Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios

Varios

NOVENAS NOITES DE TASCA

19.02.09






O próximo venres 27 de Febreiro, no Bar Casa Mosquera de Xanceda (Mesía), celebraranse as Novenas Noites de Tasca, que nesta edición contarán coa presenza de Pepe Temprano, de 'Os Tempranos de Eirís'.
E despois, foliada á que quedades todos invitados a asisitir.



Organiza a Asociación Grupo de Gaitas Os Viqueiras de Ordes.
Colabora a Asociación Cultural Bieito Fandiño de Mesía
Patrocina o Concello de Mesía
   

I MOSTRA DE ARTESANÍA DE GALICIA

19.02.09

Durante tres días, A Coruña converterase nun punto de encontro de expresións culturais no que as técnicas artesanais se combinarán coas innovacións que chegan da man do deseño e das correntes artísticas, presentadas polos propios artesáns galegos inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía e máis polos representantes das artesanías de todo o mundo.

Dentro das actividades complementarias da mostra MOA, terán lugar actuacións de música tradicional, danza contemporánea, proxeccións audivisuais e outras expresións artísticas simultáneamente con un servizo de cóctel para que os expositores e visitantes profesionais poidan consolidar lazos comerciais nun ambiente máis relaxado.

27 de febreiro:
10:00 – 20:30h: Galería MOA
20:30h: Espectáculo “Tradicción” da compañía Nova Galega de Danza.
22:00h: Actuación musical de Nordestinas.


28 de febreiro:
10:00 – 20:30h: Galería MOA
20:30h: Actuación musical de Susana Seivane.
22:00h: Actuación musical de Bonovo.
   

V Edición de Encontro coa Zanfona Contemporánea

17.02.09

O Encontro coa Zanfona Contemporánea que se celebra cada ano en Narón chega a súa V edición. Terá lugar entre o 13 e o 15 de marzal en diferentes puntos deste concello e reunirá a interesados por este instrumento milenario que está a rexurdir con moita forza nos últimos anos en toda Europa e baixo diferentes estilos e apreciacións.

En anos anteriores, estiveron presentes no Encontro os mellores representantes europeos deste instrumento: Valentin Clastrier, Gilles Chabenat, Marc Egea ou os galegos Anxo Lois Pintos e Óscar Fernández.
O mestre invitado no 2009 é Grégory Jolivet, un novo valor do centro de Francia cunha longa experiencia nos escenarios. Compartirá escenario nos concertos do venres no Auditorio de Narón con Xarnege, un colectivo transfonterizo de bascos e gascóns.

Ademais haberá actuacións do dúo Sobre Rodas -Carlos do Viso e Luis Caruncho- na feira do 13 en Sedes e farán concertos artístico-didácticos para escolares do concello.
Na parte máis teórica do Encontro, estarán o investigador Xulio García Bilbao e Luciano Pérez do obradoiro musical e arquivo documental Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Deputación de Lugo, herdeiro do pioneiro obradoiro que fundou Faustino Santalices quen recuperou este instrumento en Galicia hai xa máis de cincuenta anos.

As xornadas de convivencia -curso, conferencia, palco aberto- terán lugar en Aldea Nova na parroquia de Sedes.
   

Regueifas de Entroido en Cabana

16.02.09

O sábado 21 de febreiro preséntase, a partir das 19:00 no Auditorio Municipal de Cabana, o libro "A regueifa en Cabana de Bergantiños", a cargo de Domingo Blanco.

Competindo ca forza da palabra, estarán Fermín da Feira Nova, Raimundo Cousillas, José de Severo, Antonio de Xornes e Suso de Laracha.

Quedades todos convidados a asistir
   

Participación na III Noite de Fiadeiro

16.02.09

A Escola de Baile e Música Tradicional Rebulir está organizando a III Noite de Fiadeiro, que se celebrará o sábado 25 de Abril.

Se algún grupo de música tradicional ten interese en participar nesta edición, podedes enviar unha solicitude ao enderezo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo , que deberá incluir os datos básicos -nome, contacto, número de compoñentes, etc.-
Tamén podedes envialos por correo postal a:
Rebulir.
Praza de San Andrés s/n. 3
2810. Vilavidal-Ramirás. Ourense.
Ou mesmo chamando ao 639 90 80 05.

Se escollerán os grupos colaboradores segundo a orde de chegada das súas solicitudes.

A data límite para a recepción de solicitudes será o día 1 de Marzo, para conformar xa o cartaz definitivo durante ese mes.
   

