Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / TRABALLANDO NO III CONGRESO DE ENSINANTES

TRABALLANDO NO III CONGRESO DE ENSINANTES

AGG

A pasada fin de semana do 7,8 e 9 de decembro tivo lugar o II Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. O evento estivo organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos en colaboración ca ASPG e a CIG Ensino, e patrocinado pola Dirección Xeral de Creación de Difusión Cultural da Xunta de Galicia e a Concellería de Cultura do Concello de Santiago. Tamén colaboran as Universidades de A Coruña e Vigo xunto co Auditorio de Galicia.

Ao acto inaugural asistiron as seguintes personalidades:

• D. Xosé Luis Bará Torres – Director Xeral de Creación e Difusión Cultural
• D. Nestor Rego Candamil – Concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais do Concello de Santiago
• D. X. Anxo Varela Centelles – Técnico do departamento de promoción cultural do Xacobeo.
• D. Luciano Fernández Martínez – Membro da Xunta Directiva da ASPG
• D. Anxo Louzao Rodríguez – Secretario Nacional de CIG-Ensino
• D. Santiago Caneiro Aneiros – Presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos

Foi, sen dúbida, un fito histórico, non só pola calidade dos relatores, senón tamén pola cantidade de congresistas inscritos, xa que se completou o aforo de 260 prazas, o que demostra o grande interese suscitado polos debates, obradoiros e relatorios que se programaron así como polas propostas que poden xurdir deste importante evento.

Tamén queremos agradecer publicamente ás institucións que colaboraron para levar adiante este complexo proxecto, ós relatores, participantes en mesas e congresistas, a súa amabilidade e bo facer, que contribuíron a que todo o congreso se desenvolvera nun excelente clima de traballo.

A Asociación de Gaiteiros Galegos pretendeu coa realización deste segundo congreso, promover lazos de coñecemento, recoñecemento e confianza entre os distintos ámbitos educativos da música galega, co obxecto de permitir unha comunicación fluída de experiencias e para, poder pór en marcha iniciativas conxuntas que teñan continuidade no futuro, no que xa estamos a traballar coa preparación do terceiro Congreso.