Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / X MEMORIAL RICARDO PORTELA

X MEMORIAL RICARDO PORTELA

AGG

O Concello de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos, organiza o Memorial Ricardo Portela, que este ano camiña pola súa décima edición. Durante os días 11 e 12 de Xullo, celebraranse, na praza de Ourense e na praza da Peregrina, as diferentes actividades.

Novamente, levarase a cabo a Mostra de Artesáns de Música Tradicional, que permanecerá aberta na praza de Ourense durante os dous días que dura o Memorial, nun horario de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

O sábado 11 de xullo terá lugar o concurso do Memorial, cunha fase eliminatoria pola mañá e unha final a partires das 20:00 horas na praza da Peregrina, coa actuación durante a deliberación do xurado do grupo Verdegaio. No concurso poderán participar agrupacións de música tradicional galega no formato de cuarteto, quinteto ou sexteto segundo as bases que podes consultar no enlace ao final desta nova. As inscricións haberán de formalizarse no rexistro do concello de Pontevedra en persoa, por carta ou FAX (986 862 590). É convinte confirmar a inscrición chamando ao rexistro no Tfno. 986 804 300.

Os importes dos premios en metálico para a presente edición serán: 1º-1500 euros; 2º- 900 euros; 3º- 600 euros. Ademais hai dous premios especiais: O “Ricardo Portela” de 600 euros para a mellor interpretación dunha peza do repertorio de Don Ricardo e un premio “Seivane-Goretex”, consistente nunha gaita creada especialmente para o X Memorial.

O Domingo 12, a partir das 20h, celebrarase o Festival de Música Tradicional que pecha o memorial coa actuación de Os Carunchos e Quempallou.

PROGRAMA:

MOSTRA DE ARTESÁNS DE INSTRUMENTOS TRADICIONAIS
SÁBADO 11 E DOMINGO 12
De 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 h.
Praza de Ourense

SÁBADO 11 DE XULLO
12:00 | Saída Praza de Curros Enríquez - Pasarrúas dos grupos inscritos no concurso.
20:00 | Praza da Peregrina - Actuación dos grupos finalistas, resolución dos premios e actuación especial de Verdegaio

DOMINGO 12 DE XULLO
20:00 | Praza da Peregrina - Festival de Música Tradicional:
• Os Carunchos
• Quempallou

Cartel e Bases do Concurso