Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

A TRADESCOLA ORGANIZA UN NOVO CONCERTO DIDÁCTICO DE MÚSICA TRADICIONAL PARA ESCOLARES DE NEGUEIRA DE MUÑIZ E DE BALEIRA.

 

cartaz cdtrad_baleira_negueira muiz - pq

A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará o mércores día 17 de abril unha nova actividade de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia. Concretamente, achegarase ata o concello de Baleira, e na casa da Cultura impartirá unha nova xornada de música tradicional para escolares dos CEIP de Negueira de Muñiz e CEIP Plurilingüe Concepción López Rey. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.

O concerto estará impartido polos mestres da Tradescola Branca Villares, Jose Manuel López e Xabier Iglesias, e nel amosaránselles aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

 

 

Curso de Iniciación á Tixola na Tradescola

cursotixola cartel_web - pqA Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, impartirá un novo obradoiro intensivo de percusión tradicional de man, este obradoiro terá lugar o vindeiro sábado 13 de abril de 10.00 a 14.00 horas no Centrad (Lugo), e versará sobre a iniciación aos toques de tixola, cazola ou sartén, que son todos os nomes que recibía o instrumento obxecto deste curso que se toca percutindo ou rasgando cunha chave.

Este obradoiro, que será de balde para os asistentes, conta coa axuda da área de Cultura do Concello de Lugo, e pretende achegar a este instrumento a toda a poboación interesada.

Felisa Segade será a encargada de guiar o obradoiro, no que quere amosar unha panorámica xeral baseada no seu traballo de campo, e en referencias atopadas e documentadas por compañeiras e compañeiros cos que se ten relacionado ao longo de anos de traballo compartido.

Este vai ser un obradoiro de achegamento á cazola dirixido a principiantes onde se van familiarizar con diferentes técnicas e xeitos para tocar o instrumento, como son:

-  O agarre e posición da chave

-  A posición e a orientación da cazola:

          -mango cara arriba ou mango cara abaixo

          -cruzada ou paralela

-  En apoio sobre dedos-man ou en agarre coa man

-  Os toques:

         -percutidos / rascados

         -no cú da cazola

         -no mango da cazola

         -no borde da cazola

 

O Obradoiro é de balde e ten as prazas limitadas, tendo preferencia @s alumn@s da Tradescola e @s soci@s da AGG, que disporán ata o martes 9 de abril para inscribirse, e a partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición.

Para inscribirse no obradoiro ou para recibir mais información pódese contactar coa Tradescola chamando ao tlf 982229966 ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

A ASOCIACIÓN DE GAITEIR@S GALEG@S ORGANIZA EN SECEDA DO COUREL AS II XORNADA SOBRE A CARBALLESA.

xornadacarballesa web_programa - pqA AGG, xunto co Concello de Folgoso do Courel e a área de Cultura da Deputación de Lugo, organizan o vindeiro domingo 20 de abril, a segunda edición das xornadas sobre a CARBALLESA, que terá lugar en Seceda do Courel.

Esta idea xurdiu para intentar que non esvaeza unha das riquezas culturais que hai na zona oeste do Concello de Folgoso do Courel.  Neste recuncho do concello, nas parroquias de Eiriz, do Carballal, de Seceda e no veciño Val do Incio, tocábase e bailábase unha muiñeira característica que se chama Carballesa.

Sentimos que temos a obriga, en honor a gratitude a todos eles, de loitar por conservar o noso; e ademáis homenaxear e lembrar aos nosos antecesores e as súas ensinanzas e tamén a toda a xente que traballou e que fixo recollidas para que estas riquezas culturais chegaran ata os nosos días.

E queremos facelo con esta xornada sobre a Carballesa, na que temos previsto realizar un Obradoiro teórico-práctico de Carballesa, que impartirá Montse Rivera, facer unha sentida homenaxe aos informantes, músicos e bailadors da zona, e facer posteriormente un filandón aberto para todos os e as asistentes, onde haberá “Contos da Serra”, o concerto do grupo de música tradicional Tres Pesos, e rematarase o día cun baile no que participarán tamén os grupos Airiños do Neira, Grupo de canto e baile do Courel e o grupo Macizas Centrais.

Esta actividade contará tamén coa colaboración dos artesáns Xosé Maceda e Armaior e da empresa Caurelor.

