Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Concursos e Certames / VI MEMORIAL RICARDO PORTELA: NOTA DE PRENSA DO CONCELLO

VI MEMORIAL RICARDO PORTELA: NOTA DE PRENSA DO CONCELLO

Concursos e Certames

Pontevedra, 30 de xuño de 2005
COMUNICADO DE PRENSA


O CONCELLO DE PONTEVEDRA CONVOCA A VI EDICIÓN DO
MEMORIAL RICARDO PORTELA


Mais información
Pontevedra, 30 de xuño de 2005
COMUNICADO DE PRENSA


O CONCELLO DE PONTEVEDRA CONVOCA A VI EDICIÓN DO
MEMORIAL RICARDO PORTELA

O prazo de inscrición para o concurso rematará o día 8 de xullo e os tres primeiros gañadores recibirán un premio de 1.500, 900 e 600 euros, respectivamente.

O Concello de Pontevedra abre, a partir de hoxe, a convocatoria para participar na VI edición do Memorial Ricardo Portela 2005, que terá lugar o vindeiro sábado día 16 de xullo. Nel poderán participar agrupacións musicais tradicionais galegas no formato de cuarteto, quinteto ou sexteto, compostos polo menos por dúas gaitas, un tamboril e un bombo.
Os quintetos poderán utilizar ben unha terceira gaita, ben calquera instrumento de percusión tradicional galego como o pandeiro, a pandeireta, os ferriños e as cunchas. Os quintetos poderán incorporar outros instrumentos empregados por agrupacións deste estilo no pasado, como a requinta, o requinto, o clarinete, etc. Respecto aos sextetos unicamente poderán participar se se compoñen de dúas gaitas, dúas requintas, un tambor e un bombo.
A inscrición deberá formalizarse no rexistro do Concello de Pontevedra e rematará o día 8 de xullo; só poderán competir 25 grupos, e no caso de que os inscritos superen este número, terase en conta a orde de entrada no rexistro municipal, considerándose participantes soamente os 25 primeiros grupos rexistrados.
Na inscrición deberá constar o nome da formación, o número de componentes e o nome, enderezo e teléfono da persoa de contacto, así coma un pequeño currículo da agrupación.


A VI edición do Ricardo Portela 2005

O Memorial Ricardo Portela consiste nun concurso de gaita que quere render unha merecida homenaxe ao gaiteiro de Viascón, mestre recuperador da forma de interpretar a gaita en toque pechado. O principal obxectivo do certame é promover a música tradicional galega, así como impulsar a formación de novos cuartetos e quintetos.
Como ocurriu nas pasadas edicións, o certame se desenvolverá en dúas fases: unha pola mañá, consistente en pasarrúas, ocasión na que o xurado poderá elixir as oito formacións
finalistas, e unha final polo serán, na que o mesmo xurado escollerá os tres primeiros premiados, que recibirán premios en metálico de 1.500, 900 e 600 euros.
Asemade haberá o premio especial “Ricardo Portela”, dotado de 600 euros para a mellor interpretación dunha peza do repertorio do gaiteiro, e o premio especial “Seivane-Goretex”, consistente nunha gaita creada especialmente para esta sexta edición do Memorial e que recaerá na mellor interpretación dunha peza en toque pechado.
Cómpre dicir que estes dous premios son compatíbeis con calquera dos outros premios en metálico.


Actividades complementarias durante o certame

Ademais do concurso desenvolvido o día 16, o domingo 17 de xullo haberá unha feira mostra de artesáns de instrumentos tradicionais no transcurso da cal haberá obradoiros, charlas sobre o mundo da gaita e en especial sobre a obra de Ricardo Portela. Un festival de música tradicional porá o broche de ouro á VI edición do Memorial Ricardo Portela 2005.




















