Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / A ASOCIACIÓN DE GAITEIR@S GALEG@S ORGANIZA EN SECEDA DO COUREL AS II XORNADA SOBRE A CARBALLESA.

A ASOCIACIÓN DE GAITEIR@S GALEG@S ORGANIZA EN SECEDA DO COUREL AS II XORNADA SOBRE A CARBALLESA.

Varios

xornadacarballesa web_programa - pqA AGG, xunto co Concello de Folgoso do Courel e a área de Cultura da Deputación de Lugo, organizan o vindeiro domingo 20 de abril, a segunda edición das xornadas sobre a CARBALLESA, que terá lugar en Seceda do Courel.

Esta idea xurdiu para intentar que non esvaeza unha das riquezas culturais que hai na zona oeste do Concello de Folgoso do Courel.  Neste recuncho do concello, nas parroquias de Eiriz, do Carballal, de Seceda e no veciño Val do Incio, tocábase e bailábase unha muiñeira característica que se chama Carballesa.

Sentimos que temos a obriga, en honor a gratitude a todos eles, de loitar por conservar o noso; e ademáis homenaxear e lembrar aos nosos antecesores e as súas ensinanzas e tamén a toda a xente que traballou e que fixo recollidas para que estas riquezas culturais chegaran ata os nosos días.

E queremos facelo con esta xornada sobre a Carballesa, na que temos previsto realizar un Obradoiro teórico-práctico de Carballesa, que impartirá Montse Rivera, facer unha sentida homenaxe aos informantes, músicos e bailadors da zona, e facer posteriormente un filandón aberto para todos os e as asistentes, onde haberá “Contos da Serra”, o concerto do grupo de música tradicional Tres Pesos, e rematarase o día cun baile no que participarán tamén os grupos Airiños do Neira, Grupo de canto e baile do Courel e o grupo Macizas Centrais.

Esta actividade contará tamén coa colaboración dos artesáns Xosé Maceda e Armaior e da empresa Caurelor.

Animámosvos a todas e a todos a acompañarnos nesta xornada, a desfrutar da nosa música e do noso baile e convidámosvos a que traiades os vosos instrumentos, e a gozar dun marabilloso día cheo de música tradicional e a maiores, nun entorno incomparable.

Programa II Xornada de CARBALLESA

20 de abril de 2024 – Seceda do Courel

11.00 horas - Obradoiro teórico práctico de Carballesa - imparte Montse Rivera.

13.30 horas – Descanso para merenda. (A merenda correrá por conta propia* haberá unha cantina para ofrecer bebidas).

17.30 horas – Homenaxe a informantes, bailadores e músicos da zona.

18.00 horas – Filandón

  •      -Representación veciñal e “Contos da Serra”
  •      -Concerto de TresPesos
  •      -Baile e música coa participación de Airiños do Neira, Grupo de canto e baile do Courel e o grupo Macizas Centrais.

                            *Posibilidade de cea cos postos de O sabor dos Ancares A Carqueixa e pizzas artesás de A Cova das Mouras.

 

A través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, para contribuír e potenciar a divulgación da nosa cultura e a súa conservación.

Dende a AGG traballamos arreo para que a nosa cultura e as nosas tradicións non caian no esquecemento e sexan un patrimonio vivo do que sentirnos orgullosos.