Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

REDE GALEGA DE MÚSICA AO VIVO 2008

Varios / 10.07.07


Un ano mais a Asociacion de locais de musica ao vivo "Clubtura", integrada neste momento por unhas 50 salas e o IGAEM, pertenecente a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte, ven de firmar un convenio para poñer en marcha a Rede Galega de Música ao Vivo do ano 2.008.

Xa está colgada na web do IGAEM a información relativa a este novo circuíto, para o que se abriu o prazo de inscrición -até o día 3 de Agosto- dirixido a todas as formacións musicais, de calquera estilo, interesadas en participar.

Tedes un enlace, ademais, ao documento coas normas de funcionamento da RGMV, que podedes consultar no caso de que estedes interesados, tanto grupos, como salas en participar neste novo proxecto, e onde tamén atoparedes as normas do proceso de programación.

Rede Galega de Música ao Vivo

PRIMEIRA MULLER LICENCIADA EN GAITA

Prensa / 09.07.07

Lorena Freijero, viguesa de 24 anos, graduouse no Conservatorio Superior de Música de Vigo na licenciatura de gaita. Algo que a simple vista parece un simple título é na realidade todo un feito histórico, xa que é a primeira muller que conseguiu graduarse nesta especialidade en toda Galicia.

Comezou a tocar a gaita con tan so sete anos, e aos 9 xa estaba matriculada no Conservatorio de Vigo con Carlos Nuñez como profesor, con quen xa tocou nalgunha ocasión. Lorena síntese moi orgullosa e afirma que para tocar a gaita mais que a forza, o que importa é a práctica e que todo o mundo ten a posibilidade de aprender, tanto homes como mulleres.

En canto o seu futuro, esta nova titulada afirma que a súa ilusión era licenciarse e dedicarse a esto profesionalmente, dando clases no conservatorio, ainda que non descarta ningún outro proxecto que poida xurdir.

CAMPAMENTO DE VERÁN 2007

AGG / 06.07.07

A Asociación de Gaiteiros Galegos, en colaboración coa Alberguería Os Biocos da Vía Nova, organiza un campamento de verán para nen@s, “AVENTURA CASTREXO ROMANA”, que se vai a levar a cabo entre os días 21 e 26 de Agosto, ambos incluídos, en Castro Caldelas (Ourense).

Esta actividade está dirixida a nen@s con idades comprendidas entre 8 e 15 anos. A duración será de 6 días en réxime de pensión completa con aloxamento en cuartos múltiples con liteiras. Porase tamén a disposición dos nen@s un autocar para o traslado ata o campamento, que sairá dende Santiago o día 21, facendo paradas nas cidades de Lalín e Ourense, nesta mesma orde.

Ademais de estar en contacto coa natureza e coñecer un pouco mais a historia dos pobos castrexo e romano, neste campamento os nen@s terán a oportunidade de realizar diferentes actividades relacionadas co mundo da música tradicional, supervisadas pola Asociación de Gaiteiros Galegos.

O prezo total do campamento é de 160€ por nen@, que se pagarán mediante un ingreso en conta. A inscrición farase chamando ó teléfono da Asociación de Gaiteiros Galegos, 986 847 074 en horario de 8:00 a 15:00 horas, antes do 31 de Xullo de 2007. Animádevos!!

PHOENIX, ESPECTÁCULO MULTIMEDIA

Varios / 05.07.07

O vindeiro sábado, 7 de Xullo, na Carballeira das Ermidas(Concello da Lama), terá lugar a participación de Xosé Manuel Budiño no espectáculo multimedia PHOENIX, onde Budiño lle porá, cun concerto, a música ás fotografías de X.M.Albán.

A festa comezará ás 18:00 h cunha romería popular con pulpeiras é gaiteiros para animar o ambiente, mais tarde, ás 23:00 h poderemos disfrutar do espectáculo audiovisual con videocreacións en directo de F.I.N.

