Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

PRESENTACIÓN DO PUNTEIRO AFINABLE

Varios / 27.02.08

O Obradoiro de Gaitas “Lis”, dirixido polo artesán Lis Latas Vilanova, xunto co responsable do control de calidade do mesmo, Pepe Vaamonde, presentan o domingo 2 de marzo, ás 12:00 horas, no auditorio do Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela (San Domingos de Bonaval, s/n), o punteiro afinable. Este novo instrumento, desenvolvido e patentado polo mencionado Obradoiro, é nado da demanda continua dos músicos, por conseguiren un punteiro que lles dea amplitude de afinación e de compensación de xeito rápido e preciso, abrindo desta forma o abano de afinación a unhas maiores posibilidades das acadadas polo punteiro fixo tradicional.

O acto de presentación do punteiro, que conta coa colaboración inestimable do Museo do Pobo Galego, rematará coa interpretación dunha peza, utilizando este instrumento, por parte de cada un dos seguintes gaiteiros:

Xosé Manuel Budiño, Ivan Costa, Edelmiro Fernández, Brais Monxardín, Anxo Lois Pintos, Pepe Vaamonde, Suso Vaamonde, Bruno Villamor.

TRES ARTISTAS XUNTOS: RODRIGO ROMANÍ, ANXO PINTOS E XOSÉ LIZ DE CEA

ALALA / 26.02.08

Os protagonistas do programa Alalá do martes 26 de febreiro, son tres dos talentos máis importantes da música galega desde os anos setenta ata hoxe: Rodrigo Romaní, Anxo Pintos e Xosé Liz de Cea, tres nomes, tres artistas, tres figuras de distintas xeracións, que pertenceron e pertencen a distintas formacións.

Neste caso, o programa fará unha viaxe pola música galega dos últimos trinta anos e rematará no proxecto en común que une a estes tres artistas, chámase Lizgairo e os seguidores de Alalá terán a oportunidade de velos e escoitalos nun pequeno concerto.

Falaremos con Rodrigo Romaní dos duros momentos que atravesou a música nos anos setenta, unha etapa en que apareceron os primeiros cantautores comprometidos coa canción galega. Rodrigo Romaní coñece a Antón Seoane e xuntos interésanse pola música medieval e os instrumentos antigos antes de comezar unha etapa de esplendor cunha formación coma Milladoiro que exportou o feito aquí; este grupo foi o referente para a seguinte xeración de músicos e, tras vinte e dous anos, Rodrigo Romaní emprende o camiño en solitario.

Nos anos oitenta a música tradicional comeza a rexurdir e valorarse. Anxo Pintos leva aos escenarios a estética do momento co grupo "Matto Congrio" e demostra ata onde podía chegar o folk que tiña un forte competidor co pop e o rock. Anos despois crea un dos grupos mais representativos de folk galego: Berrogüetto.

IX CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL XIRADELA

Concursos e Certames / 25.02.08

Os vindeiros días 6 e 13 de abril terá lugar a novena edición do Concurso de Música Tradicional organizado pola Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo (A Coruña). É un concurso no que poderán participar grupos de asociacións xuvenís, culturais e recreativas, folclóricas, de veciños, etc..., que o desexen. Constará de tres modalidades: grupos de pandereteiras, cuartetos de gaitas (deberán estar formados por: dúas gaitas, tambor e bombo) e gaiteiros solistas (poderán levar, ou non, un acompañamento de percusión).

O concurso terá lugar o día 6 de Abril de 2008 ás 17:00 para os Cuartetos de Gaitas e Gaiteiros Solistas, e o día 13 de Abril de 2008 con horario de mañá e tarde, (aínda por determinar) para os Grupos de Pandereteiras, no Centro Cívico Cultural de Arteixo. A hora de presentación, orde e normas serán enviadas previamente.

Para participar é necesario achegar a folla de inscrición debidamente cumprimentada ó local da Asociación (Polígono de Sabón, 5 15142 Arteixo), antes do 14 de Marzo de 2008. Podedes atopar esta folla na páxina web: http://xiradela.spaces.live.com/

Poderanse enviar tamén os seguintes correos electrónicos:

Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
(segundo a modalidade na que se participe)

Calquera dúbida que queirades consultar será atendida pola A.X. Xiradela nos teléfonos:981 64 11 25 ou no teléfono móbil: 646 87 59 53 (mañás) / 676 23 37 48 (tardes). Tamén podedes utilizar o correo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Bases Completas

XIII XANTAR GAITEIRO EN LUGO

AGG / 20.02.08

Xa podemos adiantar a tódol@s nos@s soci@s a data e lugar da primeira das actividades coa que comezamos este ano 2008. Trátase do tradicional Xantar Gaiteiro, que a Asociación de Gaiteiros Galegos organiza cada ano coa finalidade de fomentar o espíritu de xuntanza e reunión entre todos @s nos@s asociad@s, sempre tendo en conta o que nos une a todos: o traballo en prol da nosa cultura e música tradicional.

Este ano celebramos a XIII edición deste evento o Domingo 30 de Marzo na cidade de Lugo, por ser un lugar moi apropiado para xantar o cocido galego e aproveitar o entorno para escoitar a algún dos nosos mellores gaiteiros.

