Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Discografía

Discografía

XENTE MIÚDA MOITA FARTURA, NOVO DISCO DE PABLO DÍAZ

18.02.15

poster pablo dazXENTE MIÚDA, é a proposta musical máis novidosa de Pablo Díaz. Está dirixida a nenas e nenos de 0 a 5 anos fundamentalmente, e acaba de ver a luz durante o Nadal do 2014.

A temática das cancións ten que ver co mundo dos máis pequenos, e moitos tratan de reflexar e crear recursos para as familias e educadores que necesitan de temas lúdicos para levar a cabo as rutinas dos pequerrechos (gardar os xoguetes, alimentación saudable, parabéns no aniversario, etc.)

O creador do traballo, Pablo Díaz, rodéase nesta ocasión tanto na gravación como nos concertos en directo, dos grandes e coñecidos músicos Carmen Rey (piano e voz) e Tito Calviño (guitarra acústica), con ritmos e melodías máis cercanas para os máis pequeniños.

O recoñecido ilustrador e deseñador gráfico da obra, Nicolás Fernández Prímola, soubo captar a idea e o espírito que queríamos transmitir para a nosa xente miúda.

A obra de Pablo no eido infantil leva xa unha traxectoria con certo pouso. Dende que en decembro do 2009 viu a luz o seu primeiro traballo TIC TAC (libro-disco da editorial Kalandraka), premiado co galardón á creatividade infantil “Anisia Miranda” en 2010, que se reeditou ata en 3 ocasións e que está esgotado desde hai máis dun ano, o seu traballo foi incesante.

En novembro de 2013, presentounos o segundo libro-disco, TOC TOC, esta vez de man da editorial Galaxia. En tan só 4 meses xa se venderan máis de 3000 copias, e por riba esta obra reportoulle a satisfacción de gañar o premio da música galega Martín Códax 2014 entre os proxectos de música infantil, onde xa resultara finalista con Tic Tac o ano anterior.

Nesta ocasión, Pablo Díaz decantouse con XENTE MIÚDA MOITA FARTURA, polo formato máis clásico do CD en forma de Digipack, cun deseño tamén atractivo e coidado, e pola autoprodución. Unha aposta persoal, coa que pretende chegar a todo o mundo.

Estará presentando o traballo nas vindeiras datas:

-      21 de febreiro ás 18:30: Fórum Metropolitano da Coruña

-      22 de febreiro ás 12:30: Fórum Metropolitano da Coruña

-      8 de marzo: Salón do libro infantil de Pontevedra

-      30 de marzo: auditorio municipal de Ribadeo

-      11 de abril: Fundación Manuel María en Outeiro de Rei

   

Lagharteiras leva o seu traballo de investigación ao disco

11.02.15

 

lagharteirasAS PANDEIRETEIRAS DE MOS PRESENTAN O SEU PRIMEIRO áLBUM

Logo de anos de traballo a recoller e interpretar pezas da nosa tradición musical, o grupo Lagharteiras compila parte deste traballo no seu primeiro álbum. Lagharteiras amosa pezas recollidas por este grupo de oito pandeireteiras coa dirección de Carlos Álvarez. O colectivo leva desde 2007 a traballar a prol da música e do vestiario tradicional e mantén a súa base no Concello de Mos.

   

Quempallou presenta o seu novo proxecto, Quarteiróns

19.01.15

quempallou xanO grupo subirá ás plataformas de distribución dixital de música, en catro entregas, o seu quinto proxecto discográfico orixinal
 
Logo de 15 anos de traxectoria musical, que deron o seu froito discográfico en catro CDs orixinais, Quempallou presenta a súa nova produción dun xeito innovador e diferente. Trátase de achegarse ao público a través das novas tecnoloxías dun xeito máis achegado e interactivo, aproveitando os novos recursos que ofrece a rede, para ir avanzando aos seareiros e seareiras as novas cancións que compoñerán este quinto disco.