Se queredes mais información, podedes atopar un video-presentación en youtube, buscando Albán + Phoenix.

RUADA DA "RAPA DAS BESTAS" EN SABUCEDO

Festivais, Foliadas, Romarías / 04.07.07

O vindeiro domingo 8 de Xullo, a partir das 19:00 horas en diante, teremos a oportunidade de disfrutar da Rua da Rapa, que terá lugar na Carballeira de Sabucedo (A Estrada).

Este serán está organizado pola Asociación Cultural Tear de Llerena dentro das actividades relacionadas coa "Rapa das Bestas 2007" que está declarada Festa de Interés Internacional.

As actuacións previstas son as seguintes:
- Pandeireteiras de Barro de Arén (Cerdedo)
- Os Abrentes (Cerdedo)
- José, o gaiteiro do Piñeiro

e por suposto, tod@s @s que vos apuntedes!!!! Animádevos a asistir.

"VENTE VINDO" NOVO DISCO DE FÍA NA ROCA

Discografía / 03.07.07

Fía na Roca ten á venda o quinto disco, "Vente vindo", catorce temas cantados na súa maior parte, e gravada seguindo un proceso novo, participativo e moi vivo.

Levaban tres anos sen gravar, porque como explicou na presentación do cedé Xosé Ramón Vázquez, «somos un grupo libre e independente, que traballamos sen presión comercial nin discográfica. Non temos présa, e menos no panorama actual, no que os grupos escóllense en probas de selección». Tamén deixou clara unha cousa que parece que asenta no sector musical galego: «Temos que esquecer traballar só en Galicia, debemos proxectarnos fóra e máis aló do Estado».

Con ese espírito emprenden unha etapa nova, coa voz de Sonia Lebedynski por primeira vez na maioría das pezas. Iso non significa que renuncien aos principios e as orixes do grupo, que pasan por facer música actual partindo da tradicional e arriscando artisticamente con cada novo paso na súa traxectoria.

"Vente vindo" gravárono en catro días en Angueira, froito dun traballo colectivo, de colaboracións duns e doutros, con arranxos e composicións novas, con Pablo Barreiro de técnico de son e responsable da gravación, nun concerto sen público nin luces, pero con todo o que fai falta para sacar un produto co que están satisfeitos e con gañas de ir de xira todo o verán.

VI FESTA RACHADA DA BAÑA

Festivais, Foliadas, Romarías / 02.07.07

O vindeiro Sábado 7 de Xullo de 2007, vaise celebrar a VI Festa Rachada da Baña no lugar da área recreativa Agra de Chans, en San Vicente.

Dende as 13:00 h. actuacións de:
-“ Os Pequenos da Baña”
-“Os Armadanzas de Laraño”.

A continuación, xantar de campo, (aquela xente que veña xantar, debe trae-la comida, xa que non a haberá á venta) e logo dende as 18:00 horas obradoiros de baile tradicional, con Gustavo Couto e de xogos coa asociación Correolas.

Contaremos tamén coas actuacións especiais de:
-Manuel Viquera, de Ordes.
-Murga “Os Campantes da Baña”.
-Grupo de Baile Xiradela de Arteixo.
-Os Carunchos de Vigo.

Os que saibades tocar algún instrumento, non dubidedes en acompañarnos con el. ¡¡¡O remate do xantar e das actuacións, haberá foliada!!!

NOTA: Haberá sitio para acampar. Para máis información chamar os Tlfs : 696740502 Emilio Lois e 656908829 Manolo Tourís.

ORGANIZA: ASOCIACIÓN CULTURAL “O TILLEIRO” E A MURGA “OS CAMPANTES DA BAÑA”.

DESCANSO DOS RECUNCHOS ATA SETEMBRO

Lume na Palleira / 29.06.07

Durante os meses de Xullo e Agosto vaise a facer un pequeno parón na emisión dos "recunchos da palleta" posto que como todos sabedes, estamos en periodo de vacacións e na radio tamén necesitan un descanso.

