Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / MOSTRA DE PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS

MOSTRA DE PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS

AGG

O rico patrimonio inmaterial galego-portugués está formado por un conxunto de prácticas aínda dinámicas nestes dous países. Pese aos procesos de destrución do tecido social no ámbito rural, seguimos a conservar un importante pouso de coñecementos tradicionais en mans de comunidades de portadores, iso si, cada vez máis atomizadas, dispersas e inconexas.

Coa intención de visibilizar este patrimonio e concienciar a sociedade da necesidade de salvagardalo, o Proxecto RONSEL, en colaboración coa asociación “Ponte...nas Ondas!” e a Asociación de Gaiteiros Galegos, organiza esta Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués na cidade de Pontevedra, co patrocinio dos parceiros xa mencionados e do Concello de Pontevedra.

Cada un dos ámbitos nos que a UNESCO describe o Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) conta cunha caseta específica no espazo desta mostra. Malia o carácter artificial desta clasificación cómpre non esquecer que cada un dos ámbitos está estreitamente relacionado cos demais, dos que depende.

Por esta razón, dedicarase cada un dos cinco días da mostra, dende o 7 ao 11 de Novembro de 2007, a un dos ámbitos, que poña en escena o resto das temáticas, ben sexan os oficios, a música e o baile, as festas e os ritos, as expresións orais ou o xeito que os galegos, as galegas, os portugueses e as portuguesas temos de relacionarnos co noso medio natural e social.

Tampouco faltarán á cita as exposicións, os debates, as producións audiovisuais e a degustación de produtos ecolóxicos como carne ao caldeiro, viño ou pan.Para as noites do venres ao domingo, finalmente, diferentes espectáculos musicais ocuparán a escena da mostra, como o Festival da Asociación de Gaiteiros Galegos, no que se darán cita algúns dos mellores grupos de música tradicional de Galicia, ou a VI Mostra da Oralidade Galego Portuguesa, organizada pola asociación “Ponte ... nas Ondas!”, representativa do patrimonio musical portugués.

Na Praza da Ferrería, en Pontevedra, do 7 ao 11 de Novembro de 2007, non vos esquezades de visitar esta Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués.

Mais información e programa da Mostra