Novas
XIX XUNTANZA DE GAITEIROS 2007 EN FENE
Festivais, Foliadas, Romarías / 26.09.07
O vindeiro sábado día 29 de Setembro de 2007 a partir das 19.00 horas na praza do Concello de Fene, a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” celebrará a XIX Xuntanza de Gaiteiros, actividade que organiza tódolos anos dende o 1988.Este ano celebran o XX aniversario da Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” por este motivo decidiron que a “XIX Xuntanza de Gaiteiros – 2007” sexa un acto de conmemoración deste aniversario.
É unha tradición aproveitar a celebración da Xuntanza para homenaxear a algunha persoa, grupo ou entidade que se destacara pola defensa da nosa música tradicional. Este ano a Xuntanza estará, polo indicado máis arriba, dedicada á Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene”
Neste caso queren recoñecer o traballo e esforzo de todos os que estiveron e están na Banda, xa que foron eles os que lograron que a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” chegara a onde chegou.
Para esta Xuntanza quixeron rodearse dunha serie de persoas ás que consideran amigos de “Airiños de Fene” e das que poden confirmar a: Daniel Bellón, Diego Maceiras, Xabier Díaz, Xosé Lois Romero, Suso Vaamonde e o Grupo de Gaitas do IGAEM.
Será unha celebración moi importante dentro da música tradicional. Non vos esquezades de asistir.
INAGURACIÓN DA ESCOLA DE BAILE E MÚSICA TRADICIONAL "REBULIR"
Varios / 26.09.07
O Concello de Ramirás inaugurará o vindeiro Sábado día 6 de Outubro a súa primeira escola de Baile e Música Tradicional. O nome escollido para esta escola é o de “ Rebulir ”. Estará situada no Centro Sociocultural de San Andrés, no pobo de Vilavidal pertencente a dito Concello.O curso partirá con un número aproximado de 40 alumnos de todas as idades, desde 4 anos en adiante. Impartiranse clases de Baile tradicional, Canto e Pandeireta, Gaita Galega e Percusión Tradicional, complementando a súa formación con nocións básicas da etnografía galega. Tamén se organizarán periodicamente outras actividades paralelas para o lecer dos dos alumnos e demais habitantes do Concello tales como : festivais, xornadas lúdicas, a II noite de fiadeiro, xornadas de xogos tradicionais ... etc. A matrícula nesta escola é totalmente gratuíta xa que está financiada na súa totalidade polo Concello de Ramirás.
Nace así un núcleo para a recuperación e mantemento da tradición neste recuncho da Provincia de Ourense, engadindo un granciño máis a contribución que algúns grupos están a facer a prol da cultura do noso país.
Para máis información chamar o teléfono 639 90 80 05 ou no correo de Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo – Alexandre Sotelino Losada ( Mestre da escola Rebulir)
NOVOS CURSOS DA ASOCIACIÓN CULTURAL RETROUSO
Cursos / 25.09.07
A Asociación Cultural Retrouso recibe con importantes novidades o novo curso 2007-2008. A partir de outubro, novos profesores de prestixio recoñecido toman as rendas das aulas de perfeccionamento do colectivo.Guillerme Ignacio, cantador e gaiteiro de Quempallou e d'O Tear de Llerena, impartirá pandeireta e canto tradicional en Cela os mércores en dúas quendas: ás 19.30 h e ás 21.00 h, segundo o nivel do alumnado.
Alberto Costas, respectado percusionista, colaborador dos mellores gaiteiros solistasactuais, dará clases de iniciación e perfeccionamento de percusión os xoves, ás 20.30 horas.
Cristóbal Prieto, gaiteiro e artesán do Hío, coa vida centrada na gaita desde hai anos, ensinará a tocar o instrumento os sábados desde as 11 horas da mañá.
Teresa Pedrouso, curtida no ensino de acordeón en conservatorio, emprende o obxectivo de crear un grupo de acordeonistas ligados ao repertorio tradicional. Será os martes ás 18 horas, con aulas de hora e media. Antes, ás 17 horas, ofrecerá, separadamente, formación de linguaxe musical.
A estrutura de baile mantense, con escolas de base nas parroquias de Ardán, Beluso e Cela e Margarita Pérez, fundadora de Andarela, como directora artística. Tamén a do coro, que seguirá ensaiando os luns ás 21 horas, baixo a batuta de Carme Pereira.
Todas as actividades musicais se realizarán no salón de actos do Centro Sociocultural de Cela, en Bueu. A medio camiño entre Bueu e Marín e a un cuarto de hora de Cangas e Moaña (por Paradela).
Os interesad@s podedes apuntarvos no teléfono 686 440108 (Rubén), escribir ao correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo , ou pasarvos polas clases para informarvos.
