Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / XXI Xuntanza de Gaiteiros 2009

XXI Xuntanza de Gaiteiros 2009

Varios

O vindeiro sábado día 26 de Setembro de 2009 a partir das 20.00 horas na S.C.R.D. Agarimo de Sillobre (Fene), a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” celebrará a XXI Xuntanza de Gaiteiros. Nestas xuntanzas, ademais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, aprovéitase a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música.

Nesta XXI Xuntanza os homenaxeados nada teñen que ver coa nosa música tradicional pero si moito con este País e a súa cultura. Este ano réndeselle homenaxe a María Manuela e a Xoán Rubia.

María Manuela e Xoán Rubia son os cantautores de Ferrolterra. Dúas persoas que aínda que non preservaron, potenciaron ou recuperaron a nosa música tradicional si que preservaron, potenciaron e usaron algo que básico para este País: o noso idioma. Xoán Rubia e María Manuela decidiron asumir, nuns tempos difíciles e escuros, nos que todo o que tiña que ver co galego e a nosa cultura estaba mal visto ou mesmo prohibido, a defensa do dereito a vivir en galego.

Este ano, para os actos de homenaxe cóntase coa participación de “Mini e Mero”, “Raparigos”, “María Manuela”, “Xoán Rubia” e a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene”. A Xuntanza será presentada por Xiana Lastra.