Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / MOSTRA DE CUARTETOS

MOSTRA DE CUARTETOS

AGG

"Este ano volta con máis forza a Mostra de Cuartetos, que na súa IV edición vai afondar no estudio do cuarteto "Os Tempranos de Eiris".
As actividades terán lugar en Marín do día 2 ao domingo 18 de novembro, data na que se concentrarán a maioría dos actos. A semana que ven farase a presentación oficial da Mostra e dos participantes deste ano. Aproveitamos para adiantarvos un extracto dun artigo de Pablo Díaz Carro no que se fai unha breve reseña histórica dos compoñentes deste grupo:

O cuarteto enxebre galego “Os Tempranos de Eirís da Cruña” como reza no seu bombo, foi o primeiro grupo de gaiteiros da Coruña e As Mariñas.
No ano 1923 Xosé Temprano e Alejandro Temprano (gaiteiros), xunto con Xosé Castelo “O Betanceiro” (tamboril) e Mourenza (bombo) forman o cuarteto.
Destaca a utilización de instrumentos percutivos con tensores de corda (tamboril e bombo) neste cuarteto, pois nesa época e durante o tempo que tocou o cuarteto xa se viñan empregando caixa e bombo de latón ou bronce por outros grupos que coexistiran no mesmo tempo, como por exemplo, “Os trintas de Trives”. Outro detalle da súa liña enxebre era a utilización do traxe galego acompañado por unha monteira baixa cun pequeno “corno” que era típica da comarca.
No ano 1934 Alejandro marcha a facer o servicio militar á marina, embarcando no “Juan Sebastián El Cano” xunto coa súa gaita, coa que daría a volta ao mundo.
No seu lugar entra no cuarteto, Farruco Paradela, afamado gaiteiro da rúa Falperra, que combina o tocar pechado co aberto, técnicas que utilizaba no cuarteto e que sobresaía pola súa maestría.
Juan “o Pachero” de Eirís, comeza a tocar o bombo, e Alejandro, ao regresar da mili fai parella de gaita con Paradela, pasando Xosé a tocar o tamboril. Alejandro deixa de tocar definitivamente nos anos 50. En sustitución deste entra Fernando Álvarez Pardo. É a finais dos anos 70, cando o cuarteto deixa de tocar
A vivencia musical e histórica dos Tempranos de Eirís continúa na figura de Pepe Temprano que segue en activo como gaiteiro na agrupación “Eidos” da Coruña.