Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Reunións, actos, ...

Reunións, actos, ...

Na AGG Queremos Galego

14.10.09

A plataforma cidadá Queremos Galego, conformada por persoas a título individual e entidades de diferentes ámbitos, entre as que se atopa a Asociación de Gaiteiros Galegos, convoca unha gran manifestación en favor da lingua. Será o vindeiro 18 de outubro en Santiago de Compostela e partirá ás 12 da mañá da Alameda.

Corren tempos difíciles para a nosa lingua e a nosa cultura, tempos en que debemos dar unha resposta firme en defensa dos nosos sinais de identidade. Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos queremos animarvos á participación na manifestación do vindeiro domingo á que asistira unha ampla representación da xunta directiva da AGG, levando consigo os seus instrumentos para acompañar o percorrido con música tradicional. Convidamos aos socios e socias, grupos, asociacións e demais colectivos e xente relacionada coa música tradicional a facer soar os seus instrumentos na defensa da nosa lingua e da nosa cultura.

Máis información adhesións en www.queremosgalego.org
   

Sondeseu, 10 anos do CMT

24.05.06

O vindeiro xoves, 1 de Xuño ás 22:00 horas, no Teatro Sá de Concertos do Centro Cultural Caixanova terá lugar a homenaxe Sondeseu, 10 anos do CMT. A reserva de localidades pódese realizar en www.caixanova.es ou na taquilla telefónica 902 504 500.

A creación do Conservatorio de Música Tradicional, dentro da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (antes Universidade Popular) en 1996 veu inaugurar un novo xeito de concebir os centros educativos no amplo mundo do ensino da música popular galega.

Cumprénse 10 anos da súa aparición e polas súas aulas teñen pasado a maior parte dos músicos que na actualidade manteñen vivo e creador o mundo da música tradicional e a súa expresión urbana: o folc.

Un dos máis importantes fitos no decorrer destes anos ten sido a formación da primeira Orquestra Folc en España: Sondeseu. Co seu primeiro traballo discográfico no mercado (Mar de Vigo, que merecéu mencións especiais da prestixiosa revista Folk Roots e dos medios galegos españois especializados) e o segundo en proceso de produción, Sondeseu xa é un referente nacional e internacional.

Mais información.


   

A AGG apoia o manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística

16.05.06

109 entidades e institucións de diverso tipo, entre as que se atopa a AGG, enviaron xa o seu apoio á manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística para o próximo 17 de maio, que sairá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago. Esta mobilización cidadá pretende conseguir un “salto adiante” para a lingua galega, aproveitando a oportunidade histórica da elaboración dun novo Estatuto, para que sexa “o Estatuto da normalidade para o galego” e “un Estatuto con tolerancia cero ás discriminacións lingüísticas”.

Animamos a todos os nosos socios a acudir á manifestación posto que consideramos que, ao igual que a música, a fala, ou calquera outra manifestación da cultura galega deben acadar unha completa normalización e integración na sociedade da Galiza actual. É importante deixarnos sentir para lograr esa meta.

Podedes consultar o manifesto “Porque temos, porque queremos, porque debemos. O Estatuto da normalidade lingüística. O galego: un dereito, un deber.” No seguinte enderezo http://www.amesanl.org/17maio.htm
   

Asemblea Xeral Ordinaria do 2006

10.04.06




O vindeiro domingo 23 de abril terá lugar a Asemblea Xeral Ordinaria do 2006. Este ano terá lugar a partir das 9:30 na Sala Mozart do AUDITORIO DE GALIZA, sito na Avenida do Burgo das Nacións s/n, na cidade de Santiago de Compostela.
A asemblea terá a seguinte orde do día:
1. Lectura e aprobación se proceder das actas anteriores (24 de abril de 2005).
2. Informe das actividades realizadas.
3. Aprobación do estado de contas do ano 2005.
4. Rogos e preguntas.
   

Crónica do XI Xantar Gaiteiro

28.03.06

O pasado domingo 26 de marzo tivo lugar o convite que a Asociación de Gaiteiros Galegos organiza cada ano ao comezo da primavera. O lugar escollido este ano foi o restaurante Punta del Este na cabeceira da comarca de Bergantiños, a vila de Carballo.



O abundante cocido, o magnífico viño, traído directamente da Ribeira Sacra, e as fontes e fontes de orellas que pecharon o banquete animaron a velada dende o primeiro momento. Aínda non chegaran as filloas cando Antonio Mato Rial (fundador do cuarteto Os Matos de A Coruña) obsequiounos cunha exótica interpretación á harmónica de varias foliadas galegas, os aplausos non se fixeron esperar.

Servido o café e, se cadra, cohibidos ante á cantidade de senlleiros mestres gaiteiros esparexidos polas mesas, a xente retrasou o comezo da foliada.


Un momento máxico da xornada veu da man do gran mestre gaiteiro Manuel Viqueira Vieites, o Gaiteiro de Vilaverde (Ordes, A Coruña), quen amosou o seu carisma coa interpretación dunha das xoias do seu repertorio, unha muiñeira cargada de forza e sentimento que provocou, primeiro, un silencio de espectación seguido dun rebumbio de auténtica ledicia, onde, por suposto, non faltaron os aturuxos.

