Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios

Varios

VI Encontro Zanfona Contemporánea de Narón

03.03.10




O Encontro coa Zanfona Contemporánea de Narón chega a súa VI edición consolidándose como un completo festival adicado a este instrumento.

A data de celebración será o xoves 18 e o domingo 21 de Marzo.

Actividades didácticas, concerto, escenario aberto, convivencia,... cunha convidada de excepción, a francesa Isabelle Pignol. Estarán compartindo palco con ela Mini e Mero e o Projecto ['trepia].

A inscrición ao curso está aberta e o número de prazas é limitado.

Para máis información: www.folque .com






   

A presenza da Música Tradiocional no Xacobeo 2010

03.03.10



En relación á programación do Xacobeo para este ano, na que ten cabida máis de 200 concertos da Orquesta Panorama, concertos de música clásica e música independente entre outras, a Asociación de Gaiteiros Galegos xa ten solicitada unha entrevista con D. Ignacio Santos Cidrás, xerente do Xacobeo, para abordar cal será a presenza da música tradicional nos actos organizados pola entidade que respresenta neste Ano Santo 2010.




   

Caramuxo e Nova Galega de Danza conseguen o segundo posto nos IX Premios Opinión

02.03.10

Caramuxo e Nova Galega ocupan conxuntamente o segundo lugar

Son dúas propostas rompedoras no panorama musical galego e esa é unha das características que valoraron os membros do xurado para lles conceder o seu beneplácito. A outra é que saben ben por onde pisan malia abrir novos vieiros e sempre é máis complicado transitar por territorios ermos nos que cómpre investigar que empregar fórmulas xa coñecidas.

Caramuxo e Nova Galega de Danza son dúas formacións que chaman moito a atención polo seu labor e, sen dúbida algunha, veñen a enriquecer o panorama da música de raíz galega.

No caso de Nova Galega de Danza o seu nacemento musical non pasara inadvertido, xa que coa súa ópera prima foran quen de se alzar co premio ao mellor disco folk do ano nos nosos galardóns.
Agora recuncan no palmarés con esta terceira obra, na que a dirección musical recae por primeira vez en Pedro Lamas, que xa exercía como segundo nos anteriores álbumes. O músico considera que na obra decidiron apostar “por un repertorio que non resultase especialmente recoñecible e enfocamos o traballo sobre melodías concretas”.

Unha diferenza importante neste álbum é a presenza de case un 50% de pezas cantadas, “e resulta lóxico que iso suceda cando temos o referente da música popular e aí resulta de vital importancia a voz. Quixen que estivese compensada esa faceta coas propostas instrumentais”. En canto ao espírito creativo salienta que teñen moi presente que resulta mellor “ser atrevidos que conservadores.Queremos procurar os límites sobre os que estamos cómodos para dar unha volta máis e descobrirnos a nós mesmos”, indica Lamas.

Pola súa banda, o Cuarteto Caramuxo vén de debutar con Tiruriru, onde ofrece unha nova sonoridade baseada no labor dos catro clarinetes que forman parte do conxunto, que son acompañados por acordeón e percusión na formación, á que os espectadores da pasada gala dos nosos premios puideron contemplar en directo interpretando unha versión do grupo Milladoiro. Os compoñentes sinalan que cómpre amosar que a música tradicional “non está morta e existen diferentes xeitos de abordala. Nese eido aínda queda moito por facer”. Un dos puntos fortes deste traballo discográfico son uns arranxos ben coidados e resultóns, dos que os caramuxo comentan que se trata dun labor moi colectivo. “Partimos dende a melodía e un de nós presenta unha harmonización, e a partir de aí comezamos a xogar e cadaquén comeza a aportar elementos co seu instrumento”, indican os músicos da banda.

www.laopinioncoruna.es
   

Guadi Galego Primeiro Premio dos IX Premios Opinión

02.03.10

Guadi Galego decidiu apostar forte no seu debut en solitario e enleouse nun proxecto moi ambicioso no que contou cunha chea de colaboradores, tentando así darlle sentido e unha forma específica a cada tema do repertorio.
Con produción propia investiu os cartos nun soño que se converteu realidade co seu traballo e que agora se ve recompensado coa elección como mellor disco folk do ano por parte do xurado dos PREMIOS OPINIÓN.

