Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Homenaxes, Premios, Recoñecementos, ....

Homenaxe Ás Irmandades da Fala

 cantigas irmandadesO 18 de maio de 1916 constitúese na Coruña a primeira Irmandade dos amigos da Fala. 100 anos despois, As Irmandades toman a cidade en diversos actos na súa homenaxe.
 
Cántigas da Terra lembrará, no seu propio acto aberto na rúa, aos persoeiros que en 1916 foron quen de crear o crucial movemento en prol da língua e da nosa cultura. Algúns deles, xunto con outras referencias da altura, deron vida cos mesmos fins ao noso Coro Galego naquel contexto de emoción pola Terra.
 
Este mércores 18 ás 20:00 hActo de rúa en Rego de Auga
Homenaxe do Coro Galego Cántigas da Terra Ás Irmandades da Fala
 
Logo da lembranza, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía terán lugar os actos oficiais, coa Real Academia Galega, o Concello da Coruña e o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol (1914), a Coral de Ruada de Ourense (1918) e a agrupación Cantigas e Agarimos (1921), libre acceso ata completar aforo.

 

3º Premios Martín Códax da Música

musicos ao vivo

Xa van tres edicións deste certame que hai nada era un soño e hoxe é unha realidade consolidada sen a que ninguén concibe xa o panorama musical galego. Como era posible que non houbese uns premios da música galega? E máis aínda neste momentazo musical que estamos a vivir? Moitos de vós seguramente lembraredes como naceu este certame, pero aínda así queremos recordalo.

Os Premios Martín Códax da Música, promovidos pola Asociación de Músicos ao Vivo, naceron hai tres anos, nun momento no que a música galega rebordaba creatividade musical pero adoecía de apoios, de recoñecemento, de visibilidade e dunha industria capaz de facer rendible o inmenso potencial deste sector estratéxico, un sector que, no caso de ser dimensionado -asunto nada sinxelo- moi probablemente se revelaría como o máis produtivo e con máis potencial para a cultura galega.

Nesta terceira edición que comezará a súa andaina o vindeiro día 15 de febreiro, os Premios Martín Códax da Música volverán convocar tamén os Premios Organistrum, que premiarán á Mellor Sala, ao Mellor Festival, e ao Mellor Espazo de Comunicación Musical. En total, os Premios Martín Códax da Música botarán luz sobre 58 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico coma o da música ao vivo.

 

Homenaxe ao último de Os Cinco de Galicia

homenaxe cinco galiciaSe hai alguén que represente o espírito festeiro de Carral é o gaiteiro Edmundo Vilariño Mosquera (Muimenta-Lalín 1929), o último que queda vivo dunha formación, Os Cinco de Galicia, referente para centos de gaiteiros que viñeron despois e que herdaron un repertorio que eles espallaron durante anos por centos de alboradas e romarías. Por iso, porque foi fiel nas últimas cinco décadas ás festas do Socorro, as patronais carralesas, onde tocou ata as do ano pasado, compañeiros e amigos réndelle hoxe venres, unha sentida e folclórica homenaxe coma agradecemento ao seu legado.

Prema no título para ler a nova completa)

Ler mais. Homenaxe ao último de Os Cinco de Galicia

   

O grupo Treixadura será homenaxeado na XXVII Xuntanza de Gaiteiros de Fene

treixadura-300x160A Banda de Gaitas Tradicional «Airiños de Fene» celebrará un ano máis unha nova edición da Xuntanza de Gaiteiros como vén facendo desde 1988. A cita será o sábado 24 de outubro ás 19:30 horas na S.C.R.D. Agarimo de Sillobre e nesta XXVII edición homenaxearase ao grupo Treixadura.

Nestas xuntanzas, ademais da participación de distintas bandas, grupos e músicos, a entidade aproveita a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterice por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a música tradicional galega.

(Prema no título para ler a nova completa)

Ler mais. O grupo Treixadura será homenaxeado na XXVII Xuntanza de Gaiteiros de Fene

 

O Real Coro Toxos e Froles, Premio da Cultura Galega

coro toxos frolesO Real Coro Toxos e Froles foi galardoado co Premio da Cultura Galega 2015 na modalidade de música, informa Europa Press. O xurado, reunido en Santiago de Compostela baixo a presidencia do conselleiro de Cultura, subliñou que o Toxos, decano dos coros tradicionais galegos, leva en activo, de forma ininterrompida, desde o ano 1915.

O Toxos é, para Ferrol, moito máis que un coro. É unha parte fundamental da alma da cidade. E ben se podería dicir, tamén, que parte da alma de Galicia. Alí onde está o Real Coro Toxos e Froles, Galicia está sempre.

O xurado, ao render homenaxe á súa traxectoria, lembra que a institución musical ferrolá leva en activo desde 1915, e é precisamente este ano cando se cumple o seu centenario.

Outros galardoados foron Fina Casalderrey, no apartado de creación literaria; Miguelanxo Prado, no de artes plásticas; María Bouzas, no de artes escénicas, e Ignacio Villar, no audiovisual.

http://www.lavozdegalicia.es

   

Páxina 2 de 5