Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / NON SEN O NOSO NOME

NON SEN O NOSO NOME

Varios

A Asociación Os Chichisos vén de emitir un comunicado, para o que prega a máxima difusión, chamando a todos os grupos de gaiteiros e formacións tradicionais do país a reivindicar os seus dereitos e negarse a tocar naqueles eventos nos que o seu nome non aparece na publicidade do evento.

Como cada ano cando chega o verán, a nosa terra énchese de festas e romarías, e con elas o son das gaitas volve soar por camiños, corredoiras, adros, prazas e rueiros. Non hai acto festivo que se digne de selo que non conte co seu respectivo grupo de gaiteiros. E como cada ano, volveremos presenciar exemplos de tratos indignos, de menosprezos e de fallas de respecto cara a aqueles que son depositarios e transmisores da nosa música máis tradicional e auténtica, contra aqueles valedores da música da alma do pobo galego. Por iso, como cada ano, cómpre lembra-lo chamamento pola dignidade dos gaiteiros que o grupo de música tradicional Os Chichisos fixo no seu día.

Os Chichisos FACEMOS UN CHAMAMENTO ÓS GAITEIROS GALEGOS, POLA DIGNIDADE DOS GAITEIROS E DOS MÚSICOS TRADICIONAIS:

Este é un chamamento a tódolos gaiteiros do país, ós bardos da Tribo Aturuxo, á confradía do bombo, do tamboril e da gaita, á voz do pobo e da nosa alma.
Un chamamento para que calen tódalas gaitas da Nazón de Breogán namentres os gaiteiros da nosa terra non reciban o trato digno que merecen.
Un berro ós nosos irmáns do fol para que se neguen a tocar en toda festa, romaría ou foliada onde non apareza dignamente recollido no cartel da festa o seu nobre nome de gaiteiros.
Rematemos co anonimato no país das gaitas. Xa o dicía o mestre don Ricardo Portela, igual que figuran o nome das orquestras ou dos patrocinadores ten que aparecer o dos gaiteiros; e se non, non tocamos.
Estamos fartos de escoitar nos medios, de ler nos xornais ou de ver nos carteis de festas frases de menosprezo como “actuará un grupo de gaitas”, “haberá animación musical”, “tocarán uns gaiteiros” ou “haberá música de gaitas”. Non admitamos este degradante xeito de referirse á respectable actuación dun grupo de músicos tradicionais cun nome propio e un traballo, esforzo e ilusión detrás dese nome.
Como di o noso himno; os tempos son chegados e agora que chega o verán, e o país estoupa en milleiros de festas é o momento de que digamos NON.
NON sen o respecto que merece todo músico tradicional.
NON sen o trato digno que se lle debe á nosa música.
NON mentres o traballo do gaiteiro non sexa recoñecido como merece selo a figura máis representativa da nosa cultura e da nosa Terra.
NON tocaremos se non figuramos no cartel. Irmáns da gaita, compañeiros da foula e a brincadeira, fillos da noite no muíño, pola dignidade da nosa música berremos sen medo:

¡ NON SEN O NOSO NOME !

Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo / tlno 687412072