Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

GRAN ÉXITO DO I ENCONTRO DE TROMPAS NA FONSAGRADA

AGG / 23.04.07

O salón de actos do Concello da Fonsagrada encheuse ata completar aforo para a celebración o pasado día 21 do Iº Encontro de Tocadores de Trompa. Dende as 11 da mañá sucedéronse os relatorios a cargo de estudosos do folclore, artesáns, tocadores e demais persoas especialistas neste instrumento.

Era de obriga celebrar este Iº Encontro de Tocadores de Trompa na Fonsagrada, xa que foi nesta comarca onde se conservou a trompa cunhas características morfolóxicas e de interpretación que o fan singular dentro do mundo das guimbardas.

Como non, puidemos compartir momentos cos vellos mestres Emilio O Pando e César Fernández, que unha vez máis demostráronnos que idade non é nin moito menos un impedimento para transmitir a enerxía e ilusión que desprende a música que levan dentro.

O traballo de persoas xa desaparecidas coma Herminio Villaverde ou Otilio Álvarez tamén tivo cabida dentro do Encontro e houbo relatorios que axudaron a coñecer máis polo miúdo a obra que legaron estes dous homes fundamentais para coñecer a trompa na comarca da Fonsagrada.

Os materiais de construción, lingüetas, sonoridades, técnicas, guimbardas do mundo foron asuntos tratados para varios dos conferenciantes que despertaron a curiosidade e fomentaron o debate entre o público asistente.

Sen dúbida a celebración destas xornadas sobre a trompa galega deben constituír un punto de inflexión para a divulgación e interpretación do instrumento entre @s músic@s Galeg@s. Dende a AGG seguiremos traballando para o coñecemento e recoñecemento da Trompa da Fonsagrada e o número de tocadores aumente ano tras ano.

PROGRAMA ESPECIAL EN DIRECTO DENDE O ENCONTRO DE TROMPAS NA FONSAGRADA

Lume na Palleira / 20.04.07

O Sábado 21 de Abril, emítiuse un programa especial de "Lume na Palleira" da Radio Galega, dende o "I Encontro de Tocadores de Trompa" na Fonsagrada.

Ata alí desprazouse unha unidade móbil para emitir en directo o programa no seu horario habitual de 15:00 a 17:00h. Neste espacio radiofónico que dirixe Emilio Españadero, realizaranse entrevistas aos relatores e participantes no encontro, ademais de ter a oportunidade de escoitar música en directo.

“Lume na Palleira” é un programa da Radio Galega, especializado na música tradicional e folk, que conta cun gran número de oíntes. Esto dará a posibilidade a moitos deles de coñecer o mundo da trompa, así como o traballo de tocadores de trompa que pasaron toda a súa vida espallando o seu son.

Un dos obxetivos da Asociación de Gaiteiros Galegos, é a de ofrecer a todas as persoas interesadas na música tradicional galega, a oportunidade de coñecela máis a fondo. De ahí que a difusión a través da radio do I encontro de tocadores de trompa, permita a moita xente, acercarse a unha parte da nosa cultura da que este instrumento forma parte fundamental.

II CERTAME DE GAITEIROS SOLISTAS MANUEL DOPAZO

Concursos e Certames / 19.04.07

Este certame terá lugar o 13 de Maio do 2007 en Bandeira (Pontevedra), pero atención porque o prazo de inscrición remata o día 25 de Abril. Para consultar calquera dúbida, chamar ó telefono:986 58 55 50 (de 16 a 22 h.)

Podedes consultar as bases aquí

II SEMINARIO SOBRE PALLETAS E PALLÓNS PARA GAITA GALEGA

AGG / 18.04.07

O vindeiro DOMINGO 29 DE ABRIL , vaise a celebrar en MELIDE, o "II SEMINARIO SOBRE PALLETAS E PALLÓNS PARA GAITA GALEGA" organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos en colaboración coa Asociación Cultural e Musical O Castelo.

A Asociación de Gaiteiros Galegos con este seminario quere facer especial fincapé no tema das palletas e pallóns e a estreita relación que esta actividade ten coa construción e a interpretación do instrumento. Agardamos que se cree un ambiente propicio para que se dea un proceso de intercambio de ideas e opinións acerca dun tema que, en moitas ocasións, é obviado ou non ten acadado a atención que merece por parte de estudosos, artesáns e intérpretes da música tradicional e que, sen embrago, é fundamental para a perpetuación dun dos instrumentos máis emblemáticos da nosa cultura.

Abordaranse temas fundamentais e problemáticos tanto para artesáns como para intérpretes que xiran en torno a afinación da gaita e todo se fará baixo os garantes que proporcionan o coñecemento e a amplísima experiencia como é a que teñen os participantes neste seminario: Antón Corral , X. Manuel Gil, J. Luis Carballo Enríquez e Juan Brea.

Se queredes máis información sobre o seminario, podedes poñervos en contacto coa Asociación no teléfono 986 847 074 ou ben mandando un correo electrónico a: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Programa do seminario

II ENCONTRO DE GAITEIROS MANUEL VILLANUEVA

Varios / 18.04.07

Os días 1, 2 e 3 de xuño celebrarase en Poio o II Encontro de Gaiteiros MANUEL VILLANUEVA gaitas de fol do noroeste.