Pouco a pouco os asistentes fóronse animando a tocar e bailar co cal a festa continuou ata a noitiña.

   

Os bos e xenerosos. 3ª edición.

21.03.06

A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebra a 3ª edición deste acto de homenaxe e recoñecemento anual. Cada ano escóllese a unha figura ou colectivo que, pola súa actividade de intervención social, contribuíse á difusión pública da cultura galega.

Este ano preténdese poñer de relevo á traxectoria do colectivo Ponte... nas Ondas! que naceu en 1995 coa fin de incentivar a comunicación internacional entre adolescentes e profesionais das dúas beiras do Miño. Conseguiron salvar barreiras e crear lazos de entendemento entre comunidades veciñas pero separadas por unha fronteira política. O labor de recuperación, estudo e clasificación do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués de Ponte... nas Ondas!! a través da radio tamén constitúe unha labor encomiable deste colectivo.

Os actos da 3ª edición de “Os bos e xenerosos” terán lugar o sábado 25 de marzo a partir das 11:30 no Auditorio do Centro Sociocultural Caixa Galicia, na rúa Policarpo Sanz, 21, Vigo.
   

XI Xantar Gaiteiro

17.03.06



De novo no comezo da primavera, coma noutras e facéndoo xa ritual, nesta ocasión a Asociación de Gaiteiros Galegos quéreo celebrar cun suculento xantar ao estilo do país, formalizando o 'XI Xantar Gaiteiro', para o vindeiro domingo 26 de marzo no restaurante Punta del Este de Carballo (A Coruña).

O menú (22 euros) será:
Sopa de cocido
Cocido de grelos e patacas con polo, cachola, lacón, carne fresca, chourizos...
Pan de molete e viño Mencía ...(¡auga tamén...!)
Filloas... orellas...café araghonés (con Jotas)

Desta volta, amais, imos propoñer máis actividades coma música na rúa; exposición de instrumentos e fotos; representación teatral e proxeccións.

Traede bo humor e algún instrumento musical. E para os que non lle paran quietos os pes, que non se couten, tamén poderán botar unha baila. Pero traede tamén a algún colega que queira participar connosco porque andamos a procura de xente con ilusión que queira aportar algo á nosa comunidade de músicos e de xente namorada da cultura do pobo galego.

Para confirmar a participación, por favor, ponte en contacto con nos antes do día 22 de marzo:
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo // Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
(Sonsoles) 986 847 074 // (Raúl Galego) 607 844 813


Mais información.


   

Os gaiteiros de Alcobendas mobilízanse a favor da música tradicional galega.

10.03.06

Para todos aqueles que aínda non teñades plan para a ponte do 1 de maio a asociación ‘Xuntanza de Galegos’ de Alcobendas invítavos a participar nunha concentración de músicos tradicionais en contra das falsificacións da tradición musical galega e a favor dunha interpretación responsable da mesma.

A devandita concentración terá lugar a fin de semana do 29 e 30 de abril na vila madrileña. Os actos comezarán o día 29 de abril cun pasacorredoiras polas rúas de Alcobendas, para rematar cunha xuntanza no feiral, onde cada grupo realizará unha actuación de entre 15 e 20 minutos. Os recorridos e a festa non cesarán ata luns día 1 que é festivo.



Mais información.
   

O Obradoiro de Gaitas da familia Seivane recolle en Barcelona o Percebe de Prata

02.03.06




O pasado 25 de febreiro tivo lugar a ‘Gran Noite de Galicia en Barcelona 2006’, unha gala á que acudiron varios cargos da Xunta e mesmo o alcalde da Cidade Condal, Joan Clos.

Os galardóns entrégaos dende hai 24 anos a ‘Enxebre Xuntanza do Percebe da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña’ que quixo facer este ano un recoñecemento á gaita. Os membros do obradoiro de gaitas da familia Seivane foron agasallados co Percebe de Prata. O pai de Susana Seivane foi o encargado de levar a Cambre o merecido crustáceo.

Carlos Núñez tamén fora invitado a recoller o seu premio en forma de prezado marisco, mais no último momento anunciou que non podería acudir deixando totalmente desconcertada á organización do evento.

Texo e imaxe extraídos de La Voz de Galicia.
   

DÍA DO ORGULLO GAITEIRO

12.12.05

Do 17 de decembro do ano 1458 data o documento, achado polo escritor e historiador Xesús Ferro Couselo, no que o gaiteiro “Gomes Mouro”, do que a Asociación toma nome é recibido como veciño da vila de OURENSE.



Esa data supón pois a primeira constancia escrita da presenza dun gaiteiro na nosa cidade (a segunda en toda Galiza), e foi tomada pola Aula desde hai xa varios anos como xornada “reivindicativa” e lúdica arredor da nosa música tradicional.

O pasado ano 2004 bautizaron esa data como o “DÍA DO ORGULLO GAITEIRO”, un día no que fronte a universalización que nos conquista, tan enriquecedora e tan empobrecedora ao mesmo tempo, deixan ben claro que a nosa música segue viva, animando a todos os músic@s tradicionais a facer un exercicio de auto-estima combativa fronte a outras músicas que nos inundan.


Mais información.
   

Páxina 2 de 3