistas, a súa amabilidade e bo facer, que contribuíron a que todo o congreso se desenvolvera nun excelente clima de traballo.
Ver Fotos.
Fito histórico
Concursos e Certames / 22.11.06
O martes 21 de novembro de 2006 tivo lugar un fito histórico no mundo da música de gaita do noso país. Ás 20 horas comezou o concerto de Xosé Lois Miguélez Saínza, no que durante o tempo de duración amosou múltiples posibilidades interpretativas da gaita galega. O programa estivo composto por un abano de ritmos e estilos musicais que permitiron a este virtuoso do instrumento entusiasmar ao público asistente así como, á vista da cualificación, ao tribunal encargado de valorar a súa interpretación.No concerto, dividido en tres partes, Xosé Lois Miguélez interpretou na primeira delas un alalá, da súa autoría, a ribeirana de Ventosela e Blanca e Negra, do xa clásico Ricardo Courtier. Na segunda, Apaixoada e ‘Arreguiço’ de Paulo González, o estreo do ‘Dúo para gaitas para o primeiro concerto de fin de carreira’ de David Bellas, e a Ghota da Mosca de Ernesto Campos. Na primeira e na segunda parte estivo acompañado por músicos da categoría de David Bellas, Rafa Crespo, Paulo González, Lucía Martínez, e a totalidade do grupo "Anacos de Buxo" (Xurxo Fernández, Pedro Álvarez, Alex Covelo e Ramón Corral).
Na terceira parte, Miguélez executou unha versión para gaita e piano do concerto de Ernesto Campos "Luces do Atlántico. Viaxe ritual por tres faros galegos" na que estivo acompañado por Pablo Diago ao piano.
Só fica dicir que a cualificación outorgada foi acorde coa interpretación: sobresaliente.
A Asociación de Gaiteiros Galegos quere transmitir a Xosé Luís Miguélez a súas máis sinceras felicitacións e desexarlle unha longa vida de éxitos no mundo da gaita. Parabéns tamén ao mundo da gaita que finalmente ten xa un titulado superior de conservatorio, neste caso o de Vigo no que fai xa algún tempo comezara esta aventura o noso benquerido Enrique Otero Covelo.
Primeiro Titulado Superior de Gaita
Concertos / 21.11.06
Hoxe, xoves 21 de Novembro ás 20:00 horas celebrase o concerto de fin de carreira de Xosé L. Miguélez no auditorio "Martín Codax" do Conservatorio Superior de música de Vigo, a entrada é libre ata completar o aforo.Como xa sabedes é a primeira vez que esto se produce e con este concerto quedan consolidados tódolos niveis de ensino oficial na gaita galega dentro dos conservatorios.
O programa do concerto e o listado de músicos que participan podedes baixalo dende a páxina web www.xlmiguelez.com dentro da sección descargas.
Non podedes faltar.
Clases de Zanfona en Lugo
AGG / 16.11.06
A Asociación de Gaiteiros Galegos pon en marcha aulas de zanfona na cidade de Lugo.Para poder levar a cabo esta actividade a AGG conta coa colaboración da Direción Xeral de Xuventude, da Vicepresidencia da Xunta, e máis co patrocinio do Plan de xestión do Xacobeo, da Consellaría de Innovación e Industria.
Lugar: ”Eixo Garay”,
Horario: Tardes dos xoves de novembro a xuño.
Inscripcións: Asociación de Gaiteiros Galegos 986847074, ou Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
Mestre: Luis Correa “O Caruncho”.
Presentación da nova páxina web do Obradoiro Seivane
Varios / 05.11.06
Ás 20 horas do pasado venres, 3 de novembro, presentouse a nova páxina web do Obradoiro de Gaitas Seivane no Salón de Actos da Fundación Luis Seoane da Coruña. A este acto asistiron máis de 100 persoas, a maioría delas relacionadas con mundo da música popular galega, que chegaron de toda Galicia.
Na presentación estiveron presentes Xosé Manuel Seivane, os seus fillos Álvaro e Xosé Manuel, as súas netas Susana e Sainza, o seu neto Roberto, ademais de Moises Facal, todos eles artesáns que forman parte do Obradoiro de Gaitas Seivane.