Escasa presenza galega nos Premios Da Música

11.02.09

A XIII Edición dos Premios da Música celebrarase en Badajoz o vindeiro 12 de marzo cunha reducida presenza de artistas galegos.

Ademáis de Iván Ferreiro, con 'Mentiroso mentiroso' e Deluxe con 'Reconstrucción' -dous dos catro finalistas na categoría de Mellor Álbum de Pop Alternativo-, os únicos galegos que optan a premio son os tres candidatos á mellor canción en galego: Uxía con 'Rumores de falúas', Víctor Aneiros con 'Miña bala perdida', e Ophiusa con 'Todo e fume'.

Nesta edición ningún grupo galego logrou entrar entre os finalistas de Mellor Álbum de Música Tradicional.
   

VII Premios Opinión de Música Folk

03.02.09

Os VII Premios de Música Folk, entregados polo diario La Opinión de A Coruña o pasado venres 30 de Xaneiro, deron en recoñecer nesta edición o talento do trío Lizgairo, concedéndolles o primeiro premio trala publicación do seu álbum debut, Diacronías.
Lizgairo é unha concepción orixinal e creativa que nace de conxugar as melodías da tradición oral coas posibilidades acústicas de tres instrumentos tan pouco usuais coma a arpa, a zanfona e o bozouqui, pero co garante dun trío de persoeiros referenciais na música galega contemporánea: Rodrigo Romaní (arpa e guitarra acústica), fundador e integrante de Milladoiro, grupo co que firmou dezaseis discos; Anxo Pintos (zanfona e violín), compoñente e fundador de Berrogüetto, sen dúbida a formación galega máis recoñecida e premiada en Europa; e Xosé Liz (bozouqui e guitarra acústica), fundador e membro de Beladona, Entretrastes…
A segunda posición foi acadada por Uxía, coa publicación do seu novo traballo, Eterno navegar, unha obra na que afonda no mundo da lusofonía.
Milladoiro ocupa a terceira praza do certame co seu disco A quinta das lágrimas, converténdose así no primeiro artista que ten tres Premios Opinión no seu poder.
Por último, no cuarto lugar deuse un empate entre as óperas primas da Señora Carmen e do trío Bonobo.
   

Conferencia POLOS CAMIÑOS DA MÚSICA TRADICIONAL

30.01.09

Debido ó mal tempo, a conferencia POLOS CAMIÑOS DA MÚSICA TRADICIONAL impartida por Mini e Mero, programada para o venres 23 de Xaneiro, terá lugar o venres 30 de Xaneiro ás 20.00h no Centro Sociocultural do Castiñeiriño.

Quedades convidados a asistir; de seguro non vos arrepentiredes.

Centro Sociocultural do Castiñeiriño:
Virxe de Fátima, s/n.
Santiago de Compostela
   

VENRESPIRAR 2009

30.01.09


Comezan, un ano máis, os Venrespirar en Ourense, festas itinerantes de música e baile que se levan a cabo en diferentes locales da cidade das Burgas os primeiros venres de mes a partires das 22:30 h.

As datas e lugares da V Edición de Venrespirar son as que seguen:

06/02/2009: Cervexaría Grándola (Praza de S. Marcial)
06/03/2009: A.C. Foula (Rúa da Canle)
03/04/2009: Café-Bar A Efémera (Emilia Pardo Bazán, 54)
08/05/2009: Café-Bar Don Gaetano (Ribeiriño, 1)
05/06/2009: Café-Bar Ollo Ledo (Parque das Mercedes, 1)

Os Venrespirar están abertos a todos aqueles que queiran participar, ca sexa tocando, cantando, bailando ou desfrutando do ambiente.

Estades todos convidados a asistir.

Organiza A.C. Algaravia e AOFT Gomes Mouro
   

Gaiteiros na visita do Vicepresidente da Xunta ó Concello de Oleiros

29.01.09




A Asociación de Gaiteiros Galegos mantén coa Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia un convenio polo que se garante a presenza da música tradicional nos actos institucionais desta Consellaría.

No marco deste convenio, o xoves 29 de Xaneiro, a visita institucional do Vicepresidente da Xunta ó Concello de Oleiros contou coa presenza dos gaiteiros Daniel Bellón e Pedro Lamas.

Estes prestixiosos músicosinterpretaron o Himno do Antigo Reino de Galicia durante a recepción das autoridades á Casa Consistorial.
   

Páxina 251 de 264