Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Homenaxes, Premios, Recoñecementos, ....

Homenaxes, Premios, Recoñecementos, ....

Premio Orballo da Cultura

23.07.18

premioorballo2A AFC Orballo crea o PREMIO ORBALLO DA CULTURA para destacar e valorar públicamente o extensivo traballo que pola cultura tradicional realizase ben por persoas físicas, ou ben institucións, asociacións ou entidades a prol da tradición e a cultura popular e os valores do folclore en calquera das súas manifestacións.
Os candidatos que opten a este premio, poderán ser calquera persoa en vida, maiores de idade ou organizacións ou entidades, constituidas formalmente que destaquen en identificación, documentación, investigación, protección, preservación, promoción, posta en valor e transmisión –básicamente a través da educación e formación reglada e non reglada– que poñan en valor a cultura tradicional da súa zona.
Para esta primeira Edición do premio pensaron que era merecedor do mesmo Pepe Temprano-Gaiteiro.
A entrega do premio faráse coincidir ca 31 edición do Festival Internacional de Folclore de Pontedeume o día 3 de agosto na Praza de S. Roque de Pontedeume, onde a comenzos do mesmo faráse un pequeno acto.
O Presidente da Asociación folclorica e cultural Orballo convido a todo aquel que queira asistir e acompañar a Pepe Temprano na recollida deste merecido recoñecemento.

   

No vindeiro programa da Rumboia, en openradio.es falaremos do grupo Os Carapaus

28.03.18

rumboia - copiaNo vindeiro programa da Rumboia, en openradio.es falaremos do grupo Os Carapaus. Lembra escoitalo todos os sábados ás 13.00 horas en http://www.openradio.es/rumboia

Os Carapaus – Conservas de Música Tradicional

No ano 2012 publícanse as Conservas de Música Tradicional, primeiro traballo discográfico de Os Carapaus. Un grupo versátil que fai a festa no turreiro, na corredoira, na praza ou dende o escenario. Naquela primeira propostas musical de Os Carapaus participaron:  Emilio Lois,  gaiteiro da Baña,  mestre en numerosas asociacións de música e cultura tradicionais; Oli Xiráldez (frautas), artesán e músico de longa traxectoria;  Gustavo Couto (voz e tamboril),  mestre de baile tradicional;  Sabela  Galbán  (voz  e  acordeón),  estudante  de  frauta  traveseira  no Conservatorio de Música Superior da Coruña, e Adrián Lareo (bombo e voz).

 

   

O coro Cantigas da Terra e a mestra Carmen Mejía, premios Pedrón de Ouro

23.05.16

 pedron ouroOnte, domingo 22 de maio, entregáronse na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, os premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra, que este ano recairon no Coro Galego Cántigas da Terra e na profesora Carmen Mejía Ruíz, respectivamente.

O Pedrón de Ouro trata de sobrancear aquela personalidade ou colectivo residente en Galicia que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida.

Co Pedrón de Honra, a Fundación pretende distinguir a personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra da Terra que máis se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da Nación e a súa Cultura.

   

Homenaxe Ás Irmandades da Fala

16.05.16

 cantigas irmandadesO 18 de maio de 1916 constitúese na Coruña a primeira Irmandade dos amigos da Fala. 100 anos despois, As Irmandades toman a cidade en diversos actos na súa homenaxe.
 
Cántigas da Terra lembrará, no seu propio acto aberto na rúa, aos persoeiros que en 1916 foron quen de crear o crucial movemento en prol da língua e da nosa cultura. Algúns deles, xunto con outras referencias da altura, deron vida cos mesmos fins ao noso Coro Galego naquel contexto de emoción pola Terra.
 
Este mércores 18 ás 20:00 hActo de rúa en Rego de Auga
Homenaxe do Coro Galego Cántigas da Terra Ás Irmandades da Fala
 
Logo da lembranza, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía terán lugar os actos oficiais, coa Real Academia Galega, o Concello da Coruña e o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol (1914), a Coral de Ruada de Ourense (1918) e a agrupación Cantigas e Agarimos (1921), libre acceso ata completar aforo.

   

3º Premios Martín Códax da Música

08.02.16

musicos ao vivo

Xa van tres edicións deste certame que hai nada era un soño e hoxe é unha realidade consolidada sen a que ninguén concibe xa o panorama musical galego. Como era posible que non houbese uns premios da música galega? E máis aínda neste momentazo musical que estamos a vivir? Moitos de vós seguramente lembraredes como naceu este certame, pero aínda así queremos recordalo.

Os Premios Martín Códax da Música, promovidos pola Asociación de Músicos ao Vivo, naceron hai tres anos, nun momento no que a música galega rebordaba creatividade musical pero adoecía de apoios, de recoñecemento, de visibilidade e dunha industria capaz de facer rendible o inmenso potencial deste sector estratéxico, un sector que, no caso de ser dimensionado -asunto nada sinxelo- moi probablemente se revelaría como o máis produtivo e con máis potencial para a cultura galega.

