Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / V MOSTRA DE CUARTETOS DE MARÍN

V MOSTRA DE CUARTETOS DE MARÍN

AGG

Continúan as actividades dentro da programación da V Mostra de Cuartetos de Marín, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos co patrocinio da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e a Concellaría de Cultura e Xuventude do Concello de Marín.

Diversos centros escolares do concello de Marín visitaron estes días o Museo Municipal Manuel Torres para ver a exposición da V Mostra de Cuartetos que organiza a Asociación de Gaiteiros Galegos. Os alumnos e alumnas puideron ollar fotografías, instrumentos e diversos materiais do cuarteto Os Peruchos de Castrelos, ao que se lle dedica este ano a Mostra. Ademais, unha persoa da organización, explicoulle aos rapaces e rapazas a historia deste grupo con diverso material didáctico e obradoiros de música, co que tamén se afonda no coñecemento e respecto pola nosa tradición.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o día 29 de novembro, data na que se celebran os actos de peche da mostra. A partir das 16:30, ofrecerase unha charla de Cástor Castro sobre o Catálogo de músicos da Limia, ao que seguirá unha conferencia de Beatriz Riobó e Nacho Mirás, gaiteiros da xeración actual dos Peruchos, facendo un percorrido pola historia do cuarteto homenaxeado dende os seus comezos, que nos axudará a afondar no seu coñecemento. Pecharase a mostra coa interpretación de parte do repertorio dos Peruchos.

Ao remate dos actos, está programada unha cea á que poderá asistir todo aquel que o desexe facendo a correspondente reserva antes do mércores 26 de Novembro no teléfono da Asociación de Gaiteiros Galegos: 986 847 074. O custo por persoa é de 20 euros.