Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / III Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega

III Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega

AGG

Por terceiro ano consecutivo, a Asociación de Gaiteiros Galegos organiza o Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega, que terá lugar no Auditorio de Galicia en Santiago do 31 de outubro ao 2 de novembro.

Tras dúas edicións, observamos como esta cita anual se esta a converter nun referente, xa non so para a xente que traballa no entorno da música tradicional, senón para moitos mestres e mestras de ensino obrigatorio que achan aquí unha fonte de ideas e coñecementos para o seu quefacer diario. A través desta actividade, queremos amosar a riqueza da nosa cultura tradicional e incidir na importancia que ten a transmisión destes coñecementos ás novas xeracións, para que saiban conservalos e respectalos. Polo tanto, antóllase imprescindible a presenza de todos os ámbitos educativos de música tradicional existentes na actualidade en Galicia: escolas de música, conservatorios, asociacións culturais e centros de ensino obrigatorio.
A inclusión de actividades prácticas na pasada edición, como foron os obradoiros, que se desenvolveron con grande éxito, ábrenos un novo camiño polo cal guiar o III congreso. Tanto os talleres como os concertos didácticos son o complemento preciso para os relatorios e mesas de debate. Son a expresión necesaria para comprender as posibilidades das nosas tradicións, a súa riqueza, e a sinxeleza coa que se poden levar a cabo facilitando a aprendizaxe dun xeito ameno e activo.

Pretendemos, por tanto, continuar cunha actividade fundamental para levar a cabo os fins da Asociación de Gaiteiros Galegos que non son outros que a dignificación e difusión das nosas tradicións. A educación é o punto de referencia, a base de toda acción que pretenda isto, xa que nos máis novos está o futuro e haberemos de saber como achegarlles tan importante legado para que o recoñezan como seu.

Información sobre a Inscrición

Boletín de Inscrición para ensinantes
Para dúbidas chamar ao teléfono 981576800 (CIG Ensino)

Boletín de Inscrición resto

Programa INSCRICIÓN
Deberase enviar o impreso de inscrición cumprimentado á Secretaría Técnica do Congreso, así como o xustificante do pago bancario por calquera dos seguintes medios:
- Por correo ordinario ao enderezo: Rúa de Alfonso XIII, 7, oficina 8. 36002 Pontevedra, especificando no sobre “II Congreso de Ensinantes de Música Tradicional”.
- Por correo electrónico a: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
O prazo de inscrición rematará o día 24 de Outubro ou cando se complete o aforo. En tal caso, aplicarase o criterio de orde temporal de recepción de solicitudes de inscrición.

PREZO DA MATRÍCULA
Estudantes e/ou asociados da AGG, AS-PG ou afiliados á CIG: 10 Euros
Outros: 25 euros.
Para poder beneficiarse dos descontos é necesario acompañar á documentación requirida, un xustificante que acredite dita condición.

FORMA DE PAGO
Ingreso ou transferencia bancaria a nome da Asociación de Gaiteiros Galegos no número de conta: 0182 0465 10 0200016989 indicando “Taxa inscrición”, nome e apelidos do inscrito.

HOMOLOGACIÓN
Está en trámite o recoñecemento de créditos de libre elección nas universidades de Vigo e A Coruña para os asistentes ao Congreso que así o soliciten. Para elo, requirirase control de asistencia e a certificación correspondente.
Tamén está solicitada a homologación deste congreso á Consellería de Educación por 19 horas lectivas.

ALMANAQUE
1 de Outubro – 17 de outubro de 2008. Prazo de presentación de resumos das comunicacións.
1 de Outubro – 24 de outubro de 2008. Prazo de inscrición.
31 de Outubro, 1 e 2 de novembro de 2008. Celebración do Congreso.

SEDE
AUDITORIO DE GALICIA. Santiago de Compostela.
Avda.. Burgo das Nacións s/n.
15705 Santiago de Compostela.