Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

A II edición do programa “Vai de Camiño”, da Consellaría de Innovación e Industria, achegará ata o mes de setembro as actuacións de 181 artistas galegos a máis dun centenar de concellos polos que atravesan os Camiños de Santiago.

Así , ao longo da vindeira fin de semana do 25 e 26 de Agosto, artistas como Narf, Xosé Manuel Budiño, Daniel Bellón e Diego Maceiras, Mercedes Peón e varios grupos de música tradicional como Tinta Femia, Os Enxebres de Cacheiras, Xironsa ou Os Campantes da Baña actuarán nos municipios de Muxía, Miño, Melide, Pontedeume, Arzúa (A Coruña); Ribadeo, Paradela (Lugo) e Dozón (Pontevedra).

A Consellaría de Innovación explicou nun comunicado que volveu a poñer por segundo ano en marcha o programa, que comezou o 1 de xuño, tralo éxito da programación do ano pasado e “a novedosa experiencia da primeira edición do Vai de Camiño en canto á promoción dos músicos e artistas galegos”.

Tamén afirman dende a Consellaría que “a programación é moi variada e tenta dar cabida ao máis representativo do panorama actual galego. Consolídase así un circuíto que está a dinamizar durante o verán as vilas dos Camiños de Santiago”.