Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

CANTAR Ó VIVO

Concertos / 14.06.07


Leilía ven de presentar o seu espectáculo en Santiago de Compostela, na sala Mozart do Auditorio de Galicia, dentro dos actos de celebración do “150 Aniversario da Facultade de Farmacia” o 15 de xuño ás 20:30h. Nesta ocasión a proposta que poñen enriba do escenario era “Cantar ó Vivo” .

CANTAR Ó VIVO:

Un espectáculo áxil e dinámico, no que o espectador viaxa a través da historia de Leilía.

Queren lembrar musicalmente uns anos xa pasados, dende aquel ano 1989 no que naceron.A historia dun pobo está unida a unha música, a unhas letras e a unhas imaxes, e como non podía ser doutra maneira, a historia de Leilía tamén son unhas melodías, unhas palabras e unhas persoas.

“Cantar ó vivo” é pois un repaso á vida musical de Leilía. Unha actuación na que irán dende a sua vertente máis tradicional ata a máis actual.

Enriba do escenario as cinco leilias coa súa banda, nun concerto de hora e media. É unha proposta que recolle a esencia de Leilía, o que lles deu a vida, a sua aposta porque os galegos e non galegos de hoxe en día rían, canten, bailen e se emocionen co legado que os nosos maiores tiveron a ben de amosarnos e que a nosa música teña o seu propio espazo e a súa propia proxección de futuro.

CABANA DE BERGANTIÑOS

ALALA / 12.06.07

O martes 12 de xuño vimos a viaxe de Alalá ó concello de Cabana de Bergantiños, rico na paisaxe de forza da terra e do mar; rico no tempo, xa que un pode achegarse ata o Castro de Borneiro ou ata o Dolmen de Dombate, e, coma non, rico na tradición musical, pois aquí o que non regueifa bota unha copliña con moita graza, quen non toca a gaita ou a pandeireta recorda un poema, e o que non quere botar arte pola boquiña, amósaa con todo o corpo e fai calar a todos cun baile, porque só aquí se conservaban bailes hipnotizantes como a Muiñeira Vella ou a Jota Roubada.

En Cabana de Bergantiños hai un artista por metro cadrado e coñecerémolos a todos, así que o equipo do programa veu ata aquí e aquí quedou. Con toda esta riqueza é normal a cantidade de tradición oral que había e hai por estas terras. Non hai moito tocaban por aquí os míticos gaiteiros de Neaño co “ghai ghai”. Pero á parte dos gaiteiros, aínda quedan cantos de cego, de arrieiro, regueifas ou coplas. De feito, as coplas que se conservan aquí son moitas delas en galego, o que ten dobre mérito. As coplas son rimas con moita retranca que dúas cantareiras ou cantareiros enlazan segundo o tema. O grupo “Ruote” ten no seu repertorio bastantes pezas recollidas nesta zona por Pablo e Olga, dous dos seus compoñentes e guías desta viaxe por Cabana de Bergantiños.

Xuntos no persoal e no laboral, levan pateando este recuncho do mundo dende hai case 20 anos recollendo cada copla, cada baile e cada peza musical ou cantada, sendo investigadores e profesores, porque todo o que recolleron ensináronllelo como é aos rapaces da súa aula de música tradicional “Donaire”, na Coruña. Unha historia de amor e artistas, como as de antes.

VII ROMARIA DO LECER

Festivais, Foliadas, Romarías / 11.06.07

Despois dun duro ano de traballo chega a festa das festas por excelencia... ¡a VII Romaria do Lecer!

O sábado 16 de Xuño, terá lugar no Paseo das Pontes a Foliada, a partires das 9 da noite, onde grupos de toda galicia tocarán unhas peziñas para que os bailadores mais animosos botedes uns bailes.

O domingo 17 de Xuño, durante todo o día haberá no mesmo lugar, a clausura das actividades da Asociación Xacarandaina, organizadora do evento, e ademais haberá sorteo de agasallos, torneo de tute, obradoiros de artesáns, xogos para os mais pequenos, polbo, churrasco e bochinche para o que teña fame... ¡Teremos de todo!

Xa sabedes... O plan promete, así que esperamos vervos por alí, xa sabedes, 16 e 17 de Xuño no Paseo das Pontes (A Coruña)

PACO, O GAITEIRO DE ESCORNABOIS

Lume na Palleira / 08.06.07


O Sábado 9 de Xuño, Pablo Carpintero compartiu a sección dos recunchos da palleta co gaiteiro de Escornabois, Paco, un grande gaiteiro de case 80 anos, da Limia, da Aldea de Escornabois.

