Varios
Alborada para Rosalía de Castro - Anímate a participar
Folión de Entroido na Tradescola
Mañá martes 14 de febreiro, a Tradescola manterá viva unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural. A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará unha nova actividade propia das datas do entroido. Mañá martes día 14 de febreiro levará a cabo un Folión que partirá do CENTRAD ás 17.00 h. e onde todos os alumnos e alumnas que queiran participar irán marcando os ritmos característicos do Folión. Faranse paradas en distintas rúas e prazas do centro da cidade e realizaranse pequenas intervencións con bailes e cantos típicos do entroido.
Con esta saída polo centro da cidade pretendemos que todo o público lle de a benvida ao Entroido e poda participar de maneira activa acompañando os toques do folión e facendo posible que unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural, permaneza viva ao longo do tempo.
O percorrido previsto,: Saida CENTRAD (17.00 horas), Rúa Montevideo, Rúa Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Rúa da Raiña e remate na Praza Maior.
Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosas actividades para achegar ao público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.
Pesar polo pasamento de Cesar Fernández da Fonsagrada
Hoxe temos que informar dunha triste nova. A música tradicional está de loito polo pasamento de Cesar Fernández (Montixo), da Fonsagrada.
Un home alegre, vital e moi querido por todos, mestre gaiteiro, e un dos mellores tocadores de trompa da contorna.
Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a perda de César, máis quedaranos sempre os sons da súa gaita e as melodías da súa trompa na nosa memoria colectiva.
Dende aquí queremos facerlles chegar o noso máis sentido pésame á familia e amigos.
Que a terra che sexa leve!!
FINALISTAS DO IX CERTAME DE DEBUXO PARA ESCOLARES SOBRE OS INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL “A ZANFONA” - ORGANIZADO POLA TRADESCOLA
Xa temos os finalistas do IX Certame de Debuxo para escolares organizado pola Tradescola. Nesta edición participaron mais de 200 debuxos realizados polas nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino da Provincia de Lugo que ademais dunhas grandes dotes artísticas tamén nos amosaron os seus amplos coñecementos sobre a nosa música.
Esta iniciativa organizada pola Tradescola en colaboración coa Área de Cultura da Deputación e que acadou este ano a súa novena edición, ten a finalidade de potenciar e difundir entre os máis pequenos a música tradicional galega, e axudar a que coñezan os nosos instrumentos e o noso baile tradicional
A todos @s participantes queremos darlles os parabéns polos fantásticos debuxos que nos achegaron, e en especial aos 10 finalistas que recibirán como agasallo un lote de material didáctico relacionado coa nosa música tradicional!!!!!!
Os finalistas son:
Julia Vázquez Aneiros – CEIP Illa Verde de Lugo - 9anos
Lois Valcarcel Perez – CEIP Ricardo Gasset do Íncio - 7anos
Rocío Olcese González – CEIP O Cantel – Foz- 9 anos
Carlota Couto Lombán –CEIP O Cantel – Foz- 6 anos
Irea Magdaleno Vilariño – CEIP Plurilingüe Antas de Ulla - 7 anos
Mateo Alba Mosquera - CEIP Plurilingüe Antas de Ulla - 7 anos
Vera Abel Corral – CPI Dr. López Suarez - Friol - 8anos
Joel Penín Pérez – CPI Dr. López Suarez - Friol – 7 anos
Daniela Basanta Meitín – CEIP Península da Paz – San Cibrao – Cervo – 7 anos
Iria Baltar Canoura - CEIP Península da Paz – San Cibrao – Cervo – 7 anos
E o debuxo gañador do IX Certame de debuxo da Tradescola, foi o de:
Irea Magdaleno Vilariño – CEIP Plurilingüe Antas de Ulla - 7 anos
Nos vindeiros días dende a Tradescola poñerémonos en contacto con todas e todos os finalistas para concretar a entrega dos agasallos.
Dende a Tradescola queremos darlles os parabéns a todas e todos os participantes e moitas grazas por participar. Neste enlace podedes ver os debuxos finalistas desta edición
Fondo pesar polo pasamento de Xosé Suárez Rodríguez "O Bombeiro Pepe",
Dende a AGG queremos manifestar o noso fondo pesar polo pasamento de Xosé Suárez Rodríguez "O Bombeiro Pepe", o derradeiro membro dos históricos Morenos de Lavadores, percusionista do grupo dende os anos 50 ata que se disolveu no 73. Unha persoa comprometida coa nosa cultura, que sempre defendeu a nosa música e a nosa tradición.
Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a súa perda. Que a Terra lle sexa leve.
Máis artigos...
Páxina 8 de 528