Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

Cantigas e Agarimos

ALALA / 23.01.07

Esta semana en Alalá...

...o programa revive a historia dunha das agrupacións que marcou a vida da sociedade compostelá e de centos de santiagueses. A asociación folclórica Cantigas e Agarimos presentouse á cidadanía no ano 1921 e nos seus oitenta e cinco anos de historia converteuse nunha das formacións corais galegas máis importantes desde comezos do rexurdimento cultural galego. De todas as figuras destacables que impulsaron Cantigas hai que destacar a Bernardo del Río, fundador e director do coro ata o 1952, cando morreu.

No pasado 2006 conmemoráronse cunha gala aniversario os oitenta e cinco anos de vida desta formación que ten a súa sede, desde o 1959 na Algalia de Arriba. Tamén presentaron un CD: Na Algalia de Arriba, con gravacións históricas da coral, todas elas orixinais e realizadas nos anos cincuenta.

O recoñecemento que recibiron os compoñentes de Cantigas e Agarimos correspondíase co papel que a agrupación tiña na sociedade. O seu protagonismo chegou á radio, televisión, xornais, películas e discos. Como todas as historias, ademais de épocas douradas houbo outras nas que custou moito subsistir pero o tesón, sentimento e traballo de xente relacionada coa formación fixo que permanecera ata os días actuais.

Na actualidade, Cantigas mantén a filosofía dos seus comezos, conservando a lingua galega e o folclore, os nosos sinais de identidade con orgullo. Ademais da coral, contan con grupo instrumental, pandereiteiras, grupo de baile e unha escola de muiñeira que segue a formar a mais de douscentos mozos de toda Compostela.

O traballo de tantos anos vese recompensado con premios, mencións, viaxes, concursos ou festivais grazas ao esforzo desinteresado de tantos amantes da cultura galega. Alalá hoxe visitará a asociación, falará coa nova Xunta Directiva, coñecerá a algúns membros da coral e verá aos mais pequerrechos de Cantigas e Agarimos, os que probablemente continúen con esta historia alomenos oitenta e cinco anos máis.

O DÚO DE MÚSICA TRADICIONAL SETE SAIAS EDITA O SEU PRIMEIRO DISCO

Varios / 22.01.07

Sete Saias ven de publicar o seu primeiro traballo discográfico de título homónimo no selo galego Pai-Music. Este dúo xurde no seo do Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios, concretamente na aula de arpa dirixida por Rodrigo Romaní. Marta Quintana e Clara Pino son as súas compoñentes, dúas mulleres galegas que amosan no seu traballo a orixinalidade, a beleza e o contrapunto nas arpas e nas voces.
A paixón pola música e común en ambas compoñentes de Sete Saias, algo que queda claro vendo o seu paso por diversos grupos e corais antes de ingresar no citado Conservatorio de Música Tradicional de Vigo

Máis info

ESPECTÁCULO DE MÚSICA E DANZA ISOLMA

Varios / 18.01.07

A través da compañía GS21 [Galicia Século XXI], chegou este espectáculo do que houbo unha función o sábado día 20 de xaneiro de 2007 en Pontevedra que acadou moi boas críticas no seu estreo.

GS21 [Galicia Século XXI] é unha compañía galega de música e danza que nace en abril do 2005 por iniciativa de bailadoras, bailadores e músicos con experiencia na música e danza tradicional (a maioría), que lonxe de comprender estas (música e danza) como algo exclusivamente do pasado, o perciben como atemporal. GS21 utiliza os infinitos recursos musicais e danzados propios da tradición galega, dándolles unha nova lectura, dándolles un novo punto de vista. GS21 é a innovación desde o respecto pola tradición. É a música e a danza galegas coma arte, como creación en si mesmo.