Paco, que ven de publicar un disco con Edicións do Cumio producido por Pablo Carpintero, é probablemente un dos gaiteiros máis recoñecidos de Galicia.O seu peculiar xeito de mover os dedos sobre o punteiro, os seus picados e repicados, atraen ós músicos máis novos que intentan imitar as súas características ornamentais. Ademais é un mestre cun repertorio interminable, que acode todos os anos ó Entroido de Laza para animar esta festa ancestral co son da súa gaita .

Nos recunchos estivemos toda a hora conversando e tocando con el para coñecer mellor a esta figura tan importante da nosa música tradicional.

PREMIADOS NO IV CONCURSO DE GAITEIROS MANUEL VILLANUEVA

Concursos e Certames / 07.06.07


O IV Concurso de Gaiteiros MANUEL VILLANUEVA celebrouse na Praza da Chousa (Combarro - Poio) o día 2 de xuño, dentro das actividades do II Encontro de Gaiteiros MANUEL VILLANUEVA gaitas de fol do noroeste, evento organizado pola Asociación Cultural Pai da Cana e a Escola de Música Tradicional de Poio e promovido polo Concello de Poio e a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia.

Presentáronse seis conxuntos formados por gaita, redobrante e bombo. Os conxuntos participantes foron: Os Tres Retellos (O Hío), José M. López Trío (Vedra), Os Miluchos (A Fonsagrada), Tentenoaire (Castro Caldelas), Os Trasnos da Gaita (Vigo), e Media Levas (Cacheiras).

O xurado estivo composto por: Ernesto Campos, Álvaro Novegil, Begoña Louzao e Andrés Vilán

Fallo:

- Premio Especial MANUEL VILLANUEVA dotado con 600 €, trofeo e diploma para José M. López Trío (José M. López, Jordi Castaño e Ricardo Tubío)
- 3º Premio dotado con 600 €, trofeo e diploma para Os Tres Retellos (Alberto Coya, Roi Ádrio, Alberto Costas)
- 2º Premio dotado con 900 €, trofeo e diploma para José M. López Trío (José M. López, Jordi Castaño, Ricardo Tubío)
- 1º Premio dotado con 1200 €, trofeo e diploma para TENTENOAIRE (Pablo Devigo, Marcos Pérez, Miguel Fraguas)

Os trofeos entregados son obra exclusiva e doazón da Escola de Canteiros de Pontevedra para este concurso.

PRESENTACIÓN DE "MÉTODO DE GAITA GALEGA I"

Publicacións / 06.06.07


O sábado día 9 de xuño ás 20:30 horas no auditorio municipal A Xuventude, en Cambados, tivo lugar a presentación do libro "Método de Gaita Galega I" de Xaquín Xesteira, publicado por Edicións do Cumio.

O Curriculum de Xaquín Xesteira, natural de Cambados, é un dos mais impresionantes da música galega, polo que é moi complicado tratar de resumilo nunhas cantas liñas. So mencionar que a súa actividade laboral aséntase como mestre de gaita e percusión no Departamento de Música Tradicional da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (antes Universidade Popular) dende o ano 1996 do que é profesor na actualidade.

Ademais no ano 1990 funda xunto con Xan López, Antón López e Xabier Martínez o grupo, amais de Os Faíscas, no que é compoñente na actualidade: TREIXADURA GAITEIROS. Neste ano funda xunto con Paulo Nogueira, o grupo Ansuíña de Vilanova de Arousa.

Patrono da Fundación Sondeseu, que alberga no seu seo a única Orquestra Folk de Galicia que leva o seu nome, sendo Director das Seccións de Gaita e Percusión.

Tamén colabora na Banda de Música de Castrelo de Cambados como Oboísta dende o 2003.

"Método de Gaita Galega I" é unha das obras mais esperadas por aqueles que disfrutan da música tradicional porque teremos a oportunidade de aprender dun dos mestres mais importantes da nosa terra.

GALICIA EN CUBA

ALALA / 05.06.07

O programa Alalá segue esta semana en Cuba e hoxe, martes 5 de xuño, falará das historias dos últimos galegos que emigraron e da conquista da aldea galega en Cuba. A comunidade galega na Illa foi tan numerosa que contaxiou e introduciu un xeito de vida e unha cultura. O que poucos se poden imaxinar é ata que punto o “galego” é unha figura digna de admiración.
Para comprobar todo isto estará cos galegos mais velliños que viven na Habana, algúns recordan perfectamente o seu idioma, a súa terra e parece que nunca saíran de aquí.