Nesta terceira edición que comezará a súa andaina o vindeiro día 15 de febreiro, os Premios Martín Códax da Música volverán convocar tamén os Premios Organistrum, que premiarán á Mellor Sala, ao Mellor Festival, e ao Mellor Espazo de Comunicación Musical. En total, os Premios Martín Códax da Música botarán luz sobre 58 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico coma o da música ao vivo.

   

Homenaxe ao último de Os Cinco de Galicia

06.11.15

homenaxe cinco galiciaSe hai alguén que represente o espírito festeiro de Carral é o gaiteiro Edmundo Vilariño Mosquera (Muimenta-Lalín 1929), o último que queda vivo dunha formación, Os Cinco de Galicia, referente para centos de gaiteiros que viñeron despois e que herdaron un repertorio que eles espallaron durante anos por centos de alboradas e romarías. Por iso, porque foi fiel nas últimas cinco décadas ás festas do Socorro, as patronais carralesas, onde tocou ata as do ano pasado, compañeiros e amigos réndelle hoxe venres, unha sentida e folclórica homenaxe coma agradecemento ao seu legado.

Prema no título para ler a nova completa)

   

O grupo Treixadura será homenaxeado na XXVII Xuntanza de Gaiteiros de Fene

15.10.15

treixadura-300x160A Banda de Gaitas Tradicional «Airiños de Fene» celebrará un ano máis unha nova edición da Xuntanza de Gaiteiros como vén facendo desde 1988. A cita será o sábado 24 de outubro ás 19:30 horas na S.C.R.D. Agarimo de Sillobre e nesta XXVII edición homenaxearase ao grupo Treixadura.

Nestas xuntanzas, ademais da participación de distintas bandas, grupos e músicos, a entidade aproveita a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterice por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a música tradicional galega.

(Prema no título para ler a nova completa)

   

O Real Coro Toxos e Froles, Premio da Cultura Galega

23.09.15

coro toxos frolesO Real Coro Toxos e Froles foi galardoado co Premio da Cultura Galega 2015 na modalidade de música, informa Europa Press. O xurado, reunido en Santiago de Compostela baixo a presidencia do conselleiro de Cultura, subliñou que o Toxos, decano dos coros tradicionais galegos, leva en activo, de forma ininterrompida, desde o ano 1915.

O Toxos é, para Ferrol, moito máis que un coro. É unha parte fundamental da alma da cidade. E ben se podería dicir, tamén, que parte da alma de Galicia. Alí onde está o Real Coro Toxos e Froles, Galicia está sempre.

O xurado, ao render homenaxe á súa traxectoria, lembra que a institución musical ferrolá leva en activo desde 1915, e é precisamente este ano cando se cumple o seu centenario.

Outros galardoados foron Fina Casalderrey, no apartado de creación literaria; Miguelanxo Prado, no de artes plásticas; María Bouzas, no de artes escénicas, e Ignacio Villar, no audiovisual.

http://www.lavozdegalicia.es

   

Muxía homenaxea a Pazos de Merexo co Premio María Amelia e un libro-disco

06.04.15

merexo acordeonSegue recibindo recoñecementos o bo de Pazos de Merexo. Despois do Premio Nordés, estes días o Concello de Muxía facía público o nome do Premio María Amelia 2015 que recaerá precisamente sobre Manuel Pazos, o acordeonista de Merexo que traspasa xeracións.

A nova é doble pois na gala de entrega do galardón, que será o vindeiro 12 de abril, ás 11:30h, no Salón do Voluntariado de Muxía terá lugar o acto de presentación do libro-disco “Pazos de Merexo, o acordeón diatónico da Costa da Morte”, o primeiro, e único, libro que afonda na historia do acodeón diatónico en Galiza. Unha cuidada e rigurosa monografía que publica o Concello de Muxía e a colección Chave Mestra, a iniciativa de aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, acompañada dun Cd sobre Pazos de Merexo, o decano e principal referente desta modalidade de acodeón para as novas xeracións.

O Premio María Amelia é un nomeamento reservado para aquelas persoas que co seu traballo enriquecen e difunden o patrimonio cultural material ou inmaterial de Muxía e de toda a Costa da Morte. Un premio que lembra aquela muller que traspasou fronteiras dende Muxía a través da rede, que nos deixaba no 2009.
A proposta de entregar o Premio a Pazos partíu do propio Concello e foi aprobada por unanimidade polo xurado da mesma, no que, como en cada edición, hai membros de todos os grupos municipais.

(Prema no título para ler a nova completa)

   

Homenaxe a Perfecto Feijoo

26.01.15

homenaxe perfecto feijoo"Os de Algures" organizan este Homenaxe a Perfecto Feijoo con motivo do 80 aniversario do seu falecemento.

Consta de catro escenas teatrais onde se escoitarán as Pezas grabadas en 1904, cun son o máis fiel a realidadel de como soaba  Perfecto Feijoo nese momento (conseguido grazas as réplicas das gaitas de Villanueva) e uns intermedios musicais de corte máis moderno e actual conseguido cos arranxos e a inclusión de máis instrumentación nas pezas.

O Coro de Cámara Gli Appassionati encargarase da parte vocal na representación do Coro Aires da Terra.

A entrada e libre ata completar cabida.

   

Páxina 1 de 2