Entre as actividades organizadas destacan: relatorios, o IV concurso de gaiteiros MANUEL VILLANUEVA, xuntanza de gaiteiros e moitas mais novidades que podedes consultar neste nova. Non vos esquezades de acudir e participar da nosa música tradicional.

Actividades do encontro

XACARANDAINA

ALALA / 17.04.07

O martes 17 de Abril, o Alalá estará dedicado ao grupo folk Xacarandaina. Este grupo ten novo espectáculo e isto é para os amantes da música e do baile tradicionais unha gran noticia, xa que se trata dun dos históricos do folclore galego, que leva case trinta anos a recoller aplausos pola súa perfección no escenario e pola fidelidade coa que interpreta as cancións e as coreografías que recolle directamente dos maiores nas aldeas. Neste “Alalá” comprobarase e asistirase a este espectáculo chamado “Prestixio”, baseado na enorme riqueza en música e tradicións da Costa da Morte.

Se algo caracteriza á Asociación Xuvenil Xacarandaina é que dentro dos seus dous mil socios hai familias enteiras, desde os avós ata os netos. No programa coñecerase a unha destas familias, en que os pais comezaron a asistir a clases de baile hai pouco, despois de ver o ben que o pasaban os fillos, e fartos de agardar por eles cando os levaban aos ensaios ou a actuar desde que os nenos tiñan catro anos ata agora que están preto dos vinte.

Ademais da sona do grupo de baile, a asociación é moi coñecida tamén polo Círculo de Actividades de Tempo Libre, xa que dos cursos que organiza sae a canteira dos bailadores e músicos que compoñen o grupo; pero a oferta de actividades ten para todos os gustos, desde clases de reciclaxe para cativos ás de pintura ao óleo, ximnasia ou bailes de salón, e os alumnos van dos tres anos aos setenta. Sen perder de vista o obxectivo co que naceu Xacarandaina: pasalo ben e divulgar o folclore galego moito máis alá das nosas fronteiras.

III FOLIADA DE MELIDE

Festivais, Foliadas, Romarías / 16.04.07

O Domingo 29 de Abril, vaise celebrar a "III Foliada de Melide" organizada pola Asociación Cultural e Musical O CASTELO e patrocinada pola Deputación de A Coruña coa colaboración do Concello de Melide e a Asociación Catesol.
II Seminario sobre palletas e pallóns para gaita galega, Exposicións, Obradoiros, Xantar Popular, Baile Tradicional, Marcha Gaiteira, Monicreques..se queredes saber todas as actividades que se van a realizar tedes o enlace aquí mesmo. Non vos esquezades de acudir a esta gran festa!

Programa da Foliada

OBRADOIRO DE REGUEIFA

Varios / 16.04.07

A asociación Cultural Algaravía xunto coa Esmorga organiza o vindeiro xoves día 19 de abril un Obradoiro de Regueifa. Ahí van os datos:

Día: xoves 19 de abril
Lugar: A Esmorga (Ourense)
Horario: de 22:30 a 12:00
Imparte: Luís Correa "O Caruncho"
Entrada/ Inscrición: 3€

Queremos volver a recuperar unha das tradicións máis divertidas e creativas que, ata fai ven pouco, era bastante habitual que xurdiran espontáneamente os xoves de Comadres e Compadres do Entroido ourensán.

Para elo, contaremos cun dos mellores improvisadores ou regueifeiros da Galiza: Luís Correa "O Caruncho" que empezará dando unhas nocións teóricas sobre os segredos das cuartetas, as rimas e a improvisación para pasar, de seguido, á parte práctica, pois non hai mellor aprendizaxe.

Animádevos a sacar o voso lado máis poético, inspirador, humorístico, retranqueiro ou irónico.

¡Esperámosvos!

ASAMBLEA XERAL ORDINARIA

AGG / 13.04.07

O Domingo 15 de Abril de 2007 tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación de Gaiteiros Galegos.Este ano celébrouse na Aula de Cultura que a Fundación Caixa Galicia ten na Carreira do Conde, 18 (preto da Alameda), na cidade de Santiago de Compostela. O horario de celebración foi ás 11:00h. en primeira convocatoria, e ás 11:30h. en segunda convocatoria .

A orde do día foi a seguinte:

1-Lectura e aprobación se procede da acta anterior.
2-Informe das actividades realizadas.
3-Aprobación do estado de contas do ano 2006.
4-Elección de Xunta Directiva.
5-Rogos e preguntas.

Agardamos a vosa presencia.


Para chegar ao lugar podedes facer click sobre esta frase.

ARZÚA - TERRA DE MELIDE

Lume na Palleira / 13.04.07

O sábado, 14 de Abril, o recuncho da palleta estivo dedicado á zona de Arzúa-Terra de Melide, comarcas onde aparece a gaita de catro voces, da que se falou a través da figura dun dos mellores gaiteiros da zona: Manuel Lago Sánchez, gaiteiro de Carelle, Sobrado dos Monxes, quen representa a perfecta imaxe do gaiteiro solista, como manda a tradición.

Páxina 402 de 438