Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / COMUNICADO EMITIDO POLO XURADO DO CONCURSO DE GAITA CONSTANTINO BELLÓN

COMUNICADO EMITIDO POLO XURADO DO CONCURSO DE GAITA CONSTANTINO BELLÓN

Varios

Ante a necesidade de proceder á suspensión temporal da 19ª edición do concurso .... debido á imposibilidade de confirmar en tempo as axudas económicas que a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol prestaron ininterrompidamente ao Ateneo Ferrolán, os membros do xurado que abaixo asinan desexan manifestar:

As bases da convocatoria o contemplan composto conxuntamente polo “Concurso de Gaita Galega Constantino Bellón”, no que poden participar un máximo de 14 finalistas, dos que catro poderán proceder da Galicia do exterior baixo a denominación “Premio Gaiteiro de Soutelo”. Así mesmo convocouse o “Concurso de composición para gaita galega solista” e a “Mención de gaita galega”. Ao non achegarse as axudas habituais para a totalidade dos apartados do concurso, compártese a decisión do Ateneo Ferrolán de aprazar o concurso para evitar o incumprimento das bases.

Confíase en contar no futuro cos apoios sen fisuras demostrados polas administracións autonómicas e local durante os dezaoito anos que permitiron que o “Constantino Bellón” acadara o recoñecemento da comunidade musical galega e sentara novidosas oportunidades de creación cultural no eido musical, que non deberían esmorecer por cuestións administrativas.

Finalmente, lamentar fondamente os prexuízos que para os concursantes, público e a cultura musical galega vai traer o aprazamento desta edición do Constantino Bellón, especialmente a intérpretes e compositores que dedican cada ano intensos meses do seu labor para o seu recoñecemento.

Sabendo que non hai unha reparación suficiente para todos e todas os concursantes que esperaban estar o día de San Ramón en Ferrol, é desexo deste xurado poñer todos os medios para paliar no posible os prexuízos causados por esta situación.


Ferrol, a 24 de agosto de 2009

Asinan:

D. Víctor Fernández Gabeiras
D. Xesús Vaamonde Manteiga
D. Xavier Rodríguez Fariñas
D. Pablo López Torneiro
D. Xoán Rodríguez Silvar