PARTICIPANTES NO X MEMORIAL RICARDO PORTELA
Venres, 10 Xullo 2009 09:52
O Concello de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos, organiza o Memorial Ricardo Portela, que este ano camiña pola súa décima edición. Durante os días 11 e 12 de Xullo, celebraranse, na praza de Ourense e na praza da Peregrina, as diferentes actividades.Novamente, levarase a cabo a Mostra de Artesáns de Música Tradicional, que permanecerá aberta na praza de Ourense durante os dous días que dura o Memorial, nun horario de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.
O sábado 11 de xullo terá lugar o concurso do Memorial, cunha fase eliminatoria pola mañá e unha final a partires das 20:00 horas na praza da Peregrina, coa actuación durante a deliberación do xurado do grupo Verdegaio. Neste concurso participarán as seguintes agrupacións de música tradicional galega:
- A Requinta de Xián (Boqueixón)
- Os Folerpas (Santiago de Compostela)
- O Facho de Maeda (A Coruña)
- Ludovaina (Cangas do Morrazo)
- Contracocheno (Vigo)
- Os Enxebres de Cacheiras (A Coruña)
- Miañadura (Madrid)
- Picuíña (Seixo-Marín)
Os importes dos premios en metálico para a presente edición serán: 1º-1500 euros; 2º- 900 euros; 3º- 600 euros. Ademais hai dous premios especiais: O “Ricardo Portela” de 600 euros para a mellor interpretación dunha peza do repertorio de Don Ricardo e un premio “Seivane-Goretex”, consistente nunha gaita creada especialmente para o X Memorial.
O Domingo 12, a partir das 20h, celebrarase o Festival de Música Tradicional que pecha o memorial coa actuación de Os Carunchos e Quempallou.