Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Deput. Pontevedra / O Museo do Pobo Galego reclama apoio para a música tradicional

O Museo do Pobo Galego reclama apoio para a música tradicional

Deput. Pontevedra




Recentemente o Museo do Pobo Galego ven de reclamar apoio para a música tradiciona nun escrito onde se comenta a prática desde algunhas administracións dunha política encamiñada a impulsar e difundir as chamadas bandas de gaitas, que están a introducir instrumentos, modos e ritmos importados, que pouco se compadecen co que é específico de Galicia.


Mais información
Boletín de prensa do Museo do Pobo Galego.

O Padroado do Museo do Pobo Galego observa con preocupación a tendencia a promover con recursos públicos a introdución de formas de expresión musical que considera alleantes e prexudiciais para o patrimonio sonoro tradicional.
Nos últimos anos vénse practicando desde algunhas administracións unha política encamiñada a impulsar e difundir as chamadas bandas de gaitas, que están a introducir instrumentos, modos e ritmos importados, que pouco se compadecen co que é específico de Galicia.

Evidentemente, nada hai que opoñer á creación e á innovación neste ámbito, cando estas son o froito da investigación e da evolución dunha tradición enxebre e arraigada no pobo. Mais non se pode ficar indiferente cando aqueles elementos importados, amparados por organismos públicos e apoiados nunhas prácticas formativas alleantes, van desprazando inexorablemente o que é xenuíno e representativo da nosa tradición.

A convención para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, adoptada pola UNESCO, recoñece "a importancia que reviste o patrimonio cultural inmaterial, crisol da diversidade cultural", e propugna a súa salvagarda mediante "a identificación, documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión (basicamente a través da ensinanza formal e non formal) e revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos".

As tradicións musicais son un dos compoñentes principais dese patrimonio intanxible, que forma parte do herdo universal da humanidade. A música tradicional e os seus instrumentos son portadores de fondos valores culturais e espirituais de civilización, e transmisores de coñecemento.

Con estas consideracións, e en cumprimento dos obxectivos definidos nos seus Estatutos, o Padroado do Museo do Pobo Galego dirixiuse aos organismos comprometidos coa preservación do patrimonio tanxible e intanxible instando o rexeitamento das prácticas deturpadoras da herdanza cultural do noso pobo e o apoio efectivo ás entidades que se dedican á investigación, estudo e difusión deste acervo patrimonial, consonte o establecido no art. 65 da lei 8/1995 de Patrimonio cultural de Galicia.

Museo do Pobo Galego
San Domingos de Bonaval · 15703 Santiago de Compostela
T 981 583620 - F 981 554840 - correo e.: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo