Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios

Varios

INAUGURACIÓN DO NOVO PROXECTO MUSEOGRÁFICO DO I.N.L.U.D.E.S.

12.03.08

Despóis dun tempo adicados á renovación do obradoiro e arquivo de documentacion musical do Centro de Artesania e Deseño do I.N.L.U.D.E.S.-Deputación de Lugo, finalmente terá lugar a inauguración do novo proxecto museográfico, levado a cabo cos fondos reunidos ao longo destes anos e producto de depósitos, doazóns, adquisicións e producción propia.

O dinamismo, a creatividade, a plena vocación de servicio e a versatilidade do equipo do Centro de Artesanía e Deseño fan posible que sexan cada vez mais os interesados, implicados e beneficiarios dos proxectos levados a cabo dende os seus obradoiros.

Trátase de continuar co mesmo espíritu de conservación e investigación levados a cabo estes anos, pero cun marcado interés en chegar a todo tipo de visitantes e para elo, propóñense novos obxectivos en canto a divulgación dos contidos, para o que se está elaborando material didáctico para un futuro próximo.

O acto oficial de inauguración será o xoves, 13 de Marzo a partires das 19.30h. no que se poderá coñecer as novas instalacións e proxectos que esperan ofertar.
   

OBRADOIRO DO TRAXE TRADICIONAL

03.03.08

O mércores día 12 de Marzo, a Escola de Baile e Música Tradicional "Rebulir" do Concello de Ramirás, organiza un obradoiro que terá como tema central o Traxe Tradicional. A continuación indicamos a ficha da actividade :

Data: Mércores 12 de Marzo de 2008
Hora: 19:30 h
Lugar: Centro Sociocultural de San Andrés. Vilavidal - Concello de Ramirás.

Dito obradoiro ten como finalidade axudar a pais e alumnos, e a todo aquel que lle interese o tema, a saber vestir o traxe tradicional galego e distiguir as distintas partes do mesmo, asi como axudar a ver diferentes tipos.

Para mais información:
Escola de baile e música tradicional REBULIR. Centro Sociocultural de San Andrés S/N .CP: 32810. Vilavidal - Concello de Ramirás - Ourense
Teléfono : 639 90 80 05
Correo Electrónico : Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
   

O GRUPO OS MONTES RECIBIRÁ, EN LUGO, UNHA HOMENAXE O SÁBADO 1 DE MARZO

28.02.08

A Asociación Cultural Cántigas e Frores organiza o sábado día 1 de marzo ás 20:00 horas, no Salón Rexio do Circulo das Artes de Lugo, unha homenaxe ao mítico grupo lucense Os Montes. Esta homenaxe enmarcase dentro das actividades organizadas por Cántigas e Frores co gallo do seu 60 aniversario e será un acto aberto ao público. O recoñecemento á laboura destes músicos, que durante décadas dignificaron a música tradicional, será a razón de ser deste encontro que contará coa presenza de Jaime Barreiro, Secundino Penado, Manuel R. Ferro e Manuel Redondo Piñeiro, todos eles membros de Os Montes e, auténticos protagonistas da xornada.

No transcurso da homenaxe representantes da Asociación Cultural Cántigas e Frores entregaranlles, aos excompoñentes de Os Montes, un agasallo conmemorativo como agradecemento ao seu traballo, co cal a cidade de Lugo puido presumir dun dos grupos de gaiteiros máis afamados do país. Durante o acto anunciarase a solicitude que, dende a Asociación Cultural Cántigas e Frores, se lle fixo ao Concello de Lugo para que unha rúa da cidade leve o nome de Os Montes.

Para rematar haberá unha actuación na que a Banda de Gaitas de Cántigas e Frores, o cuarteto Andaina (Lugo) e o cuarteto de gaitas de Cantigas e Frores interpretarán, entre outras, pezas do repertorio de Os Montes.
   

PRESENTACIÓN DO PUNTEIRO AFINABLE

27.02.08

O Obradoiro de Gaitas “Lis”, dirixido polo artesán Lis Latas Vilanova, xunto co responsable do control de calidade do mesmo, Pepe Vaamonde, presentan o domingo 2 de marzo, ás 12:00 horas, no auditorio do Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela (San Domingos de Bonaval, s/n), o punteiro afinable. Este novo instrumento, desenvolvido e patentado polo mencionado Obradoiro, é nado da demanda continua dos músicos, por conseguiren un punteiro que lles dea amplitude de afinación e de compensación de xeito rápido e preciso, abrindo desta forma o abano de afinación a unhas maiores posibilidades das acadadas polo punteiro fixo tradicional.

