Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

RESULTADOS DO X CERTAME MANUEL TEXO

Varios / 07.05.07

Os resultados do X Certame Manuel Texo que se celebrou o 5 de Maio do 2007 son os seguintes:

1º- Os Chupacabras de Viveiro

2º- Abelente de Ourense

3º- Picuiña de Pontevedra

Noraboa a todos os premiados!

MEMORIAL MANUEL TEXO

Lume na Palleira / 04.05.07



O sábado 5 de Maio, nos recunchos da palleta contamos con Xosé F. Gil Dopazo para falarnos do Memorial Manuel Texo que este ano cumpriu o X aniversario.

Este Memorial é unha homenaxe á figura do gaiteiro Manuel Texo, un home que desde sempre foi defensor da música tradicional galega. Foi membro do grupo "As Requintas de Santa Cruz de Rivadulla" ademais de ser moi importante a súa aportación á conservación e recuperación de pezas de música tradicional.

Este certame, estase a converter nun referente dentro dos concursos de quintetos e cuartetos en toda a Comunidade Autónoma.

X MEMORIAL MANUEL TEXO

Varios / 04.05.07


A asociación cultural Ullán celebrou o X Memorial Manuel Texo o sábado 5 de Maio. O concurso comezou ás 19:00 horas na casa da cultura de Sta. Cruz de Ribadulla (Vedra).

Os grupos seleccionados para concursar este ano foron:
1-ABELENTE 2-PICUÍÑA 3-REQUINTA DE XIÁN 4-ANACOS DE BUXO 5-ROSA DOS VENTOS 6-OS CHUPACABRAS

O xurado estivo composto polos seguintes membros:
1-IVÁN COSTA 2-FRANCISCO ESTEVEZ ( CHUCO) 3-OLI XIRALDEZ

O manifesto foi a cargo de XURXO SOUTO. Ademais este ano celebraron o X aniversario do concurso polo que se fixo unha cea como motivo de celebración.

FIN DE SEMANA DO FOLCLORE GALEGO

Varios / 03.05.07

¿Gústache a música e o baile? ¿queres aprender a fabricar instrumentos, tocalos e bailar? ¿Queres sair da rutina, relaxarte e desfrutar cunha proposta orixinal? Propoñémosche un paseo polo folclore musical galego durante todo un fin de semana, nunha afastada casa de turismo rural onde poderás achar, ademáis de tranquilidade, un lote de información sobre os instrumentos musicais, o canto e o baile tradicional galegos e, sobre todo, moita diversión e relax.

Celebraremos o encontro na Casa da Alba, en Antas de Ulla, no mesmo corazón de Galiza. Os compañeiros guías serán Rosa Sánchez, Pablo Carpintero e Gustavo Couto. Reservas e máis información en:

626588381 (Pablo Carpintero)
981 57 15 88 de 10:00 a 14:00 (Rosa Sánchez)
Prazas limitadas a 25 persoas.
Fin da inscrición: 25 de Maio.

Podes coñecer todos os detalles aquí

PROBAS DE ACCESO Ó CONSERVATORIO DE MÚSICA DE VILAGARCÍA

Varios / 03.05.07

Para todos aqueles interesados en ampliar os seus coñecementos sobre a gaita, a matrícula para as probas de acceso a 1º G.M. de gaita no conservatorio de Vilagarcía de Arousa, son do 7 ó 18 de maio. Máis información sobre as mesmas no propio conservatorio.

Conservatorio Profesional de Música
Auditorio Municipal
Avda. da Mariña, 27
36600 Vilagarcía de Arousa
Pontevedra

Telf: 986 500 916
Fax: 986 504 226

E-mail:
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

GRAN ÉXITO DO II SEMINARIO DE PALLETAS E A III FOLIADA DE MELIDE

AGG / 02.05.07


O pasado domingo día 29 de Abril, o aforo do Centro Multiusos de Melide completouse totalmente para a celebración do II Seminario sobre Palletas e Pallóns para gaita galega. Ás 11 da mañá comezaron os relatorios que tiveron como protagonistas a Antón Corral e Xosé M. Gil en primeiro lugar e a continuación a Jose L. Enriquez e Juan Brea.

Foron moitos os asistentes, que solventaron as súas dúbidas sobre o empalletado, os tipos de palletas mais adecuadas para cada gaita, a afinación, sonoridad, e outros moitos temas que xurdiron ó longo da mañá. Incluso estableceuse un debate entre o público e os mestres relatores que resultou moi interesante para todos.

O traballo da Asociación de Gaiteiros Galegos tamén se puido coñecer na III Foliada de Melide. No stand da AGG estaban dispostos para a súa consulta varios libros do fondo bibliográfico da asociación entre os que destacaban "El traje gallego" de Antón Fraguas, que suscitou o interés de moitos visitantes.

Ademais da consulta de libros e material discográfico, tamén se contou con material audiovisual como un video da homenaxe ós Garceiras de Melide ou unha presentación das actividades realizadas pola asociación nestes últimos anos.

Sen dúbida o gran éxito de público tanto no II Seminario de palletas como na III Foliada de Melide debe resultar un medio para a divulgación da nosa cultura tradicional entre @s músic@s Galeg@s. Dende a AGG seguiremos traballando para que estas actividades se consoliden ano tras ano e cheguen a un maior número de persoas.