RESULTADOS DO XL CONCURSO DE GAITAS DE PONTEAREAS
Concursos e Certames / 24.09.07
Os resultados do XL Concurso de gaitas de Ponteareas, que se celebrou o domingo 23 de Setembro, foron os seguintes:
1º PREMIO - VILABEIRA (VILAGARCÍA DE AROUSA)
CHRISTIAN CASTRELO CONDE
ABRAHAN FDEZ LOPEZ
MIGUEL SOUTO
ALEXANDRE FERNANDEZ
2º PREMIO -RÉDEA SOLTA (POIO)
PABLO DE VIGO
OSCAR IBAÑEZ
ALBERTO COSTAS
SERAFÍN SANTOS
3º PREMIO –LAGHAREU (COTOBADE)
EDELMIRO FDEZ
PABLO DALAMA
LOLA FERNANDEZ
MIGUEL FRAGUAS
4º PREMIO - OS CHUPACABRAS (VIVEIRO)
DAVID BELLAS
XESÚS RIVERA
CRISTIAN SILVA
RAFAEL CRESPO
O xurado estivo integrado polos seguintes mestres de música tradicional e gaiteiros: Iván Costa, Antonio Gutiérrez, tamén director da banda de gaitas Tremiñado de Ponteareas, José Manuel Gil, Anxo Lois García, mestre de música tradicional, e Manuel Alonso, percusionista.
O concurso de música tradicional, un dos máis prestixiosos de Galicia, que se vén celebrando en Ponteareas dende hai corenta anos, xuntou a dezaoito agrupacións na semifinal, nove da provincia de Pontevedra, sete da Coruña, e dúas de Lugo e Ourense. A final do concurso, que se celebrou no Auditorio Reveriano Soutullo, destacou por ser unha das mellores dos últimos dez anos, cun alto nivel de tódolos participantes e un gran éxito de público.
O CONCELLO DE CANGAS REXEITA A ESCOLA DE GAITAS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Deput. Pontevedra / 24.09.07
O Concello de Cangas rexeita o modelo de escola de gaitas que a Deputación de Pontevedra implantou na provincia. Nun xesto de valente defensa da cultura galega, a concellería de cultura decide apoiar aos grupos e asociacións que están a impartir clases de música tradicional e rexeita continuar a súa colaboración co organismo provincial.A comisión de goberno decidiu suprimir este servizo por estar en desacordo, segundo indica o concelleiro de Cultura, Xosé Manuel Pazos, coa «filosofía musical» da escola que promove o citado organismo; e tamén porque, asegura Pazos, existe xa unha oferta suficiente prestada polas distintas escolas que promoven os grupos de gaitas do municipio.
Esta acción reabre o acendido debate que sobre estes centros se desenvolveu ao longo de 2005 entre a Asociación de Gaiteiros Galegos e a Deputación de Pontevedra, no que a AGG deixou ben clara a súa postura en contra dos métodos de ensinanza empregados nestas escolas e a defensa que dende a Deputación se facía da escola escocesa frente á gaita tradicional galega.
Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos celebramos esta decisión, da equipa de goberno do Concello de Cangas, que ven a referendar as reivindicacións de miles de músicos tradicionais que no seu momento se manifestaron contra este modelo de escolas. Agardamos que outros concellos da provincia sigan o exemplo de Cangas no seu ánimo restaurar a dignidade da nosa música tradicional.
COMEZA UNHA NOVA TEMPADA DE "LUME NA PALLEIRA"
Lume na Palleira / 21.09.07
O sábado 22 de Setembro comezou unha nova etapa de “Lume na Palleira”, o programa da Radio Galega dirixido e presentado por Emilio Españadero Paz. A partir das 16:00 horas, esta proposta musical alternativa dentro das ondas radiofónicas, continuará dando a presencia que se merece a nosa música folk e tradicional.
Neste primeiro programa, entre outros, acompañounos Xaneco Tubío, membro da Xunta Directiva da Asociación de Gaiteiros Galegos, para falarnos das "Xornadas sobre o Réxime Xurídico e Fiscal para Actividades Artísticas" que se van a celebrar o vindeiro sábado, 29 de Setembro, cun horario de 10:00 a 14:00 horas, en Santiago de Compostela.
Estas xornadas, organizadas pola AGG, serán impartidas por persoal da empresa "Algalia", profesionais cunha dilatada traxectoria no asociacionismo e con procedencia do ámbito da xestión e da formación.
Música en directo, XIX Xuntanza de Gaiteiros, presentación das novedades musicais, todo esto e mais, na nova andaina de “Lume na Palleira”. Esperamos contar de novo con todos vos.
CONFERENCIA SOBRE O CANCIONEIRO GALEGO DE TORNER E BAL Y GAY
Varios / 19.09.07
O Xoves, 20 de setembro ás 20.00h terá lugar na Sede Fundación Barrié de la Maza en Vigo, unha conferencia a cargo de Carlos Villanueva, autor do estudo crítico do Cancioneiro galego de Eduardo Martínez Torner y Jesús Bal y Gay, reeditado pola Fundación.O catedrático, mediante a súa investigación e análise, ofrecerá un esclarecemento sobre algúns puntos descoñecidos até agora do Cancioneiro de 1973.
