XXV edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas
Venres, 29 Setembro 2023 11:14
A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s organiza de novo co patrocinio da area de Cultura do Concello de Lugo a que será a XXV edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas, mostra que contará coas actuacións de máis dunha docena de grupos de música tradicional galega, chegados dende distintos puntos da xeografía galega, e con distintas formacións (grupos de gaitas, pandeireteir@s, grupos de baile, murgas, etc... ) que encherán da nosa música o casco vello da cidade no día máis emblemático das festas.
Os grupos participantes na mostra actuarán en horario de mañá e de tarde no casco histórico da cidade, facendo pasarrúas por distintas prazas e rúas, de tal maneira que toda a xente que entre na cidade, sexa recibido co son da nosa musica tradicional.
Os Grupos participantes nesta edición son:
Rebulir Cultura Tradicional – Ramirás
Souto Xímaro – Lourenzá
Río de Anxo – Rianxo
Os Faiscas de Solobeira – Cambados
Abertal – A Rúa
Tumba e Dalle – A Mariña Lucense
Charanga Traspés - Vigo
Grupo de baile Traspés – Vigo
Pandeireteiras e pandeireteiros Traspés – Vigo
Par de Par – Ourense
Os Mecos de Ogrobe – O Grove
Axeigo – Lugo
E no esceario da Praza de Santa María contaremos cos grupos:
Bouba pandeireteiras
Tanto nos Ten
Pola mañá os grupos sairán dende a Mosqueira ás 11.30 horas facendo un pasarrúas polas distintas rúas do centro urbán amurallado, ata as 14:00h.
Pola tarde repetiranse as actuacións de rúa a partir das 17.00 horas, para logo rematar ás 18.00 horas, e a esa hora, poderemos desfrutar na Praza de Santa María dos Concertos de Bouba Pandeireteiras e Tanto nos Ten!!!
Esta mostra, na que a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s xunta ano tras ano aos mellores grupos de música tradicional de Galicia, ten como finalidade a exaltación da música tradicional galega servindo como medio de difusión para que a nosa música chegue ao maior número de xente posible. É a única mostra deste tipo que se fai nunhas festas patronais e consegue que Lugo sexa referencia en toda Galicia, pois demostra que a nosa música tradicional pode ser a protagonista da festa na rúa.