Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / II ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA

II ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA

AGG

Por segundo ano consecutivo, a Asociación de Gaiteiros Galegos celebrou o Encontro de Tocadores de Trompa. Foi o pasado Sábado 31 de Maio na localidade da Fonsagrada, durante unha intensa xornada na que os amantes da música tradicional, e máis concretamente da Trompa, puideron reunirse entorno a este pequeno gran instrumento.

Dende primeira hora foi numeroso o público se achegou para participar nas diversas actividades programadas. En primeiro lugar levouse a cabo unha interesante charla sobre a trompa en Galiza e nas distintas culturas do mundo na que interviñeron Luciano Pérez, responsable técnico da colección de instrumentos musicais do centro de artesanía e deseño de Lugo; Natalia Regueiro, quen fixo un importante estudio da Trompa na comarca da Fonsagrada, e o recoñecido músico e investigador Inglés John Wright, quen catalogou a maior colección de Trompas do mundo que se atopa no Museo do Home da cidade de París.

Xa pola tarde, foi o momento das demostracións prácticas, co artesán experto na fabricación de Trompas Oliverio Fernández, que deu conta do seu bo facer na fragua, e coa celebración dun curso de iniciación á Trompa. Pechouse a xornada cun concerto de demostración onde participaron os trompeiros Emilio O Pando, César Fernández, Pablo Carpintero, Daniel O pando e John Wright.

Na foto John Wright nun momento da súa intervención tocando unha trompa de Bambú que se acciona mediante un cordel.