Bases para o concurso VI Memorial Ricardo Portela 2005

1. O concurso celebrarase en Pontevedra o sábado 16 de xullo, en dúas fases: unha eliminatoria pola mañá e unha final polo serán.
2. Poderán participar nel agrupacións musicais tradicionais galegas no formato de cuarteto, quinteto ou sexteto. Os cuartetos e quintetos comporanse, cando menos, dos seguintes instrumentos: dúas gaitas, un tamboril e un bombo. No caso de ser quinteto, o quinto instrumentista poderá, ben utilizar unha terceira gaita, ben formar parte da percusión con calquera instrumento deste tipo dos considerados tradicionais galegos: pandeiro, pandeireta, ferriños, cunchas, etc, ou ben utilizar instrumentos que teñan sido empregados por agrupacións deste estilo no pasado: requinta, requinto, clarinete, etc. Os sextetos admitiranse unicamente con esta configuración: dúas gaitas, dúas requintas, tambor e bombo.
3. Todos os instrumentos han ser de formato e feitura tradicional quedando expresamente excluídas as percusións de alta tensión e as gaitas denominadas marciais.
4. Os membros dos grupos vestirán obrigatoriamente o traxe tradicional galego.
5. Estabelecerase unha única categoría con tres premios en metálico e a posibilidade de contratación dos finalistas polo Concello de Pontevedra para as dianas, alboradas e outras actuacións das festas da Peregrina dese mesmo ano. Os grupos premiados terán preferencia para a contratación, estando obrigados, salvo causa de forza maior, a acudir cos mesmos membros que concursaron.
6. Os importes dos premios en metálico para a presente edición serán:
1º- 1500 euros; 2º- 900 euros; 3º- 600 euros
7. Estabelecerase un premio especial “Ricardo Portela” de 600 euros para a mellor interpretación dunha peza do repertorio de don Ricardo, entendendo como tal aquel que estea gravado en cinta ou disco polo mestre pontevedrés. Este premio é compatíbel con calquera dos outros en metálico e tamén poderá recaer sobre calquera dos finalistas non premiados.
8. Estabelecerase un premio especial “Seivane-Goretex”, consistente nunha gaita creada especialmente para o VI Memorial, á mellor interpretación dunha peza en toque pechado. Este premio é compatíbel con calquera dos outros en metálico e tamén poderá recaer sobre calquera dos finalistas non premiados.
9. Calquera dos premios pode quedar deserto se o xurado así o estima.
10. O xurado será nomeado polo Concello de Pontevedra tendo en conta que polo menos a metade dos seus membros estean vencellados co mundo da gaita. A tarefa deste xurado será a de cualificar os grupos na fase eliminatoria, clasificando un máximo de oito para a fase final. Nesta fase terán que escoller os que, ao seu xuízo, sexan os merecedores dos premios que se ofrecen; así como cualificar, por orde da súa preferencia, os restantes. Esta última clasificación non se fará pública aínda que estará ao dispor de quen a solicite. Tamén poderá o xurado descualificar calquera grupo que incumpra algunha das bases deste concurso. O veredito e outras decisións do xurado serán inapelábeis.
11. A fase eliminatoria celebrarase sobre un percorrido polas rúas e prazas da cidade polo que os grupos deberán tocar, a xeito de dianas e alboradas, distintas pezas galegas ben tradicionais ou de autor. Para os efectos de non solapárense, darase a saída a un grupo cada 5 ou 10 minutos. Os membros do xurado, que estarán situados en distintos puntos do percorrido polos que os grupos pasarán tocando, cualificarán deste xeito os grupos na súa actuación natural. O fallo do xurado darase a coñecer durante unha comida de irmandade de todos os grupos que será sufragada polo Concello de Pontevedra, sorteándose a continuación a orde de saída dos finalistas.
12. A fase final celebrarase polo serán nun escenario montado nunha das prazas do centro histórico. Os grupos clasificados deberán interpretar dúas pezas galegas (tradicionais ou de autor) por un espacio de tempo máximo de 8 minutos. O xurado valorará a calidade interpretativa, a afinación, a dificultade e idoneidade das pezas elixidas así como a presenza e enxebreza de cada un dos grupos finalistas.
13. A inscrición deberá de formalizarse no rexistro do Concello de Pontevedra, ben en persoa, ben por correo; facendo constar o nome do grupo, número de compoñentes e o nome, enderezo e teléfono da persoa de contacto; así como un pequeno currículo do grupo. A orde de actuación na fase eliminatoria será inversa á de inscrición (o primeiro inscrito será o último en saír).
14. O prazo para a inscrición remata o día 8 de xullo.
15. No caso de superaren o número de inscricións os 25 grupos, terase en conta a orde de entrada no rexistro municipal; e só se considerarán inscritos no concurso os 25 primeiros.
16. A mera inscrición supón a total aceptación das bases.
17. O xurado terá a potestade para dirimir ao seu bo criterio calquera cuestión non recollida nas presentes bases, así como a interpretación das mesmas en caso de dúbida.