O reflexo de Galicia en Cuba, atopámolo nas aforas da Habana, na Sociedade de Monterroso e Antas de Ulla, hai anos foi fundada por uns galegos e hoxe unha chea de nenos cubanos bailan muiñeiras e xotas, aprenden galego, non só os nenos senón seus pais, e descubriron neste centro unha alternativa de ocio. O Dez de Octubre é un barrio obreiro, pobre e con poucos recursos pero todos os que van alí –galegos e non galegos- quedan namorados deste centro. Como souberon aqueles galegos que o fundaron transmitir o sentimento de xeración en xeración!

Tamén estará con Olga, unha encantadora galega que nos conta como lle foi a vida lonxe da súa Galicia e as numerosas adaptacións que tivo que sufrir.

A música é outro elemento que se fusionou en Cuba dun xeito inconfundible e soan as gaitas, bombos e pandeiretas a ritmo de tumbao, de guaracha e de ritmos caribeños.

En resumo o galego en Cuba é sinónimo de traballador, de esforzo, de honradez. Con tenacidade estudou e acadou bos resultados, chegando a ter o seu propio negocio e vivindo dignamente aínda que a maioría non conseguira o soño americano.

INÉDITOS III- "OS TERRIBLES DE DONAS"

Lume na Palleira / 01.06.07


O Sábado 2 de Xuño, no espacio "o recuncho da palleta" e da man de Xaime Estévez, tivemos a oportunidade de coñecer a "OS TERRIBLES DE DONAS" grupo histórico do Val Miñor que na actualidade volve con forza da man dos fillos e netos dos fundadores que están recuperando as pezas propias do grupo e preparando unha posible gravación das mesmas.

No programa tivemos ocasión de falar cos herdeiros naturais do grupo e actuais compoñentes : Manolo,Suso,Verónica e Xurxo e ademáis tivo lugar unha actuación en directo no propio recuncho con repertorio inédito e orixinal deste grupo.

II FERIA DE FOLKLORE EN PORTUGALETE

Varios / 31.05.07


Os días 8, 9 e 10 de Xuño tivo lugar a II Feria de Folklore en Portugalete (Vizcaia). Todos os interesados puderonse achegar ata á Plaza del Solar, no Mercado de Abastos, onde atoparon unha das mellores mostras de artesanía que non vos debichedes perder.

O Centro de Cultura Tradicional Elai-Alai é o encargado da organización desta feria de Folklore, traballando a favor da cultura tradicional dunha forma anónima. Con esta feira, preténdese crear un espazo de reunión no que se mostre ó público esta labor e así facer da nosa cultura algo interesante para as novas xeracións.

Ás 10:00 horas realizouse a apertura da feira podendo asistir ós diversos talleres: percusión, baile, cerámica, cancións tradicionais, etc. Tamén houbo dous escenarios, nos que se sucederon talleres, concertos, espectáculos e incluso unha romería o sábado á noite.Tanto o sábado como o domingo, non faltou a animación polas rúas a cargo de diversos grupos da zona.

Todos os que tivéchedes a ocasión de asistir, houbo aquí unha boa oportunidade de coñecer un pouco mais de cerca a tradición.

"VAI DE CAMIÑO 2007"

AGG / 30.05.07

Como xa sabedes, o pasado día 10 de Maio tivo lugar a presentación da programación cultural "Vai de Camiño 2007", compendio das actividades lúdico-culturais nas diferentes rutas xacobeas durante o verán, organizadas pola Consellería de Innovación e Industria, a través do Xacobeo. Trátase dun proxecto que intenta conformar un circuito cultural estable no que desenvolver unha programación anual diversificada, plural, participativa e de calidade, que reforce esta vía como a ruta cultural máis importante de Europa e que contribúa á dinamización económico-social dos camiños, das vilas, do territorio e das súas xentes.

O 100% das actividades serán realizadas por artistas galegos coa intención de promover a súa actividade profesional e a súa capacidade creativa; potenciando asimesmo a popularización da cultura galega tanto entre os habitantes de Galiza como entre os camiñantes, turistas e público en xeral.

A Consellaría de Innovación e Industria e o Xacobeo contan nesta ocasión coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos, que escolleu a 72 grupos de música tradicional participantes no programa. A música tradicional estará presente en todas as grandes actuacións como a animación de rúa, os catro festivais de música tradicional ou os quince festivais de pequenas vilas cun formato acústico. Todos os participantes foron seleccionados das nosas bases de datos, elaboradas a partir das enquisas de músicos tradicionais que os nosos socios enviaron.

Todos os interesados en coñecer ós grupos participantes no "Vai de Camiño 2007" teñen o listado aquí.

"Vai de Camiño 2007"

Páxina 399 de 438