Precisamente Carlos Villanueva, o autor do prólogo deste facsímil, é quen pon en valor o carácter renovador do compositor lugués. "Bal y Gay é un rexeneracionista natural, cun forte compromiso social", afirma o catedrático. Este carácter refléxase na forma que tiña de investigar a historia da música galega. "Buscaba o sentido da galeguidade, que non é outra cousa que buscar o esencial do folclore, a identidade dun pobo", di Villanueva. A isto engádese a función divulgadora que lle imprime ao seu traballo, xa que, "todo o que aprende difúndeo en conferencias e concertos".
A entrada para asistir a esta conferencia será libre ainda que hai un aforo limitado.
"IV CURSILLO XARABAL" 23º ANIVERSARIO
Cursos / 18.09.07
A AA.CC. Xarabal celebra a 4ª edición dos cursillos reunindo a amigos, colaboradores e profesionais da música folk. Este ano firman a súa estreita colaboración coa AA.CC. Valladares e desenrolaran as súas actividades no seu local. Dende a AA.CC. Xarabal queren agradecer o esforzo e a colaboración ofrecida pola AA.CC. Beade nas edicións anteriores.O cursillo celebrarase os días 28, 29 e 30 de Setembro. Data límite de inscrición: Luns 24 de Setembro
Lugar: AA.CC de Valladares, Carretera de Valladares 233. Tlf: 986 46 70 53
Aloxamento: Seminario mayor San José. Carretera de Madrid 8. Tlf: 986 41 26 66
Os cursos serán impartidos polos seguintes mestres:
- Empalletado e afinación de "Gaita 1": MARCOS CAMPOS
- Técnica e interpretación de "Gaita 2": ANXO LORENZO
- Percusión tradicional: ALBERTO COSTAS
- Construcción de Palletas: ANTÓN CORRAL (Horario de mañá e tarde)
- Requinta e Frauta irlandesa: JOSÉ LIZ
- Bouzouki: JOSÉ LIZ
- Baile: MIGUEL SOUTO
- Acordeón: JORGE ARRIBAS
- Percusión Folk: ROI ADRO
- Violín: ALFONSO MERINO
- Bodhran: ROBERTO MÍGUEZ "MILLA"
Os cursillos contarán coa colaboración de amigos e profesionais representantes de cada especialidade para ofrecer relatorios e pequenas charlas-coloquio, ademais realizaranse exposicións de artesanía.
Faranse audicións comentadas de concertos en directo impartidas por invitados en horarios "non lectivos" en salas de vídeo acondicionadas. Todo esto complementado con sesións que terán lugar tódalas noites en coñecidos pubs da cidade.
Haberá entrega de diplomas acreditados pola institución organizadora e realizarase un concerto final con alumnos e mestres.
Máis información
"XORNADAS SOBRE O RÉXIME XURÍDICO E FISCAL PARA ACTIVIDADES ARTÍSTICAS"
AGG / 17.09.07
A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza o vindeiro sábado 29 de setembro as "Xornadas sobre o Réxime Xurídico e Fiscal para Actividades Artísticas". Terán lugar no Auditorio da Sede da Fundación Caixa Galicia, na Rúa do Vilar, en Santiago de Compostela, cun horario de 10:00 a 14:00 horas.O obxectivo destas xornadas é o de informar das diferentes opcións legais, fiscais e contables das que se dispoñen para exercer actividades culturais. Serán totalmente participativas e abertas para que todos os asistentes plantexen as súas dúbidas.
Dende a AGG cremos que a normalización e a xestión adecuada destas actividades é necesaria para poder ofrecer unhas condicións de traballo seguras e uns salarios dignos.
Para asistir a estas xornadas é necesaria unha inscrición previa que deberá realizarse antes do 27 de setembro. Esta inscrición é totalmente gratuita.
Todos aqueles interesados poderán formalizala a través do correo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou ben no teléfono 986 847 074 (Roi ou Patri) indicando nome completo e teléfono de contacto.
GONZALO ABELAIRAS, UN GAITEIRO CON NOVA PÁXINA WEB
Entrevistas / 14.09.07
O gaiteiro Ourensán Gonzalo Abelairas, ven de actualizar a súa páxina web, http://club.telepolis.com/gabelairas Aquí podedes atopar información sobre a súa traxectoria profesional, grupos nos que participa, e por suposto tamén información interesante para compartir con tódolos interesados na música tradicional.
A páxina está pensada para colgar tódolos seus pequenos traballos de composición e que tódolos visitantes da web poidan ter acceso a eles, ás partituras, exemplos midi, etc. e se lles gustan, poidan empregalos.
En breve, ademais, poderedes ter acceso ó pdf do cadernillo "Partituras para Gaita", cos comentarios das pezas, exemplos de audio e video e as partituras de "O Conto da Bolboreta", (está colgado un exemplo en mp3), polo que, non vos despistedes, xa que é unha páxina que está en constante actualización e ampliarase con novas seccións próximamente.
Aproveitando a creación desta nova páxina, entrevistamos a Gonzalo para coñecer un pouco mais as inquedanzas acerca da música tradicional dun dos grandes gaiteiros de Ourense.
ENTREVISTA A GONZALO ABELAIRAS
Páxina 392 de 438