Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / RUADA EN SANTAIA DE GORGULLOS

RUADA EN SANTAIA DE GORGULLOS

Varios

A Asociación Cultural Brisas do Quenllo, coa colaboración do Bar Becerra, organiza este venres día 26 de decembro unha ruada en Santaia de Gorgullos (concello de Tordoia).

Nesta ruada daráselle unha merecida homenaxe a "Flor da Maquía", o señor Florentino, un gaiteiro de 80 anos,moi ben levados, que dende moi novo percorreu as terras da comarca de Ordes coa súa gaita en varios cuartetos ilustres do lugar. Hoxe conserva un repertorio amplísimo e unha dixitación propia da zona, do que nos dará conta. A parte de ser unha persoa entrañable mantén un amor pola gaita impresionante, cabe destacar que por problemas de saude, non pode soprar, polo que se inxeniou mediante un barquín de pé para poder seguir tocando sen forzar os pulmóns.

Acompañarán tamén nesta ruada os Panxoleiros de Santaia (Tordoia), o grupo Maghúa (Coruña), Pandereteiras Bouba (Tordoia), os vellos pandereteiros e bailadores da comarca... Prégase a todo músico interesado que traia instrumento, pois haberá un oco para todos e cada un dos que queiran botar unha peza.

Celebrarase no Bar Becerra, en Santaia (Concello de Tordoia), comezará ás 22:00 horas, e rematará cando o corpo non poida máis. Quedades todos convidados.