Máis información.
Asociación cultural A Forna de Budiño. O Porriño.
Concertos / 02.11.06
O vindeiro sábado 25 de novembro, a partir das 9:00 da noite, vai a celebrarse un serán na Asociación Cultural A Forna de Budiño.O Porriño Pontevedra.Estades invitados a participar no mesmo e tamén a invitar a grupos de amigos e amigas que queiran participar. (Gaiteiros, pandereiteiras, cantareiras ... )
Se o tempo estivera moi agradable o serán celebrarase na terraza da Asociación, ao aire libre. Pero, en caso de que o tempo non fose moi amigable, trasladarémolo ao interior do local que é moi amplio.
Nin que decir ten que durante a celebración do mesmo, estaredes invitados ao que teñamos para comer e beber e para pasalo ben.
Unha aperta.
Novo Traballador na AGG
Organización / 30.10.06
Despois das entrevistas realizadas ós candidatos e candidatas para cubrir o posto que deixara vacante Sonsoles Martínez na Secretaría da AGG, resultou selecionado Roi Maceda de O Incio (Lugo).
Roi acada gran experiencia na organización e produción de espectáculos, é un gran coñecedor dos recovecos da música tradicional galega actual, e estará á disposición de todos vós de luns a venres no
local da AGG en Pontevedra, na rúa Alfonso XIII número 7, oficina 8 en
horario de 9 a 14 e 15.30 a 19. Tamén no teléfono 986 847074 e no
correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .
3º Alcuentru de Pandereta Gallega ya Asturiana
Concertos / 30.10.06
O sábado 18 de Novembro, ímoslle tod@s ata Asturies, gozar xa por terceira vez da convivencia e recoñecemento mutuo cos nosos curmáns. O catalizador xa o sabedes, os cantares e bailes das dúas terras sempre acompañados do son de pelicas e ferreñas. Vaivos un pequeno planin desta edición:-16:00 h. Os que poidamos, quedamos no lugar do Alcuentru, no enxebre local Sabil do Concello de Santu Adrianu (www.elsabil.net). Dende alí os nosos excepcionais “sherpas” locais levarannos de ruta etnográfico-paisaxística pola contorna (non se descarta rachar a paz cotián dalgunha que outra brava pandereteira asturiana).
-20:30 h. Se non podedes vir á ruta, xuntarémonos tod@s no Sabil e teremos a consabida cea-confraternización, que unha boa “folixa” presta ben máis co bandullo cheo. Pagaremos, coma en Ribadéu, “cada un o seu” :-).
-23:00h. (hora aproximada, que xa se sabe). Concertos dos grupos de pandereteiras Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños-A Coruña) e máis das anfitrionas, división de Muyeres especializada no suroccidente astur.
-1:30h-.... A partir de aí xa sabemos que todo se empeza a poñer turbio e xa un non sabe moi ben se toca pandeireta galega ou asturiana, pero a festa e o bo ambiente de intercambio están máis que garantidos ata que os corpos non dean máis de si.
E cando sexa hora de ir deitar algo a cabeza, teremos o aloxamento ben preto, no albergue do que dispón o propio Sabil, mesmo a carón do local. O prezo está aínda por determinar con exactitude, pero seravos ben axustado.
Información e Inscricións: no teléfono 657 209 731 ou no correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo antes do venres 3 de Novembro, indicando o número de persoas que participariades no Encontro.
X Aniversario de Lume Na Palleira.
Concertos / 30.10.06
Lume na Palleira cumpre 10 anos nas antenas da Radio Galega e, para celebralo, o vindeiro domingo 5 de novembro, ás 8 do serán, con rigurosa puntualidade británica según o seu organizador, Emilio Españadero, vaise celebrar, no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña, un gran concerto que contará cos seguintes grupos:
Grupo de Música tradicional de IGAEM.
Ruote
Quempallou
Haberá, tamén, invitados e actuacións sorpresa.
Desde a AGG queremos felicitar a Emilio Españadero, presentador do programa, e a todo o equipo de produción da Radio Galega por estes dez anos de bo facer en defensa da música galega en xeral e da tradicional en particular.
Os nosos máis sinceros parabéns.
Páxina 411 de 438