Máis información sobre a compañía na páxina web: http://www.gs21.es

SERÁN DE ARBO

Festivais, Foliadas, Romarías / 18.01.07


O 27 de xaneiro,ás 22:30, a Asociación Cultural Barca de Loimil puntual á cita como o cuco, organiza o Serán de Arbo.
Antes do serán, ás 18:00 h no restaurante 'Os Pirús' de Arbo haberá un cursiño de baile tradicional cun horario de 18:00 – 21:00 horas.O prezo é de 15 € incluindo diploma de asistencia e cea. Para anotarse chamar ó teléfono: 986 665 164

A continuación asistirase ao serán de Arbo para estrear os puntos de baile no torreiro da festa...

BATUKO TABANKA

ALALA / 16.01.07

O martes 16 de Xaneiro o Alalá dá un novo paso no mundo da música tradicional galega. En plena mariña lucense atopamos un grupo de mulleres que viñeron hai 30 anos de Cabo Verde para quedar en Burela, traballar no mar e nas casas e, de paso, enriquecer a nosa cultura musical fundando Batuko Tabanka. A súa pandeireta é o Batuko, a súa muiñeira o torno; e os seus ritmos o arrapika e o pam pam. Galicia e África a un paso unidas pola música… ¿a que soa ben? Vir dunha illa africana. Facer música e baile tradicional da súa terra e gañar o respecto dos galegos. Así son as doce integrantes de Batuko Tabanka que esta noite ensinarán cómo Galicia, terra de emigrantes, acolleu desde hai tres décadas as súas familias cando chegaron en busca dunha vida mellor. Como moitas burelás son mulleres de mariñeiros e cantadeiras. Con outro estilo e outra cor, pero co mesmo sentimento de amor ca nós cara a súa música. Por iso no mesmo programa que retratou a música das Malvela ou as cantadeiras de Laxoso tamén hai un oco para as caboverdianas de Burela.

MONOGRÁFICOS 07

CMTFL / 15.01.07

O sábado 20 de Xaneiro comezan os monográficos de Lalín, cursos especiais arredor da música, numerosos e eclécticos. Durante 7 anos os monográficos son unha referencia para formarse fora pero dentro do conservatorio atendendo ás peticións do alumnado e do mundo artístico que rodeia o centro. Van dirixido a amadores e profesionais da música, curisosos e curiosas que deciden vir de distintos pontos do pais a Lalín, ao centro folque do Deza.


Neste novo ano viaxamos co violino de Quim Farinha (Berrogueto) de Oslo a Compostela, a percusión de láminas tocará música tradicional no curso que imparte do director do Conservatorio Oficial de Lalín Dario Gonzalez, os ritmos do Brasil chegan a Lalín con Lilian França e Sérgio Tannus, un dia para danzas do mundo con Beatriz Diaz, aprenderase a aditar partituras musicais con Benjamín Otero (Linho do Cuco e xefe de estudios do Conservatorio Oficial de Lalín), aprenderemos cancións do repertorio galego-portugues con J.Luis d.P.Orjais, tamén cantigas medievais, romances, danzas renacentistas e música sefardita con Fernando Reyes (Resonet) e percorreremos en 3 dias 100 anos de grabacións sonoras da música galega, os instrumentos e as formacións comentadas por R.Pinheiro (Ouvirmos). Os sábados hai unha explosión musical no centro do Deza e recibimos cos brazos abertos aos bailarins, cantores-as, músicos, xornalistas, críticos, productoras do planeta musgo e veciños-as.

Máis info

Libro Branco do Ensino da Música Tradicional en Galicia

Publicacións / 13.01.07

Recentemente, a Fundación Sondeseu vén de publicar na Rede o Libro Branco da Educación en Música Tradicional en Galicia.

O estudo deixa ver un perfil dos docentes sen contrato, 70%; con máis de dez anos de experiencia; maioritariamente homes, 59%; menores de 33 anos, 60,5%; e con formación académica universitaria, 38,5%. As asociacións culturais acaparan o ensino das músicas tradicionais no 58,5 dos casos. Esta docencia move máis de tres millóns de euros, cifra que segundo Rodrigo Romaní, presidente da dita Fundación, “é moito máis grande na realidade” e que forma parte dunha “economía somerxida” á que tamén habería que sumar a venda de traxes e instrumentos musicais.

