Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

PABLO CARPINTERO

ALALA / 26.06.07

O martes 26 de Xuño, o equipo do programa compartirá co público o coñecemento dun verdadeiro “crack” da música tradicional: Pablo Carpintero, un magnífico gaiteiro que ademais é un dos maiores expertos en folclore do noso país, que constrúe e restaura instrumentos, produce discos, organiza exposicións de instrumentos antigos, dirixe varios grupos, colabora en programas de radio e intenta por todos os medios que a cultura tradicional chegue a todos.

Pablo Carpintero é un home xeneroso que doou todo o material acadado durante anos de traballo de recollida ao Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega, e por esa xenerosidade e polo seu altísimo nivel de coñecementos é admirado e querido polos outros músicos e estudosos da tradición. A pesar de ser aínda novo, leva feito un enorme labor de estudo e recuperación da cultura tradicional e agora traballa na que será a primeira tese de doutoramento dedicada á gaita galega. Para el será o segundo doutoramento, porque este Leonardo da Vinci da nosa terra é ademais doutor en Ciencias e un destacado investigador no eido da xenética molecular.

Neste programa coñecerase ademais a súa faceta máis familiar, as súas reflexións sobre a situación actual da cultura en Galicia, e saberase moitísimo sobre a gaita e outros instrumentos galegos curiosos que forman parte da colección completa que posúe Pablo Carpintero.

VIII MEMORIAL "RICARDO PORTELA"

Concursos e Certames / 25.06.07


O sábado 14 e o domingo 15 de Xullo celebrarase en Pontevedra o VIII MEMORIAL "RICARDO PORTELA".

O sábado 14 de xullo, terá lugar o concurso do Memorial, en dúas fases: unha eliminatoria pola mañá e unha final polo serán. Poderán participar nel agrupacións musicais tradicionais galegas no formato de cuarteto, quinteto ou sexteto.

Os importes dos premios en metálico para a presente edición serán: 1º-1500 euros; 2º- 900 euros; 3º- 600 euros. Ademais hai dous premios especiais:un premio especial “Ricardo Portela” de 600 euros para a mellor interpretación dunha peza do repertorio de don Ricardo e un premio especial “Seivane-Goretex”, consistente nunha gaita creada especialmente para o VIII Memorial.

A inscrición deberá de formalizarse no rexistro do Concello de Pontevedra, ben en persoa, ben por correo e o prazo remata o 10 de Xullo. Mais información no Concello de Pontevedra: 986 896 528

Ademais do concurso, tanto o sábado como o domingo teremos a oportunidade de visitar a "VI Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais" na Praza da Verdura.

Bases do Concurso " VIII Memorial Ricardo Portela" e cartaz

NOVA TITULADA SUPERIOR DA ESPECIALIDADE DE GAITA

Concertos / 25.06.07

A Gaiteira viguesa Lorena Freixeiro realizará o seu concerto de fin de carreira, dentro da especialidade de "Instrumentos da música tracicional galega", o vindeiro xoves día 28 de xuño ás 16:00 no auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de música de Vigo. Convertirase así na segunda titulada superior nesta especialidade. A entrada é libre ata completar o aforo.

II MOSTRA DE FOLCLORE TRADICIONAL DE BRINCADEIRA

Varios / 25.06.07


O vindeiro sábado, 30 de Xuño, a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal en Santiago de Compostela, terá lugar a II Mostra de folclore tradicional do grupo Brincadeira.

Ao longo dunha hora e media coñeceremos de primeira man o traballo feito polo alumnado desta escola de baile, gaita, percusión, pandeireta e acordeón, realizado ao longo de todo o curso. Tres grupos de cada disciplina (o dos cativos, e de adultos, iniciación e perfeccionamento) en baile, pandeireta e gaita, tambor e máis bombo, pasarán polo escenario do Teatro Principal.

Amosarán diferentes pezas tradicionais recollidas nas diferentes comarcas galegas, tentando reflectir da maneira máis fiel posible a cultura tradicional. Por suposto, vestidos co traxe tradicional, co que ademais poderemos gozar da riqueza e variedade das pezas, tanto de cotío como de gala, de distintas zonas de Galiza, de xeito que coñeceremos de xeito integral a nosa cultura.