O acto de presentación do punteiro, que conta coa colaboración inestimable do Museo do Pobo Galego, rematará coa interpretación dunha peza, utilizando este instrumento, por parte de cada un dos seguintes gaiteiros:

Xosé Manuel Budiño, Ivan Costa, Edelmiro Fernández, Brais Monxardín, Anxo Lois Pintos, Pepe Vaamonde, Suso Vaamonde, Bruno Villamor.
   

IV ENCONTRO DE ZANFONA CONTEMPORÁNEA NARÓN-FERROL

15.02.08

Diferentes linguaxes e estilos pero un mesmo concepto: a música contemporánea, a do noso tempo, a irreverente, a inconformista. O centro do mundo zanfoneiro está na Ferrolterra por un fin de semana, será o 29 de febreiro, 1 e 2 de marzo. Con certeza, a meirande concentración de zanfonistas da Península e unha das máis específicas de Europa.

Instrumento milenario, sintetizador medieval, máquina de sons de xograres, cegos e romarías que hoxe acadou unha alta sofisticación. É precisamente Valentín Clastrier o seu renovador; o gurú que mudou o concepto de instrumento “tradicional” e o levou técnica e estilisticamente a cotas inimaxinables hai tres décadas. O seu maxisterio influíu profundamente nas xeracións seguintes e Matthias Loibner e Germán Díaz son un dos mellores exemplos da continuidade deste estilo inquedo e contemporáneo. Tres Mestres que comparten a zanfona como medio de expresión artística.

Este IV Encontro é a edición máis completa, universal e experimental de todas as celebradas. Os apaixonados do instrumento non terán oportunidade de ver xuntos estes tres xenios en moito tempo e en calquera outro lugar.

Inclúese o espectáculo “Proyecto Miño” presentando o seu CD. O contrabaixista local Baldo Martínez lidera unha formación internacional de 1ª liña que interpretarán, en clave de jazz contemporáneo, un repertorio inspirado na música de raíz das terras do Miño fronteirizo. Valentín Clastrier e Germán Díaz formarán parte da ensemble.
Tamén no marco máxico do Teatro Jofre, os virtuosos Matthias Loibner e Germán Diaz tocarán en solitario.

O encontro complétase cun curso práctico intensivo de Valentin Clastrier no Mosteiro de Baltar (Narón) onde ensinará seu método para a técnica interpretativa da zanfona. Ademais das horas lectivas, será una magnífica ocasión para o intercambio de ideas e convivencia dos asistentes.

O sábado á noite no propio mosteiro organizarase un palco aberto a zanfonistas –solistas ou en formación con outros instrumentos- e jam session onde calquera instrumento será benvido. En fin, o mellor Encontro ate agora que pon a Ferrol e Narón no mapa da Europa zanfoneira cunha edición memorable.

Está organizado por la Asociación de Conservatorio de Música Tradicional e Folque en Galicia, e promovido polos Padroados de Cultura dos concellos de Narón e Ferrol.

Mais información
   

FIN DE SEMANA DOS MOXENAS

24.01.08

Esta fin de semana Moxenas é o protagonista na Galiza sur, pois o sábado 26 de Xaneiro, ás 18:00 horas celébrase no Centro Cultural de Valadares, en Vigo, o primeiro concurso co seu nome, que sen dúbida será un gran evento, dado o nivel da maior parte dos concursantes presentados e máis do xurado escollido, formado por Manuel Alonso, Ivan Costa e Diego González.

Os concursantes farán unha 1ª interpretación libre onde poderán interpretar unha ou varias pezas galegas, recollidas ou de autor. Os cinco mellores clasificados no apartado libre terán que facer unha segunda intervención cunha peza obrigada, “O San Campio é noso” de Nazario Gonzalez “Moxenas”, e coa suma destes dous apartados tomarase a decisión final do concurso. Os participantes son: Agarimos, Anacos de Buxo, Contracocheno, Picuiña, Os Chupacabras, Os Rolling Pallóns, Os Fonte Suairas e Abelente.

E o domingo 27 de Xaneiro, á mesma hora, no Centro Goianés en Tomiño, poderemos disfrutar cun concerto de "Moxenas Musical Galego" tras voltar estes mesmos días dun concerto en Aragón.

Ficades todos convidados a participar destas actividades que sen dúbida serán moi interesantes.
   