"Lume Na Palleira" naceu como unha proposta musical alternativa dentro das ondas radiofónicas da Radio Galega, tratando de que a música folk e tradicional, tanto do noso país como de outros (principalmente os de influencia céltica), tivera presencia a traveso de ditas ondas. Coa sección dos "recunchos da palleta" tratamos aportar algunha axuda a todos aqueles interesados pola música tradicional que teñen interese en ampliar os seus coñecementos sobre a nosa cultura.

Nos últimos meses tratáronse temas tan interesantes como a historia de "Os Terribles de Donas" e Paco, o gaiteiro de Escornabois. Tamén falouse do Memorial Manuel Texo, de "Os Peruchos de Castrelos" e incluso fíxose un programa especial en directo de "Lume na Palleira" adicado o "I Encontro deTocadores de Trompa" que tivo lugar na Fonsagrada o 21 de Abril.

Estes meses de verán servirán para recopilar información e voltar en Setembro con novos temas cos que de seguro seguiremos coñecendo mellor a música tradicional galega. Esperamos contar con vos na vindeira tempada.

XVII CONSTANTINO BELLÓN

Concursos e Certames / 28.06.07

Poderán participar neste premio de gaita galega todos os músicos que o desexen, con gaitas que poderán estar afinadas en calquera tonalidade. Deberán enviar un CD gravado coa peza Danza do gato e o rato, de Iván Costa Blanco, sen acompañamento e facendo constar na mesma o pseudónimo adoptado, nun sobre pecho identificado co mesmo. Este sobre introducirase dentro de outro repetindo outra vez o pseudónimo no exterior, xunto cunha partitura orixinal dunha peza inédita composta expresamente para este concurso e unha copia da partitura da peza tradicional ou de autor, e os dados persoais. Remitirase antes do 12 de xullo ao Ateneo Ferrolán, na rúa Magdalena 202, 1º - 15402 de FERROL.

Ademais establécese un Certame de Composición, no que poderán tomar parte os autores que o desexen, cunha partitura escrita para gaita galega solista, con ou sen orquestra ou conxunto instrumental composto por un máximo de 40 instrumentos, que ten que ser inédita, non ter sido estreada nin premiada anteriormente en ningún outro concurso, nin obxecto de encargo previo. Terá unha duración mínima de, aproximadamente, 5 min. e máxima de 12. Farase chegar ao Ateneo antes do 2 de xullo.

Se desexa descargar as bases ou a partitura obrigatoria, prema nas seguintes referencias:

Bases e Partitura

"LUCES DO ATLÁNTICO" DE ERNESTO CAMPOS

Publicacións / 27.06.07

A Editorial "Dos Acordes" continúa a súa aposta de edición de obras para Gaita Galega recollida nos seus "Cadernos de Gaita Galega" que van xa polo seu número 11, coa publicación da obra para Gaita e Piano do compositor vigues Ernesto Campos, "Luces do Atlántico".

Outras referencias desta editorial para o noso instrumento son:
Caderno 1: Intervalos - Xesús Vaamonde
Caderno 2: Redondelana - Ernesto Campos
Caderno 3: Escalas - Xesús Vaamonde
Caderno 4: Estudios - Xosé Luis Miguélez
Caderno 5: Empezares - Emilio Mesías Farías
Caderno 6: Nove cançoes do Mimo morto e umha cançom de amor - Paulo González
Caderno 7: Carmina Utricularis. Fantasía para Gaita e orquestra - Javier María López Rodríguez
Caderno 8: Capricho de Gaita, para gaita e piano - Agustín Sánchez
Caderno 9: Intervalos II - Xesús Vaamonde
Caderno 10: Biografía dun espello - Ana Belén López- Villar
Caderno 11: Luces do Atlántico - Ernesto Campos.

Podedes atopar mais información na web da editorial "Dos Acordes".

Páxina 397 de 438