Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Deput. Pontevedra / O CONCELLO DE CANGAS REXEITA A ESCOLA DE GAITAS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

O CONCELLO DE CANGAS REXEITA A ESCOLA DE GAITAS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Deput. Pontevedra

O Concello de Cangas rexeita o modelo de escola de gaitas que a Deputación de Pontevedra implantou na provincia. Nun xesto de valente defensa da cultura galega, a concellería de cultura decide apoiar aos grupos e asociacións que están a impartir clases de música tradicional e rexeita continuar a súa colaboración co organismo provincial.

A comisión de goberno decidiu suprimir este servizo por estar en desacordo, segundo indica o concelleiro de Cultura, Xosé Manuel Pazos, coa «filosofía musical» da escola que promove o citado organismo; e tamén porque, asegura Pazos, existe xa unha oferta suficiente prestada polas distintas escolas que promoven os grupos de gaitas do municipio.

Esta acción reabre o acendido debate que sobre estes centros se desenvolveu ao longo de 2005 entre a Asociación de Gaiteiros Galegos e a Deputación de Pontevedra, no que a AGG deixou ben clara a súa postura en contra dos métodos de ensinanza empregados nestas escolas e a defensa que dende a Deputación se facía da escola escocesa frente á gaita tradicional galega.

Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos celebramos esta decisión, da equipa de goberno do Concello de Cangas, que ven a referendar as reivindicacións de miles de músicos tradicionais que no seu momento se manifestaron contra este modelo de escolas. Agardamos que outros concellos da provincia sigan o exemplo de Cangas no seu ánimo restaurar a dignidade da nosa música tradicional.