Cando saíu este traballo ao mercado, Galego falábanos das dificultades económicas para montalo todo como ela quería e cría que existía “un risco claro nese apartado, pero cuns traballos xa gañei diñeiro e con outros non, mais neses casos gañas a outro nivel e en satisfacción persoal”. Ao contar con arranxistas diferentes para cada peza empregou un método de traballo “no que eu lles pasaba a peza e o arranxo era totalmente libre. Interesábame plasmar a pluralidade musical. Quixen salientar o papel importante dos arranxistas e ademaisvalorar o alto nivel do que gozan na nosa terra”.

Esas colaboracións externas podían dispersar o ton creativo, pero no disco está ben presente a artista coñecida por participar noutros proxectos. Ese foi un cabalo de batalla á hora de cismar nos contidos “e que o resultado tivese un toque persoal e que non fose todo como un pegote.Todos os arranxistas, cadaquén coa sua liña musical, creo que teñen certo punto en común. Eu quería un disco acústico porque teño claro que é nesa sonoridade onde agora me sinto ben”, sinalaba a cedeirense. Esas outras propostas musicais nas que participou a cantante tamén tiveron unha presenza importante a través dos anos no palmarés dos PREMIOS OPINIÓN.

Formando parte de Berrogüetto acadou dous galardóns. Na primeira edición fixéronse co primeiro posto e na segunda oportunidade na que participaron foron segundos porque a primeira praza quedou en mans de Nordetin@s, o proxecto no que as voces de Guadi e Ugía Pedreira están acompañadas polo piano jazzístico de Abe Rábade. Por se todo isto non abondará, o dúo Espido, que comparte con Guillermo Fernández, realizou o seu debut musical nunha das galas de entrega de premios e posteriormente editaron un disco que se viu recompensado coa segunda posición.

www.laopinioncoruna.es
   

XORNADAS DE MÚSICA TRADICIONAL DA TRADESCOLA EN VILALBA

01.03.10



XORNADAS DE MÚSICA TRADICIONAL DA TRADESCOLA EN VILALBA

A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, organiza para a vindeira semana, unha nova xornada didáctica en Vilalba.

Esta actividade, pretende a divulgación da nosa música tradicional a través dunha serie de obradoiros impartidos por mestres da propia escola en diferentes comarcas da provincia de Lugo.

O vindeiro día 8 de Marzo ás 11.00 h. terá lugar un concerto didáctico de música tradicional no Auditorio Carmen Estévez de Vilalba, dirixido á poboación en idade escolar, que contará con máis de cincocentos nenos e nenas e no que se fará un percorrido pola evolución dos instrumentos e formacións musicais que protagonizaron a historia da música galega nos últimos dous séculos. Neste concerto amosaranse os distintos ritmos, formacións e instrumentos protagonistas da música tradicional e popular galega.

Este concerto didáctico estará guiado por tres mestres da Tradescola, Bruno Villamor, Xerardo Quintela e Pedro David Lamas Varela.

Posteriormente, o domingo 14 de Marzo, o Conservatorio Municipal de Vilalba acollerá durante todo a día un curso de acordeón, con obradoiros de perfeccionamento e que estará guiado polo profesor da Tradescola, Xerardo Quintela.

Para recibir máis información ou para facer as inscricións poden chamar ao teléfono 982229966 ou enviar un mail a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
   

IX Edición dos Premios Opinión

01.03.10

O disco Benzón , de Guadi Galego, resultou gañador na novena edicións dos Premios Opinión.

Na segunda posición houbo un empate entre os álbumes de Caramuxo e Nova galega de Danza.(a primeira vez que hai dous discos empatados na historia destes premios)

En outubro, aínda non hai data fixada, celebrarase no teatro Rosalía de Castro de A Coruña a gala de entrega de galardóns.
   

