Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / III Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega

III Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega

AGG

Máis de 280 persoas se darán cita no III Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega.

Esta cita anual organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, lévase a cabo durante a fin de semana do 31 de outubro ao 2 de Novembro.

Xa está en marcha unha nova edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega, que por terceiro ano consecutivo reunirá na cidade de Santiago de Compostela a numerosas personalidades do mundo do ensino durante a fin de semana do 31 de outubro ao 2 de Novembro. Cun aforo completo, con 280 congresistas inscritos, o Auditorio de Galicia volve a quedarse pequeno para unha actividade que rexistra unha importante demanda, principalmente por parte de mestres de ensino obrigatorio.

Tentando cumprir un dos seus principais fins, a normalización da cultura musical de Galicia, a Asociación de Gaiteiros Galegos reúne neste congreso aos principais actores do ensino da música e baile tradicional nun marco que permita a discusión das futuras liñas a seguir, para que o noso patrimonio musical sexa posto en valor e transmitido dun xeito moderno e eficaz ás novas xeracións. Diversos relatorios tratarán dende as aplicacións da música popular galega nos sistemas de ensino ata a afinación e entoación na música tradicional. Os obradoiros, tralo éxito acadado na pasada edición, volverán a ser un punto importante, no que se tratarán temáticas como a expresión corporal, o baile tradicional, a construción de enredos musicais ou a regueifa. Tamén haberá mesas de debate sobre o estado do ensino da música tradicional nos conservatorios ou no ensino obrigatorio, comunicacións, un concerto didáctico a cargo dos Gaiteiros da Xistra e presentacións de novas publicacións sobre música tradicional e ensino.

Este relevante congreso está organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, así como pola Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela. Na súa organización colaboran a AS-PG e a CIG-Ensino, xunto coas Universidades de A Coruña e Vigo.