Conta con 20.000 estudantes, organizan arredor dunhas 1.350 actividades, ten 640 profesores en 700 centros de ensino espallados por toda Galicia e este ano saen os primeiros titulados superiores da única especialidade que existe no país. Son algunhas das cifras do panorama actual da educación da música tradicional.

Se queres descargar o arquivo, arquivo pdf de 2,27 mb,
pulsa aquí.

Curso de creación musical ‘Músicas para a Escola’ no Campus de Lugo

Cursos / 11.01.07

As clases do curso ‘Músicas para a Escola’ de creación musical e folclore, dirixidas por Inmaculada Cárdenas e impartidas por Pilar Cabeza, Charo Herrero e Isidoro Rodríguez, celebraranse os días 19, 20, 26 e 27 de xaneiro no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado. O prazo de inscrición permanece aberto dende este luns, día 8.

O curso, recoñecido cun crédito de libre configuración, consta de dúas partes diferenciadas, dedicadas cada unha delas a aspectos diferentes. Unha primeira, impartida polos especialistas en pedagoxía e creación musical, Pilar Cabeza e Charo Herrero, estará dedicada á creación musical, mentres que a segunda, impartida polo investigador Isidoro Rodríguez, dedicarase ao folclore.

Vicerreitoría de Coordinación
do Campus de Lugo
Praza Pío XII, 3
27001 Lugo
Teléfono: 982 28 59 00

Hermelinda do Muíño

ALALA / 09.01.07

Esta semana en Alalá da TVG...
...o equipo de Alalá leva ao espectador ata terras da Limia Alta, concretamente ao concello de Sarreaus, onde se atopa Hermelinda do Muíño, unha muller entrañable que conserva na súa memoria unha gran cantidade de coplas que escoitaba cando aínda era unha nena. Con ela poderanse coñecer as coplas que lles cantaban os mozos ás mozas cando saían de rolda, e tamén escoitaranse as que se cantaban nos fiadeiros e que acompañaban con latas de pemento e de carburo. Pero o máis salientable de Hermelinda e que tamén lembra longos romances sobre tristes historias de amor e moitos cantares de cego. Os cegos eran auténticos personaxes a principios do século pasado, cando percorrían a pé longas distancias para vender as súas coplas nas feiras, coplas coas que narraban truculentas historias de crimes e suicidios ocorridas noutros puntos de España. Eles eran os transmisores orais desas noticias que, ademais, vendían en cuartillas. Trinta anos nun muíño, afastados do mundo Precisamente Hermelinda era sobriña dun deste personaxes cegos, Ángel López, coñecido na redonda como o Cego de Sas. Del falarán con Hermelinda, que tamén contará como foi a súa vida de muiñeira, porque esta muller viviu máis de trinta anos nun muíño na compaña de seu home, Miguel. Alí, afastados do mundo, traballaban e cantaban durante horas, o que permitiu que Hermelinda repasase centos de coplas que foi fixando na súa memoria. Agora, con oitenta anos, vive soa, canta polo baixo e, cada día fai un esforzo por recuperar do esquecemento algunha vella copla que comeza a esvaerse.

III CERTAME GALEGO DE CANTARES DE REIS

Concursos e Certames / 05.01.07

Este Sábado, 6 de xaneiro de 2007, celébrase en Boimorto o III certame Galego de Cantares de Reis e o II Concurso de Recolla de Panxoliñas e Cantares de Reis. Será a partir das 18:00 horas.
A tradición dos cantares de Reis permanece aínda viva en moitas comarcas de Galiza e este certame ten a intención de conservala e darlle pulo e relevancia. Non vos perdades esta importante cita e disfrutade dunha noite de Reis en boa compaña e coa nosa tradición. Que teñades moitos agasallos!

Páxina 408 de 438