Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / FINOU XOSÉ CARDELLE

FINOU XOSÉ CARDELLE

Varios

No día de hoxe temos que lamentar a perda dun dos nosos máis ilustres gaiteiros e mestre de gaiteiros. O pasado día 12 de xullo finou Xosé Cardelle Portos, aos 84 anos de idade.

Vaia dende aquí a nosa homenaxe mediante as verbas que xentilmente nos fixo chegar o seu amigo Raúl Galego.

Pola vila entraba con aquel de señorío... E volvía á casa da tocata dacabalo da súa besta facendo sonar a gaita e tódolos veciños celebran “Aí ven o Cardelle da volta da festa!”
Aí vai o Cardelle ca súa gaita tocar polos aires, agarimar aos ceos. Hoxe enterramos o seu corpo e tocarémoslle na súa honra, pero el estará facendo soar a súa gaita vigorosa e de finura de repenicos.
Dedos de ouro, rexos e poderosos mais, que áxiles e lixeiros no punteiro!. O seu tocar senlleiro ficará na memoria dos privilexiados, xa que pouco andou arroupado no mimo dos medios de divulgación.
Percorreu medio mundo coa súa gaita emporiso foi o grande mestre gran descoñecido non beicido polos medios.

Xosé Cardelle Portos, naceu no 1924 en Boimorto. Facendo o servizo militar na Estrada (Pontevedra) foi destinado como gaiteiro para a banda militar de Pontevedra onde coincidiu e coñeceu a Xosé Seivane.
Un día, camiñando polas rúas da Coruña escoitou tocar gaitas nun edificio da rúa dos Olmos e aló entrou. Eran os primeiros tempos do Ballet “Rey de Viana” e dende esas quedou vinculado á Coruña, onde logo coñecería á pléiade de gaiteiros da cidade. Destes, hai máis de 40 anos, chegou a facer un singular cuarteto con Leonardo Corral Vázquez e os fillos de ambos, nenos de apenas 9 e 11 anos, Lois Corral e Luís Cardelle na percusión.
Con Leonardo Corral, que viña de Portomarín, LUGO, Xan Macías de Viana, OURENSE e Edmundo Vilariño de Muimenta, Lalín, PONTEVEDRA e logo Cardelle, de Boimorto, A CORUÑA formaron o grupo “os Catro de Galicia” que máis tarde derivou con algúns cambios no mítico “Os Cinco de Galicia” sempre dirixidos por Leonardo Corral.
Cardelle pola súa parte conforma un grupo co seu nome “Os Cardelle” polo que pasaron ao longo do tempo diversos gaiteiros de sona da zona da Coruña, entre eles, amais do seu fillo Luís, excelente gaiteiro, Ricardo Santos o seu egrexio alumno.
Na derradeira formación do grupo acompañaron a Cardelle, Xosé Noia co bombo, Xosé Torres co tamboril e Raúl Galego coa gaita. Raúl Galego