SERÁN-PRESENTACIÓN VI FOLIADA DE MELIDE

01.03.10


Xoves 18 de marzo ás 23:30h na SALA 600 (Melide)

Grupos participantes:

- HERBA GRILEIRA (Melide)
- A MARISTELA (Sobrado)
- FIADEIRA (Antas de Ulla)
- TRIMUIÑOS (Toques)

Organiza:
Asociación Cultural e Musical O CASTELO
Colectivo musical HERBA GRILEIRA

Máis info: www.foliadamelide.com


   

Serán na Sala Nasa

26.02.10

O próximo xoves, 4 de marzo temos SERÁN na SALA NASA
Continuarase coa novidade deste ano, “Obradoiro de iniciación ós seráns”que se desenvolverá a partir das 21.30h para que pouco a pouco sexamos máis na pista de baile, este é o terceiro obradoiro de baile agarrado, impartido por Pablo Díaz.

E para os demais bailadores e bailadoras espallados por Galiza adiante, unha vez rematado este tempo de aprendizaxe, comezará a gran festa ás 22.15h.

Os grupos que van poñer música son:
1. Gentalha do Pichel
2. Cantigas e Agarimos
3. Habelas Hainas

E TI POS O BAILE

Patrocinado pola Concellería de Cultura
de Santiago de Compostela.

Máis información Xan García Tf. 630 01 60 45
   

I Gala Cómica Solidaria con Haití en Cambre

24.02.10


Unha gran parte dos humoristas galegos reúnense o sábado 27 de febreiro, a partir das 20:30, no Teatro da “Xuventude de Cecebre” no concello de Cambre para solidarizarse coa poboación de Haití.

Será na I Gala Cómica Solidaria con Haití na que participarán grandes humoristas galegos como Pedro Brandariz, Víctor Grande, Luis Pousada, Oswaldo, Fran Campos “Padre Merino”, Os Sete Magníficos + 1 e As Cantareiras de Ardebullo.

Un gran elenco de artistas que participan de xeito totalmente altruista para que toda a recadación das entradas vaia directamente para a reconstrucción do país haitiano. De feito a doazón xestionarase a través do Fondo Galego de Cooperación ao Desenvolvemento

As entradas teñen un custe de 10 euros e pódense retirar nas dependencias municipais do Concello de Cambre, así como na billeteira do teatro o mesmo día da función.

O público gozará dunha velada cómica descubrindo as novas propostas dos humoristas galegos.

Na organización da gala participan a Concellería de Participación Cidadá, Cooperación e Solidariedade do Concello de Cambre, a “Xuventude de Cecebre” e DINAMO Xestión de Actividades Socioculturais SL.

Para aquelas persoas que non poidan asistir existe unha Fila 0, cun número de conta onde poden facer as súas aportacións. O número é o seguinte 2091-0048-97-3110000069
   

Achegamento ós oficios artesáns

24.02.10


No seu afán de difundir e achegar a nosa cultura á xente, a Asociación Cultural Santomé está organizando un ciclo de demostracións abertas na Casa da Cultura de Santomé de Piñeiro, actividade que non se descarta que se pode realizar tamén noutros emprazamentos.

Estas demostracións teñen aos oficios artesáns como eixe vertebrador. Os oficios tradicionais e os non tan tradicionais serán os protagonistas, uns para coñecer as nosas orixes e outros para saber cara a onde imos dentro do mundo da artesanía e a arte.

A idea destas xornadas é xerar interese e propagar a mensaxe que non todo se fai con tecnoloxía nin con I+D, nin todo se logra dun día para outro. Hai cousas que aínda requiren tempo, esforzo e o coñecemento fiel de técnicas milenarias.

Primeira demostración: Gravado e estampación, este sábado 27 de febreiro ás 19hs.

A cargo da artista gráfica Yellice Rodriguez, quen nos mostrará como funciona un taller de gravado, ensinaranos diversas técnicas do oficio e acompañará a demostración cunha pequena mostra dos seus traballos e unha presentación do oficio. Entre as técnicas que mostrará están a xilografía, a punta seca e o monotipo.

Máis info: http://santome.org/
   

Páxina 242 de 265