Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN DE LUGO PROMOVE AS XORNADAS DA TRADESCOLA

A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN DE LUGO PROMOVE AS XORNADAS DA TRADESCOLA

AGG

O delegado da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, presentou este xoves, 7 de Maio, as Xornadas de Música e Baile Tradicional que terán lugar o próximo día 10 de maio no IES Dionisio Gamallo Fierro en Ribadeo. Á presentación do evento, organizado pola Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiro Galegos, tamén acudiron a coordinadora da citada escola, Mónica Fernández, e a concelleira de Cultura de Ribadeo, Mari Luz Álvarez Lastra.

Estas primeiras xornadas de baile tradicional, canto e pandeireta toman forma a través duns obradoiros de iniciación e perfeccionamento que impartirán Montse Rivera (baile) e Uxía Cibreiro (canto e pandeireta). Unhas actividades “de gran interese cultural” nas que se traballa co folclore e se “aposta pola formación musical tradicional de Galiza”, asegurou Antonio Veiga. Nesta liña, o delegado da Área de Cultura de Deputación salientou o “apoio” prestado pola área que el dirixe a este tipo de iniciativas que tentan manter e consolidar “a nosa lingua e a nosa cultura”. Así, o nacionalista lembrou que a Área de Cultura da Deputación de Lugo estableceu nos últimos tempos convenios cos conservatorios de música de Vilalba, Viveiro e Monforte, colaborou activamente no fomento da música clásica a través da organización dunhas xornadas didácticas nos concellos de Xove, Burela e Mondoñedo e asinou, xunto coa Caixa Galicia, un convenio para impulsar o traballo realizado polas bandas tradicionais, de gaitas e de corais, conseguindo que actúen nas festas patronais das vilas lucenses.

Na súa intervención, a coordinadora da Tradescola, Mónica Fernández, lembrou que a escola de música tradicional conta cunha proposta educativa que lle permite ao seu alumnado, actualmente uns 150 alumnos, adquirir unha formación integral nos eidos da música e do baile tradicional. Deste xeito, nas súas aulas impártense cursos de gaita, zanfona, acordeón, baile tradicional, canto, pandeireta, requinta, linguaxe musical, etnografía e investigación.