Aínda que o grupo aposta por unha nova maneira de ofrecer a súa música, non pensan en abandonar o formato tradicional de disco. Editarán o traballo en formato físico unha vez estean rematadas as catro entregas dixitais, ou Quarteiróns (con Q de Quempallou).

   

Novo disco de Ruxe-Ruxe

20.03.12

ruxe-ruxeDesde o compostelán barrio de Aríns sae o oitavo traballo discográfico dos Ruxe-Ruxe, a través do seu propio selo Lobicán Records poñen na rúa Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras.

Dezasete cancións compoñen este traballo da banda gravado en Nigrán nas instalacións de Oceano Estudio co produtor Javier Abreu como xa fixeran no anterior traballo Na fura de diante(Lobicán records,2010). Como é habitual no grupo foron quen de congregar valiosas colaboracións para o seu disco como Xavier Díaz (Berrogüetto), Dios ke Te Krew, Roi Maceda (Quempallou), Bocixa (Zenzar) e Esteban (Skacha).

O disco, un dos mellores traballos da banda nos seus 16 anos, é capaz de contentar aos seguidores incondicionais de Ruxe-Ruxe pola fidelidade ao seu estilo de fusión de música tradicional, ska e punk rock do país – de feito Rock do país é tema de apertura do álbum e o seu vídeo de adianto- pero ademais ofrece unha variedade de tonalidades nas súas pistas que poden enganchar a un público que aínda non se tivera achegado á súa música nestes dezaseis anos de actividade musical ininterrompida. O compromiso coa terra e coa lingua, traballo, actitude e honestidade seguen a ser a súas cartas de presentación xunto a un son inconfundible, se acaso renovado, coma di outro dos temas do disco os vellos punks non morren. O vindeiro día 31 de marzo os Ruxe-Ruxe presentarán en concerto Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras ante o seu público na Sala Capitol de Santiago cunha entrega do seu potente directo (máis información en Axenda) e xa está en preparación tamén o segundo videoclip do disco co tema Adiante.
O primeiro disco do grupo foi homónimo do seu nome Ruxe-Ruxe e saíu en 1999.

   

Quempallou prepara "Vellas Novas"

21.02.12

quempallouQuempallou prepara o lanzamento do seu novo traballo discográfico “Vellas Novas”

O disco sae á venda a finais de marzo cun discurso cargado de retranca e unha estética baseada no mundo do xornalismo

Tomáronse o seu tempo, pero dende logo que foi para elaborar con moito convencemento e boas ideas o que xa é o cuarto traballo discográfico do grupo. Deste xeito, Quempallou, unha das bandas máis representativas do folk galego, volve a ser noticia. E nunca mellor dito, xa que o seu novo disco “Vellas Novas”  toma forma nunha estética xornalística, que se verá reforzada coa publicación dun xornal que a banda ten pensado distribuír nos seus concertos.

“Vellas Novas” e un traballo cargado de matices sonoros e cunha gran dose de influencias musicais, que chegan dende a experiencia dun grupo que leva máis de doce anos en escena. Como é habitual en Quempallou, o disco asenta unha fonda raíz na tradición musical galega, a partir da cal, constrúe arranxos, adapta letras e crea novas composicións. Así conseguen unha sonoridade característica, apoiada nas percusións tradicionais, o acordeón e as cordas, sobre o que camiñan frautas, gaitas, e sobre todo a voz.

Haberá que agardar ata o mes de Abril para atopar “Vellas Novas” nas tendas, e por suposto na rede, pero mentres tanto, Quempallou presentou un avance de dous temas en exclusiva este sábado 18 de febreiro no programa de Radio Galega “Lume na palleira”. Dous temas que comezarán a soar nos medios a partires da semana que vén e que tamén se poderán escoitar na páxina do web grupo www.quempallou.com

   

'Tradiphonías' o primeiro disco do cuarteto Os Chupacabras

02.01.12

 

chupacabrasO cuarteto  Os Chupacabras acaba de sacar á luz o seu primeiro disco, ‘Tradiphonías’, un traballo moi elaborado a xulgar polos «tres ou catro anos» que levou confeccionalo e producilo, segundo recoñece un dos seus integrantes, o viveirés David Bellas. Porén, os seus membros contan ca satisfacción de que é froito do seu propio esforzo, pois fixérono practicamente todo e o resultado é que quedaron «bastante contentos», din. «O bo deste disco é que todo dependeu de nós, dende o deseño, gravación... tivemos un control absoluto sobre o resultado final, non sei se para ben ou para mal», comenta o de Viveiro.