Animámosvos a todas e a todos a acompañarnos nesta xornada, a desfrutar da nosa música e do noso baile e convidámosvos a que traiades os vosos instrumentos, e a gozar dun marabilloso día cheo de música tradicional e a maiores, nun entorno incomparable.

Programa II Xornada de CARBALLESA

20 de abril de 2024 – Seceda do Courel

11.00 horas - Obradoiro teórico práctico de Carballesa - imparte Montse Rivera.

13.30 horas – Descanso para merenda. (A merenda correrá por conta propia* haberá unha cantina para ofrecer bebidas).

17.30 horas – Homenaxe a informantes, bailadores e músicos da zona.

18.00 horas – Filandón

  •      -Representación veciñal e “Contos da Serra”
  •      -Concerto de TresPesos
  •      -Baile e música coa participación de Airiños do Neira, Grupo de canto e baile do Courel e o grupo Macizas Centrais.

                            *Posibilidade de cea cos postos de O sabor dos Ancares A Carqueixa e pizzas artesás de A Cova das Mouras.

 

A través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, para contribuír e potenciar a divulgación da nosa cultura e a súa conservación.

Dende a AGG traballamos arreo para que a nosa cultura e as nosas tradicións non caian no esquecemento e sexan un patrimonio vivo do que sentirnos orgullosos.

Obradoiro de Pandeira Ancaresa na Tradescola.

cartel cursopandeira_web - pqO vindeiro sábado día 6 de abril terá lugar un obradoiro de Pandeira Ancaresa organizado pola Tradescola. Branca Villares será a encargada de guiar o obradoiro onde nos amosará distintas técnicas e posibilidades deste instrumento de percusión. Terá lugar no Centrad (Lugo) en horario de 10.30 horas a 13.30 horas.

O Obradoiro, que conta coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, pretende achegar este instrumento e o seu xeito de tocalo na comarca Ancaresa a toda a poboación interesada; é de balde e ten as prazas limitadas, tendo preferencia @s alumn@s da Tradescola e @s soci@s da AGG, que disporán ata o martes 2 de abril para inscribirse, e a partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición.

Para inscribirse no obradoiro ou para recibir mais información pódese contactar coa Tradescola chamando ao tlf 982229966 ou a través do correo electrónico  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Esperámosvos!!!

XI certame de debuxo “O baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega”

 

tradescola-logo-pequeXa está en marcha o XI certame de debuxo “O baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega”, unha iniciativa posta en marcha pola Tradescola (escola de música e baile tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo) en colaboración coa Área de Cultura (Vicepresidencia) da Deputación de Lugo e que acada este ano a súa décimoprimeira edición.

A finalidade desta actividade, dirixida ás nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino da provincia de Lugo, é potenciar e difundir entre os máis pequenos a música e a cultura tradicional galega, axudar a que coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma.

É necesario que se produza un proceso de transmisión da cultura, o que constitúe unha garantía da conservación das nosas tradicións e, en definitiva, do noso patrimonio cultural.

A Tradescola constitúe un proxecto educativo xestionado pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s que busca formación para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música e ao baile tradicional galego. A maiores, organiza actividades complementarias vencelladas coa difusión da cultura tradicional, como é o caso deste XI Certame de debuxo sobre o baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega, co que ademais de fomentar o coñecemento da nosa cultura musical, axúdase a potenciar as destrezas manuais e a imaxinación dos rapaces.

Os debuxos e os dorsos dos debuxos, deberanse enviar (escaneados ou fotografiados) por correo electrónico á Tradescola (  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo l )ata o 5 de abril de 2024.

O xurado do certame estará composto por membros do profesorado da Tradescola, que seleccionarán un total de 10 debuxos finalistas que serán premiados cun lote de material didáctico. Dos 10 debuxos finalistas, seleccionarase un gañador@ que recibirá un premio consistente na matricula de balde nunha materia na Tradescola no curso 2024/2025. O centro educativo ao que pertenza @ gañador@, terá tamén un agasallo a maiores, consistente nun concerto didáctico de música tradicional a cargo da Tradescola no curso 2024/2025.

Se o teu centro de ensino quere participar pode poñerse en contacto coa Tradescola por correo electrónico ou chamando ao 982229966 . Esperamos os vosos debuxos!!!!

Páxina 1 de 486