Varios
O Serán desta aldea, xornadas do baile comunal
Os vindeiros domingo 29 e martes 31 de outubro a Asociación de Gaiteiras Galegas organizamos a terceira edición de O SERÁN DESTA ALDEA, xornadas do baile comunal, coa colaboración do Concello de Mondariz, a Xunta de Galicia e o Cear Castromao, adicadas este ano á aldea de Aboal (Mondariz). Dúas xornadas onde compartiremos tradición, tocando, cantando, bailando e homenaxeando ás tocadoras e beilladoras da aldea protagonista, de xeito que poidamos reivindicar ás nosas grandes mestras da tradición e colaborar a consolidalas como o referente vivo que teñen que ser.
Nesta edición, que ampliamos a dous días, homenaxeamos ao barrio de Aboal (Mondariz) e as súas tocadeiras e beilladeiras Benedicta Carballo Suárez, Emérita Alfaia Seoane, Laurinda Ventín Portela, Marina Pedreira Alfaro, Orlando Garrido Barral e Raimunda Alfaia Seoane. (No cartel de ezquerda a dereita; Marina, Raimunda e Benedicta. Fotografía de Guillerme Ignacio)
O obradoiro monográfico sobre a pandeireta en Aboal será impartido por Xandre Outeiro, e o de baile nesa aldea por Miguel Souto. O antropólogo Rafael Quintía falaranos sobre o BIC A Foliada, e a seguir teremos un coloquio participativo, moderado por Guillerme Ignacio e no que contaremos con Rafael Quintía e mais con Xulia Feixoo, dous dos redactores do informe técnico para a declaración da foliada como BIC.
DOMINGO 29
10.30h. Inauguración
10.45h. Obradoiro “A pandeireta nos seráns de Aboal”. Xandre Outeiro
13.00h. Relatorio “BIC a foliada”. Rafael Quintía
13.45h. Coloquio “A Foliada, un patrimonio a debate” . Con Rafael Quintía, Xulia Feixoo e guiada por Guillerme Ignacio.
14.30h. Xantar de confraternización
17.30h. Obradoiro “O baile nos seráns de Aboal”. Miguel Souto
MARTES 31
20.00h. Homenaxe ás pandeireteiras de Aboal (Mondariz).
20.30h. Serán
A asistencia é de balde previa inscrición. Asimesmo, para asistir ao xantar de confraternización é preciso inscribirse antes do día 25 de outubro.
Podes realizar a inscrición a través do correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou a través de teléfono nos números 986 847 074 – 982 229 966.
Agardámoste!!!
XXV edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas
A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s organiza de novo co patrocinio da area de Cultura do Concello de Lugo a que será a XXV edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas, mostra que contará coas actuacións de máis dunha docena de grupos de música tradicional galega, chegados dende distintos puntos da xeografía galega, e con distintas formacións (grupos de gaitas, pandeireteir@s, grupos de baile, murgas, etc... ) que encherán da nosa música o casco vello da cidade no día máis emblemático das festas.
Os grupos participantes na mostra actuarán en horario de mañá e de tarde no casco histórico da cidade, facendo pasarrúas por distintas prazas e rúas, de tal maneira que toda a xente que entre na cidade, sexa recibido co son da nosa musica tradicional.
Os Grupos participantes nesta edición son:
Rebulir Cultura Tradicional – Ramirás
Souto Xímaro – Lourenzá
Río de Anxo – Rianxo
Os Faiscas de Solobeira – Cambados
Abertal – A Rúa
Tumba e Dalle – A Mariña Lucense
Charanga Traspés - Vigo
Grupo de baile Traspés – Vigo
Pandeireteiras e pandeireteiros Traspés – Vigo
Par de Par – Ourense
Os Mecos de Ogrobe – O Grove
Axeigo – Lugo
E no esceario da Praza de Santa María contaremos cos grupos:
Bouba pandeireteiras
Tanto nos Ten
Pola mañá os grupos sairán dende a Mosqueira ás 11.30 horas facendo un pasarrúas polas distintas rúas do centro urbán amurallado, ata as 14:00h.
Pola tarde repetiranse as actuacións de rúa a partir das 17.00 horas, para logo rematar ás 18.00 horas, e a esa hora, poderemos desfrutar na Praza de Santa María dos Concertos de Bouba Pandeireteiras e Tanto nos Ten!!!
Esta mostra, na que a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s xunta ano tras ano aos mellores grupos de música tradicional de Galicia, ten como finalidade a exaltación da música tradicional galega servindo como medio de difusión para que a nosa música chegue ao maior número de xente posible. É a única mostra deste tipo que se fai nunhas festas patronais e consegue que Lugo sexa referencia en toda Galicia, pois demostra que a nosa música tradicional pode ser a protagonista da festa na rúa.
Fondo pesar polo pasamento de Gabi, gaiteiro referente en grupos imprescindibles dos anos 90.
XI Xornadas arredor da música tradicional
A AGG organiza o vindeiro 23 de setembro, en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a que será a undécima edición das Xornadas arredor da música tradicional e que se celebrarán na Casa da Gaita (Viascón).
Esta cita anual, que pon de relevo a importancia dos traballos de investigación, está destinada non só as persoas que traballan no eido da música tradicional, senon tamén a todas aquelas que queiran saber máis tanto das nosas tradicións, como das de outros lugares, xa que ao igual que nas pasadas edicións, amosaranse outras culturas tradicionais, creando un punto de encontro no que coñecer, afondar e transmitir as tradicións e no que se amosa a riqueza cultural dunha maneira aberta ao poder participar de xeito activo nas diversas ponencias, contribuindo e potenciando deste xeito a divulgación da música tradicional e a súa conservación.
PROGRAMA:
10.15 - Apertura
10.30 - Relatorio I : “A música da Farsa do Carril. Unha danza de espadas histórica”. Cristian Silva
11.20 Quenda de preguntas
11.30 - Relatorio II : “Arredor do patrimonio cultural inmaterial colectivo. Viaxe a unha declaración BIC”. Beatriz Busto
12.20 Quenda de preguntas
12.30 - Descanso
12.45 - Presentacións de publicacións
13.30 - Xantar
16.30 - Relatorio III : “Os Zés Pereiras: uma cultura musical do Entre Douro e Minho”. Napoleão Ribeiro
17.20 Quenda de preguntas
17.30 - Presentación do documental “Labrando músicas”.
17.55 Coloquio con Xaneco Tubío e Alejandro Gándara. Modera Susana Rois
18.30 - Descanso
19.00 - Relatorio IV : “O folión de Mormentelos. O Entroido na aldea de Mormentelos e os elementos que o compoñen”. Álvaro Rúa
19.50 Quenda de preguntas
A participación nas mesmas será de balde, previa reserva e ata completar aforo, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán ata o domingo día 17 de setembro para inscribirse, e a partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición.
LUGAR: Casa da Gaita – Viascón (Cerdedo-Cotobade) e en liña
DATA: Sábado 23 de setembro
INSCRICIÓNS: Poderán faderse nos teléfonos 986.847.074 – 982.229.966 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.
Adeús a musicóloga Dorothé Schubarth, autora do Cancioneiro Popular Galego
O mundo a música tradicional está de loito, onte falecía en Basilea, Dorothé Schubarth, un dos nomes imprescindibles cando falamos do noso patrimonio sonoro. Autora, xunto con Antón Santamarina do Cancioneiro Popular Galego, obra básica no estudo do noso folclore que aínda hoxe supón o referente para coñecer parte da nosa tradición músical.
Dorothé Shubarth chegaba a Galicia en 1978 durante unhas vacacións, para coñecer o noso folclore, alguén lle falara da súa riqueza, e a que ía ser unha breve estadía converteuse en anos de pescudas, entrevistas con informantes por toda a xeografía galega e centos de gravacións, que deron, despois dun intenso traballo de recollida, análise, clasificación e estudo dese material, a publicación en 1984 do Cancioneiro Popular Galego, en sete volumes, nunha edición publicada pola Fundación Barrié, considerado o máis amplo repertorio da musica popular de tradición oral galega.
Os musicólogos que até aquel momento fixeran estudos sobre a música popular ficaran na superficie do traballo, realizando compilacións de cantigas. Pola contra, Schubarth levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando unha proposta crítica de clasificación e propoñendo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos. Ademais, foi a primeira que recoñeceu a importancia das informantes, sendo a primeira que recolleu os seus nomes. Foron cinco anos de traballo por aldeas, montes e corredoiras, que non remataron coa publicación dos materiais, senón que crearon un vínculo permanente da musicóloga con Galicia.
No ano 2014 doou os seus rexistros sonoros, 248 CD (copias dixitalizadas das gravacións orixinais) coas correspondentes transcricións a cargo de Antón Santamarina, ao Museo do Pobo Galego, onde foron incorporados ao seu Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) e ao Consello da Cultura Galega que permite o seu acceso no Arquivo Sonoro de Galicia.
Dende a Asociación de Gaiteiras Galegas lamentamos profundamente a perda dunha persoa tan importante e que tanto fixo pola música da nosa tradición oral.
Máis artigos...
Páxina 4 de 528