‘Tradiphonías’ non é un disco folk, é algo máis. «Non o plantexamos de entrada como un traballo de música tradicional, senón basado nela». Deste xeito a música popular é «a materia prima» sobre a que van tecendo outras influencias. No disco «pódense atopar sonoridades producidas polos instrumentos dun cuarteto tradicional, pero con outro tipo de repertorio». Así, o grupo que compoñen David Bellas e o vicedense Xesús Riveira ás gaitas e Cristian Silva e Rafa Crespo na percusión foi máis alá e o resultado é «unha selección de pezas tan dispares como unha danza de espadas un tanto tribal, un canto de berce con ritmos exóticos, unha deconstrucción dun tema popular ou unha muiñeira do século XIX».

 

http://elprogreso.galiciae.com/

Prema no título para ver a nova ao completo

   

Vaamonde, Lamas e & Romero presentan o seu novo álbum "O Tambor de Prata"

25.11.11

 

tambor de prataCULTURGAL - Pontevedra - Showcase - domingo 4 de decembro ás 18:30

SALON TEATRO - Compostela - Concerto - martes 13 de decembro ás 21h.

O segundo álbum do trío onde demostran a súa mestría e capacidade coma músicos e como artistas na primeira división, un traballo inspirado no grupo Os Trintas de Trives, uns músicos moi modernos no 1910.

Tamén no mesmo formato o DVD gravado ao vivo xunto coa Banda Sinfónica da Coruña celebrado no Pazo da Ópera, unha experiencia musical chea de humor.

   

TNT Presenta disco na Casa dos Druidas

24.06.11

 

O grupo Tanto Nos Ten presenta o seu primeiro disco.

Nesta ocasión será na Casa dos Druídas (Vilaboa) mañá 25 de xuño as 24h.

 

   

Xa a venda o novo disco de Uxía "Meu Canto"

06.06.11

Meu Canto é  unha relectura dos temas fundamentais do repertorio en directo de Uxia e temas que ata agora nunca tiña abordado. Unha proposta limpa de artificios na que o fundamental é a súa excepcional voz.

Uxia ten unha voz fermosa e serena que fuxe do virtuosismo exhibicionista e se fai transparente, para amosarnos unha artista madura, que comprendeu que non hai nada máis sofisticado que o esencial e que a voz é o único instrumento que nunca minte.

Meu Canto porque a maioría das cancións conteñen a palabra canto porque este disco é unha reflexión sobre o acto de cantar, as emocións que provoca, a voz, a esencia….

(Prema no título para ver a nova ao completo)

   

Malvela grava hoxe durante un concerto en directo en Mos o seu novo disco, "Raianas"

31.05.11

Malvela vai editar o seu cuarto disco e quere que nel se sinta a calor do público. Por iso o gravará en directo e na súa terra:hoxe martes ás nove da noite o grupo de cantareiras de Sanguiñeda actúa no Multiusos de Mos, nun concerto gratuíto do que sairá o seu novo traballo discográfico: Raianas.

Malvela contará coas colaboracións de Uxía, Carlos Blanco, Nuria Freiría, Oli Xiráldez e a poeta de Mos María Magdalena. A participación de todos eles e máis do público contribuirá a transmitir no disco a esencia do son de Malvela, que se revela máis vivo ca nunca nas súas actuacións en directo. O concerto será unha festa á que están convidadas todas as persoas que gozan coas súas persoais voces e as interpretacións que fan da música tradicional.

(Prema no titulo para ler a nova ao completo)

   

Páxina 1 de 6