Horario: 21:00 h.

Lugar:
Teatro Principal
Rúa Nova, 21. 15701, Santiago de Compostela

Prezo: De balde

IV CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL "RICARDO PORTELA"

Concursos e Certames / 22.06.07



O Concello de Cotobade organiza o IV Concurso de música tradicional "Ricardo Portela" - O Gaiteiro de Viascon-. Este será un concurso de gaita aberto, sen cota de inscrición, no que poderán participar tódolos/as Gaiteiros/as que o desexen dentro dun único apartado: “toque pechado” , modalidade individual.

As/os participantes deberán levar traxe tradicional galego e poderán ir acompañadas/os por un/unha percusionista, sempre e cando utilice percusión tradicional galega.

O Concurso celebrarase o sábado día 21 de xullo ás 18:30 horas, e a entrega de premios será o domingo 22 de xullo despois do Xantar Popular que haberá na Carballeira da Portela.

O prazo de entrega de inscrición rematará o 13 de xullo de 2007 ás 13:00 horas e haberá un único premio de 1200 €. Máis información no Concello de Cotobade (986 760 001 )

Animádevos a participar!!

Podedes atopar aquí as bases do concurso e a folla de inscrición.

FESTIVAL DE....RAÍZ EN CALLOBRE (A ESTRADA)

Festivais, Foliadas, Romarías / 21.06.07

Estimados gaiteiros e gaiteiras:

Os vindeiros dias 29 e 30 de Xuño vaise celebrar a oitava edición do festival ...de raiz en Callobre (A Estrada). O programa quedou como sigue:

VENRES 29
Grupos da bisbarra: A CHAVE DO XARRO, ALVARIZA, OS KE AI, A REQUINTA DE XIAN

SÁBADO 30
Ás 21:00 Charla sobre ELABORACIÓN E AFINACIÓN DE PANDEIRO E TAMBOR, a cargo de D. Dionisio Aboal, artesano e compoñente dO GRUPO Os Alegres de Pontevedra.

Logo tocarán os grupos BRIGANTHYA de Euzkadi, TREIXADURA e RUXE RUXE. Ámbolos dous dias haberá polbo e zoa de acampada.

Paralelamente estanse a celebrar unhas charlas na sá de exposicións do Teatro Principal de A Estrada; o domingo celebrouse unha denominada "As Espadelas" a cargo de D. Manuel Rodriguez Calviño e Dna. Mª Belen Sáenz-Chas Díaz.

O vindeiro domingo ás 20 horas celebraráse outra a cargo de D. Pablo Carpinteiro e D. Santiago Otero sobre "As Requintas da Ulla"

Estades todos e todas convidados!!

VIII SERÁN O FIADEIRO

Festivais, Foliadas, Romarías / 20.06.07


O Vindeiro sábado 30 de Xuño terá lugar un novo serán, esta vez en Vigo. Trátase do VIII Serán O Fiadeiro que se vai a celebrar no salón da A.VV. de Sta. Mariña de Cabral.

Ás 20:00 horas comezará un acto de fin de curso da escola O Fiadeiro 06/07 coa intervención de tódolos grupos da escola, e a partir das 21:30 horas, disfrutaremos co serán no que abrirán o acto os pandereteiros/as e a charanga da A.C.F. O Fiadeiro.

Se necesitades mais información podedes consultar a páxina web do fiadeiro ou chamar ó teléfono 629 585 355.

VAL DA ULLA

ALALA / 19.06.07

Nesta nova edición, do martes 19 de Xuño, o programa Alalá viaxa ao Val da Ulla. En San Miguel de Sarandón viven Marcelino de Muiñeiro e Pepe de Nande, os dous últimos requinteiros que aínda tocan nunha formación estable. Ao redor destes grandes e vellos mestres reuniuse un grupo de músicos novos que, engaiolados polo son da requinta, quixo recuperar as vellas tradicións musicais da Ulla con “A gaita de Sarandón”.

