SUSANA SEIVANE RECIBE O PREMIO XARMENTA
Xoves, 18 Decembro 2008 13:52
Un ano máis, a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta, que promociona o uso do galego na comarca leonesa do Bierzo, presentou, o día 14 de Decembro, aos gañadores do premio que leva o nome da asociación.
Nesta ocasión, o galardón na categoría de Personalidade recaeu na gaiteira Susana Seivane, por ser, segundo palabras da organización, unha gran difusora do idioma galego. O xurado destacou a súa querenza pola lingua, que leva polos escenarios de medio mundo na súa traxectoria artística.
‘Vivo en galego, falo en galego e exprésome en galego’, asegurou Seivane, unha moza que, aínda nacendo en Barcelona, conserva as tradicións dos seus antepasados, entre as que se atopa a construción de gaitas; clara influencia para a artista, que toca este instrumento dende os catro anos.