Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Deput. Pontevedra / Artigo de D. Isaac Díaz Pardo

Artigo de D. Isaac Díaz Pardo

Deput. Pontevedra



Con data 25 de xullo de 2005 apareceu publicado un artigo de D. Isaac Díaz Pardo en distintos meios de comunicación co seu parecer sobre certa bandas de gaitas.


Mais información
Con data 25 de xullo de 2005 apareceu publicado o seguinte artigo de D. Isaac Díaz Pardo en distintos meios de comunicación (p.ex. http://www.lavozdegalicia.es/inicio/noticia.jsp?TEXTO=3925972)

O Museo do Pobo Galego e as gaitas
25/07/2005

ISAAC DÍAZ PARDO
(Curros Enríquez, O divino sainete ).

Como é conocido, pois os medios diron conta, o Patronato do Museo do Pobo Galego fixo unha nota dirixida ás autoridades e á opinión pública na que mostrou o seu desacordo coa arbitrariedade que habían tomado algúns grupos de gaitas que pretenden representar o acervo da cultura galega. E para máis inri , estas arbitrariedades reciben cartos públicos, e as veces nos representan en eventos internacionais. Non hai moito, nun destes eventos, no que estaban representantes de todo o mundo, anunciaron un desfile dun grupo de gaitas galego, e vimos que se trataba de xente vestida de pes a cabeza con traxes longos azul escuro ou negro, tocados cun gorriño, tocando gaitas extranas as que conociamos de nenos, facendo malabarismos cuns bolillos e tocando nas gaitas a Novena Sinfonía de Beethoven. Os galegos que estaban conmigo dicían: «¿Esto que carallo é?». E uns ingleses que nos acompañaban dicían que debía ser un grupo alemán, polo da Novena Sinfonía.

Algúns chámanlle a esto grupos folclóricos, e deféndense dicindo que o que se conoce por tradicional dos gaiteiros non ten que ver coa realidade da tradición, e que non hai por que aceptar que é o auténtico popular. Certamente o auténtico popular non se sabe con precisión o que é, mais lévanse dous séculos tentando definilo. Dende principios do século XIX os románticos empezaron a preocuparse pola cultura popular tentando ver nela unhas características ben diferenciadas do que chamamos cultura culta, valga a redundancia. Sobre mediados do séxulo XIX empezaron a aparecer museos polo norte de Europa que recollían elementos da cultura popular, que empezaba a verse que tiña unhas características que a distinguían da cultura culta: a) Satisfacía necesidades materiais e inmateriais sen pretensión de ser arte; b) carácter anónimo ou colectivo; c) responde a razóns étnicas; d) nutríase de ideas de culturas desaparecidas que chegan por vía subconscente.

Debátese o nome desta cultura: Folkliv, Folklivfors-king, Volkskunder-volkieder, Folkore , este último aportado a mediados do século XIX polo inglés W. J. Thomas. O folclore (ciencia do pobo) é introducido na España no 1885 polo pai de Antonio Machado, o compostelán Machado y Álvarez, e o seu espíritu chega a Galiza nas primeiras coleccións etnográficas (Museo de Mondariz, museo do Seminario...).

Hoxe o problema ten outras consideracións: a cultura popular carecía de medios nemotécnicos. A cultura culta conta con eses medios (libros, arquivos, museos, sistemas de información, etc.). O término folclore ficou desacreditado; o comercializaron os comerciantes e acabaron con él. Hoxe só define algo disfrazado que só se atopa nas tendas de souvenires . Certo que de gaitas só sei templalas, que xunto con lixo e deslealtades é o que máis nos fai traballar.

En Sargadelos fíxose un grupo de baile e Seoane obrigou a modernizalo ao día. Só a música e un mínimo de conceptos o caracterizaba como galego. No museo Carlos Maside fican os figuríns que deseñou para o grupo.