Pepe e Marcelino ademais de veciños son amigos desde a infancia. Xuntos teñen unha chea de vivencias tanto musicais coma persoais. O que tiveron en común os dous foi o amor pola música, de cativos conseguiron xa o seu primeiro pínfano ou frauta e con el andaban “pinfaneando” mentres andaban coas vacas nas veigas. Descubriremos tamén como se empregaban hai moitos anos instrumentos pouco coñecidos, como pode ser o charrasco.

Recuperar o repertorio e o legado musical que os dous reteñen na mente son os obxectivos do grupo, as pezas de cando tocaron na “Gaita de Vedra” e as das festas e troulas cos veciños de Sarandón. Grazas ao traballo e esforzo deste grupo, a requinta, un instrumento case esquecido, está a vivir hoxe un momento de esplendor que se ve reflectido coa publicación do seu primeiro traballo discográfico: Requinteiros da Ulla.

Na gaita de Sarandón hai unha mestura de idades, caracteres e personalidades. Ademais de músicos, no grupo hai un enxeñeiro, un investigador, un bibliotecario, un mecánico…e de todo isto xorde unha formación que está a acadar un éxito importante, que lembra aqueles grupos de requinteiros, de comezos do século vinte, que constituían outro dos emblemas do Val da Ulla

SONDESEU EDITA "TRASTEMPO", UN NOVO TRABALLO DISCOGRÁFICO

Prensa / 18.06.07

A música popular galega sae do circuito das festas e romerías para afianzarse nos teatros e auditorios das cidades sen complexos. A orquesta folk SONDESEU é a única no seu xénero. Confírmao o ex membro de Milladoiro, Rodrigo Romaní, que é o director desta agrupación integrada por mais de corenta xóvenes intérpretes coordinados polos responsables de cada sección instrumental.

Con este experimento que naceu no 2001 dunha experiencia didáctica levada a cabo na Escola de Artes e Oficios de Vigo, confírmase que ó folk quédanlle todavía camiños inéditos para explorar. A orquesta presentou estos días o seu segundo disco, "Trastempo", deixando constancia da enerxía que se desprende dun orixinal traballo que combina a interpretación da tradición sonora galega con arranxos contemporáneos.

Tras realizar varios concertos en Galicia, Sondeseu editou no 2004 o seu primeiro disco, Mar de Vigo. Trastempo, o segundo, terminouse de gravar fai tres meses en Casa de Tolos, os estudios que dirixe en Gondomar o ex-Siniestro Total, Segundo Grandío. A maior parte dos temas pertencen ó repertorio tradicional, pero tamén hai novas composicións que firman dous dos integrantes da orquesta e que confirman a política participativa pola que se rixen: o arpista Xulio Abal, que tamén forma parte do grupo Quempallou, e a gaiteira Ana Belén L. Villar, que xa se estrenou como compositora no álbum de debut, aportan dous temas.

A orquesta prepara de cara ó outono unha xira de concertos por diversas cidades galegas para dar a coñecer este novo disco.

AS GAITAS DE ALCACÉN

Lume na Palleira / 15.06.07


O Sábado 16 de Xuño, Pablo Carpintero tratou un tema moi interesante nos recunchos da palleta: as gaitas de alcacén.

Trátase dun tipo de clarinete, que xunto con outros instrumentos fabricados con pallas de centeo, avea ou trigo, aparece por toda Galicia. Son instrumentos que serviron para a aprendizaxe de multitude de vellos gaiteiros e a maioría deles todavía sabe como fabricalos e tocalos.

As pipas de alcacén son quen de reproducir, se son fabricadas coa suficiente destreza, calquera tipo de melodía propia das gaitas de fol ou do canto tradicional. E ademais son con estes sinxelos instrumentos cos que a maior parte dos nosos vellos gaiteiros comezaron a tocar. Pero de todo este tema, ninguén mellor que Pablo Carpintero para darnos mais información nos recunchos.

Páxina 398 de 438