Poñerase un servicio de autocar dende as principais cidades galegas, a disposición de tódol@s soci@s que non queiran desprazarse en coche, sempre e cando se enchan unhas prazas mínimas. Todos @s interesad@s poden obter mais información a través do correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou ben no teléfono 986 847 074.

GRUPO "O CASTRIÑO"

ALALA / 19.02.08

No Alalá do martes 19 de febreiro, coñeceremos a historia do grupo "O Castriño". Este grupo naceu para cumprir un soño: o de volver encher de música as rúas e aldeas da parroquia de Rebordechán, no concello de Crecente. Porque se algo lles gusta aos veciños deste lugar é a música, xa que a súa banda foi unha das máis coñecidas da bisbarra e, aínda que xa non existe, aínda viven moitos dos vellos músicos que conservan no peito un irrefreable desexo de tocar. Un amor pola música co que naceron e que non os ha abandonar nunca.

A banda tería cumprido cen anos en 2007 e nese ano decidiu botar a andar "O Castriño", un grupo de amigos e veciños entre os dez e os setenta anos, rapaces que aínda están na escola, amas de casa, xubilados e emprendedores como Ramón Lourido, que creou unha empresa de compostaxe de toxo para poder quedar na terra cando a maioría dos da súa idade se vía na obriga de emigrar.

"O Castriño" colleu o nome do lugar onde se xuntan cada verán, cando volven os que están fóra, para facer un xantar máis que festivo. Da xuntanza dos veciños, das permanentes ganas de festa e do pracer que senten coa música xurdiu este grupo de instrumentos tradicionais co que non teñen máis pretensión que pasalo ben todos xuntos e tocar cada vez un pouco mellor, como lembran en toda a redonda que facía a mítica banda de Rebordechán.

CONCURSO HIMNO DO CLUB AZKAR LUGO F.S.

Concursos e Certames / 18.02.08

A Fundación Lugo convoca este concurso para compositores/as de calquera nacionalidade e idade co fin de crear o himno do club de fútbol sala Azkar Lugo. As composicións deberán de ser orixinais, inéditas e non premiadas anteriormente, cunha duración máxima de tres minutos. A composición debe constar de música e letra. A letra haberá de ser obrigatoriamente en lingua galega e fará referencia a valores do deporte, galeguidade do club, vinculación con Lugo e Galiza, a historia do club, a súa canteira, etc. As obras enviaranse ó seguinte enderezo:

“Conservatorio Profesional de Música de Lugo”
Ronda Músico Xosé Castiñeira número 5, 27002 - Lugo

coa seguinte indicación : “Concurso de composición Himno Azkar Lugo Fútbol sala”.

As partituras non deberán ir asinadas nin levarán inscrición algunha que puidese suxerir o nome do/a autor/a, debendo presentarse con lema, pseudónimo ou título.As composicións deberán de presentarse en soporte informático, realizadas con algún dos programas de edición de partituras habituais (Finale ou Sibelius), xunto a unha copia impresa.

Establécese un único premio dotado con: TRES MIL (3.000) Euros.

O prazo de presentación das obras finalizará o día 30 de Abril de 2008, considerándose incluídas dentro deste prazo as obras enviadas por correo que mostren o selo de orixe con esta data ou anterior. A constitución do xurado farase pública no momento de pecharse o prazo de admisión, encargándose da selección previa das obras presentadas, así como do fallo final do concurso.

Bases completas do concurso

IV ENCONTRO DE ZANFONA CONTEMPORÁNEA NARÓN-FERROL

Varios / 15.02.08

Diferentes linguaxes e estilos pero un mesmo concepto: a música contemporánea, a do noso tempo, a irreverente, a inconformista. O centro do mundo zanfoneiro está na Ferrolterra por un fin de semana, será o 29 de febreiro, 1 e 2 de marzo. Con certeza, a meirande concentración de zanfonistas da Península e unha das máis específicas de Europa.

Instrumento milenario, sintetizador medieval, máquina de sons de xograres, cegos e romarías que hoxe acadou unha alta sofisticación. É precisamente Valentín Clastrier o seu renovador; o gurú que mudou o concepto de instrumento “tradicional” e o levou técnica e estilisticamente a cotas inimaxinables hai tres décadas. O seu maxisterio influíu profundamente nas xeracións seguintes e Matthias Loibner e Germán Díaz son un dos mellores exemplos da continuidade deste estilo inquedo e contemporáneo. Tres Mestres que comparten a zanfona como medio de expresión artística.

Este IV Encontro é a edición máis completa, universal e experimental de todas as celebradas. Os apaixonados do instrumento non terán oportunidade de ver xuntos estes tres xenios en moito tempo e en calquera outro lugar.

Inclúese o espectáculo “Proyecto Miño” presentando o seu CD. O contrabaixista local Baldo Martínez lidera unha formación internacional de 1ª liña que interpretarán, en clave de jazz contemporáneo, un repertorio inspirado na música de raíz das terras do Miño fronteirizo. Valentín Clastrier e Germán Díaz formarán parte da ensemble.
Tamén no marco máxico do Teatro Jofre, os virtuosos Matthias Loibner e Germán Diaz tocarán en solitario.