PREMIO "CIDADE DE PONTEVEDRA" PARA O GRUPO "OS ALEGRES"

23.01.08

A agrupación "Os Alegres" atribuíu o seu nomeamento ao traballo realizado desde 1939 en favor da cultura tradicional galega e a súa cultura musical, mediante a recuperación de partituras, vestiario e instrumentos.

O director do grupo, Dionisio Aboal, anunciou que con motivo deste galardón "Os Alegres" van organizar anualmente en Pontevedra un festival para mostrar o resultado do seu traballo. Aboal prevé que a partir do próximo mes de febreiro xa saia á venda o sétimo disco da agrupación, a modo de homenaxe ao gaiteiro Ricardo Portela e no que participaron músicos de toda a comarca.

Ao longo da súa traxectoria, "Os Alegres" actuaron en localidades de toda Galicia, España e en centros galegos no exterior, ademais de colaborar con outros artistas como Carlos Núñez.

A candidatura de "Os Alegres" foi presentada polo grupo "Os Chichisos".
   

CANTOS E DANZAS DE REIS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

27.12.07

Un ano máis o grupo Os Chichisos acompañados de diversos instrumentos como acordeón, gaita, frauta traveseira, guitarra, tamboril, bombo, charrasco, pandeireta e pandeiro, etc., e un grupo de nenos e nenas, xúntanse para levar os “Cantos de Reis”, polos concellos Vilaboa e Pontevedra e parroquias.

Este ano contan coa colaboración da Asociación veciñal e cultural Casco Vello de Vigo, que compartirán con eles os Cantos e Danzas de Reis que teñen recollido.

PROGRAMA:

• 3 de xaneiro: polas prazas e rúas de Pontevedra, actuación de Os Chichisos (cantos de reis) e da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo (cantos e danzas de reis). Sairán ás 18.00 h da praza da Liberdade. Actuación incluída dentro do Programa de Actividades de Nadal do Concello de Pontevedra.

• 4 de xaneiro: polas prazas e rúas de Vigo, ás 18.00 h.

• 5 de xaneiro: polas parroquias de Bértola, Figueirido e Tomeza, ás 18.00 h na Casa do Pobo de Bértola.

Para saber máis sobre este tema podedes chamar ós teléfonos:

649 748 708 Rosalía (Os Chichisos)
620 504 411 Josefa (Asociación Casco Vello de Vigo)
605 638 616 Enrique (Asociación Casco Vello de Vigo)
   

GALA XXV ANIVERSARIO DA A.C.G. SAUDADE

05.12.07


A Gala do XXV Aniversario de Saudade terá lugar o domingo 9 de decembro ás 17:30 h. en L´Auditori (Sala 2) situado na rúa Lepant, 150 en Barcelona.

Esta gala é un espectáculo etnográfico co que o grupo folclórico Saudade achega ao público a nosa forma de entender a cultura tradicional do pobo galego, a través dunha mostra moi representativa da gran riqueza do noso folclore, polo que veñen traballando dende hai 25 anos. Un percorrido polas catro provincias da nosa terra no que ademáis da etnografía xoga un papel fundamental a emigración.


A entrada é gratuita, e todos aqueles que poidan acudir a presenciar este espectáculo terán a oportunidade de coñecer máis a fondo o importante traballo que este grupo está a realizar en relación á nosa cultura tradicional.
   

"DOMINGOS DE LECER" EN OURENSE

04.12.07

O Concello de Ourense ven de programar os "DOMINGOS DE LECER", unha serie de actividades para dinamizar o casco vello da cidade durante o mes de decembro.

Dentro do programa, inclúense concertos, obradoiros, baile, fotografía e por suposto, a música tradicional. Este apartado está organizado e coordinado por "AOFT-GOMES MOURO".

Durante os domingos 9, 16 e 23 de decembro, os obradoiros terán lugar pola mañá de 12 a 14h e os concertos pola tarde, de 17 a 19h., (a petición do Concello de Ourense, con grupos de música da cidade). Os lugares de celebración serán:

- Praza maior, Praza da imprenta, Praza de san marcial, Praza de saco y arce e Rúa bailén

Dende a Tenencia da Alcaldía do Concello de Ourense, queren revalorizar os seus barrios e rúas; comezan no que foi o berce histórico de Ourense, a Cidade Vella. É por isto que convidan a todo o mundo neste mes de Nadal a desfrutar o seu lecer do domingo na cidade de Ourense.

Programa dos domingos de lecer
   

Páxina 258 de 265