Fotos dos eventos

INÉDITOS II : OS PERUCHOS DE CASTRELOS

Lume na Palleira / 27.04.07



O recuncho do día 28 contou coa presencia extraordinaria de Antonio e Alejandro García Vila e Beatriz Riobó. Eles vannos a descobrir ós PERUCHOS DE CASTRELOS(VIGO) grupo histórico coetáneo dos Morenos de Lavadores e dos Campaneiros, pero con antecedentes familiares que se perden máis atrás.

INÉDITOS II adícalles este recuncho no que se porán versións gravadas por outros grupos do seu repertorio e contaremos en direto cas testemuñas dos Propios Peruchos e de Beatriz Riobó profesora do Conservatorio Superior de Vigo, Gaiteira e "Perucha" que investiga este capítulo tan interesante como pouco coñecido dun grupo que presumía de ser mellor que os seus coetáneos para nos polo de agora máis famosos.

CURSO DE ATURUXO

Cursos / 26.04.07

O Domingo 6 de Maio de 2007, no local da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras, terá lugar un Curso de Aturuxo impartido por Pablo Carpintero.

Lugar: LOCAL SOCIAL DA ASOCIACIÓN EN CACHEIRAS (TEO)
Hora: DE 10 A 14:30 H.
DATA LÍMITE DE INSCRIPCIÓN: XOVES 3 DE MAIO DE 2007.
Prezo do Curso:
- SOCIOS: 5 €
- NON SOCIOS: 12 €
Información e Inscripción: 661 539 087 (MONTSE) – 606 723 587 (ANA)

I NOITE DE FIADEIRO EN RAMIRÁS

Festivais, Foliadas, Romarías / 25.04.07

A escola de baile tradicional e canto e pandeireta do Concello de Ramirás coa colaboración con: Escola Provincial de Danzas da Deputación de Ourense , Aula de música tradicional Gomes Mouro , Coanhadeira e a Banda de Gaitas do Concello de Ramirás organiza o sábado 28 de Abril de 2007 arredor das 9:00h PM , a I Noite de Fiadeiro.

Ultimamente estase a escoitar continuamente a organización de seráns pero a inmensa maioría nas Provincia de Pontevedra e A Coruña. Un serán é unha festa tradicional onde tanto novos coma vellos se unen nos bailes e cantos co fin de pasalo ben . Agora queremos incorporar esta costume tan estendida nestas dúas provincias a provincia de Ourense onde eran mais coñecidos os fiadeiros , que inda que variando no nome a intención era a mesma , a diversión.

Recordamos que o Concello facilita as instalacións do pabellón municipal ( situado a 600 m aprox do Multiusos ) para quen queira quedarse a durmir. Para esto é indispensable traer saco de durmir e avisar a alguén da organización.

Para calquera contacto ou información sobre o evento falar con :

• Alexandre Sotelino Losada ( Organizador do fiadeiro e mestre da escola de baile tradicional do Concello de Ramirás )

• TELÉFONO: 639 90 80 05

• E-MAIL: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

MAPA PARA LOCALIZAR O LUGAR

JUANJO FERNÁNDEZ

ALALA / 24.04.07

A historia do Alalá do martes 24 de Abril, é a dun mozo que naceu en Madrid e terminou dándolle á súa vida un xiro de 180 graos. Alí creceu cos seus amigos tocando a guitarra ou indo a ver o fútbol ao Santiago Bernabeu. Sen ningún tipo de vínculo con Galicia, aquel mozo fixo 19 anos e tivo que ir facer o servizo militar a León. Alí a vida de Juanjo Fernández cambiou para sempre o día que pediron no cuartel alguén que tivera algo de formación musical para acompañar a banda de cornetas e gaitas nunha xura de bandeira. Daquela Juanjo xa tiña algúns coñecementos musicais e ofreceuse para facer soar aquel instrumento galego que se tocaba parecido á frauta. O que non sabía é que no momento en que puxo a gaita enriba do ombreiro a súa vida ía cambiar radicalmente... ata converterse nun dos mellores gaiteiros de Galicia.

Despois de rematar o servizo militar, Juanjo Fernández volveu a Madrid, pero en pouco tempo foi esquecendo as cordas da guitarra e substituíndoas polo punteiro da gaita. Eran os anos 80 e facíase raro ver un rapaz polas rúas de Madrid cunha gaita ao lombo. Case sen decatarse foi facendo da gaita a súa forma de vida. Como músico de rúa tocou por moitos recunchos do mundo, Madrid, Barcelona, París… pero a Juanjo faltáballe algo e canto máis tocaba máis quería tocar. Tres anos despois de dar a súa primeira nota, aquel mozo decidiu deixalo todo en Madrid e vir a Galicia para cumprir o soño que o alimentaba desde que saíu da mili: ser gaiteiro.

Hoxe en día, despois de 25 anos en Galicia, Juanjo Fernández é un dos investigadores principais sobre música tradicional da nosa terra e unha das figuras máis importantes no descubrimento do ancestral “toque pechado”, unha forma de tocar a gaita á que Juanjo dedicou boa parte da súa vida e as súas investigacións incansables por todo Galicia. Rodeado de amigos e coa familia en Lugo, Juanjo Fernández dá clase de gaita e séntese galego, algo imposible de negarlle a un home que loitou toda a vida para vivir como galego e ser un dos mellores gaiteiros de Galicia.

Páxina 401 de 438