O encontro complétase cun curso práctico intensivo de Valentin Clastrier no Mosteiro de Baltar (Narón) onde ensinará seu método para a técnica interpretativa da zanfona. Ademais das horas lectivas, será una magnífica ocasión para o intercambio de ideas e convivencia dos asistentes.

O sábado á noite no propio mosteiro organizarase un palco aberto a zanfonistas –solistas ou en formación con outros instrumentos- e jam session onde calquera instrumento será benvido. En fin, o mellor Encontro ate agora que pon a Ferrol e Narón no mapa da Europa zanfoneira cunha edición memorable.

Está organizado por la Asociación de Conservatorio de Música Tradicional e Folque en Galicia, e promovido polos Padroados de Cultura dos concellos de Narón e Ferrol.

Mais información

O PROGRAMA "OUTRA+OUTRA", AXUDAS PARA NOVAS FORMACIÓNS NA PROVINCIA DA CORUÑA

Prensa / 13.02.08

O programa Outra + Outra facilitou o acceso ao mercado discográfico de novas formacións musicais da provincia da Coruña. A través da terceira edición, quince grupos dos máis variados estilos dispoñen dun cedé respectivamente mercé ao proxecto impulsado pola Fundación Paideia e a Deputación, que achegou 35.000 euros. Para a gran maioría é a súa primeira pegada no mercado musical, e para outros lles permite incidir na súa consolidación. Este programa innovador ten o seu centro de operacións no estudo de gravación Mans.

Outras formacións que xa teñen tamén a súa cedé no mercado son: Intermission dúo de percusión, Grupo de bailes populares IAR, Capriccio Vocale e Ludus Tonales (A Coruña); Antoloxía Grupo e Banda de Música Sementeira (Cambre); Coral O Pote (Fene); Coro Toxos e Flores (Ferrol); Tamara Lorenzo (Ortigueira); Coral Casino Progreso (Mugardos); Banda de Gaitas Maruxía (Laxe); Capela Lauda Sión (Pobra); e Asociación O Castro (Miño).

FAUSTINO SANTALICES

ALALA / 12.02.08

Faustino Santalices é unha das grandes figuras da historia da música tradicional galega, sendo gaiteiro, toca a zanfona, artesán, cantante e compositor, aspectos todos estes en que destacou, pero é coñecido sobre todo por ter rescatado do esquecemento a música da zanfona e por ser un dos grandes intérpretes deste instrumento.

No Alalá do martes 12 de febreiro, descubriremos a un Santalices que foi o primeiro artesán en abordar a construción de gaitas e zanfonas dun xeito científico, cun espírito matemático que aplicou en todos os ámbitos da súa vida e que lle transmitiu ao seu fillo. Faustino fillo, que hoxe ten 85 anos, orientou toda a maña e capacidade de observación dos Santalices cara a unha brillante carreira como oftalmólogo, e foi testemuña privilexiada do saber de seu pai, a quen acompañou desde neno polos escenarios máis importantes.

Grazas á xenerosidade de Faustino fillo podemos achegarnos aos aspectos máis descoñecidos da figura de seu pai. Escoitaremos as súas antigas gravacións, veremos as ferramentas que empregaba no seu obradoiro de artesán, as gaitas e zanfonas que construíu e reparou, e achegarémonos a dúas vidas intensas, caracterizadas pola paixón por Galicia e a súa tradición musical: as de Faustino Santalices pai e fillo. Dúas persoas admiradas e gabadas polos bos coñecedores da música galega e tan versátiles que merecerían varios Alalás.

PRESENTACIÓN DE "O PENTAFOL"

Publicacións / 11.02.08

O venres 22 de febreiro, ás 12:00 horas, na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro " O Pentafol" de Alberte Sanmartín Montaña.

Trátase dunha escolma de pezas populares para gaita galega que pon ao dispor do lector un amplo repertório, dirixido tanto a solistas como a grupos, baseado na enxebridade e fermosura da música tradicional galega, así como de composicións de autor cunha maior raigume entre os fatos tradicionais máis senlleiros da Galicia.

Consta de 418 partituras impresas no método de escritura "Do" e 25 letras de cantigas. Asemade, ven acompañado dun DVD que contén as mesmas partituras en "Re" e todas as pezas -algunhas delas coas suas distintas voces- gravadas co son de gaita en tonalidade Do; un total de 478 arquivos de audio en formato mp3.

O seu autor, Alberte Sanmartín Montaña, e mestre de gaita dende 1987, comenzando a súa actividade musical no fato de gaitas do grupo "Doces Lembranzas" do Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo.

Membro de grupos como "Xolda", "Sugán", "Sons do Muiño", "Feile" e "Ruaille-Buaille", ten colaborado en directos e gravacións nas súas facetas tanto de gaiteiro como de letrista con varios artistas, ademais de ser finalista nas 5ª, 7ª e 9ª edicións do concurso de gaitas "Constantino Bellón" de Ferrol.

Páxina 383 de 438