Adeús a musicóloga Dorothé Schubarth, autora do Cancioneiro Popular Galego
Venres, 08 Setembro 2023 11:23
O mundo a música tradicional está de loito, onte falecía en Basilea, Dorothé Schubarth, un dos nomes imprescindibles cando falamos do noso patrimonio sonoro. Autora, xunto con Antón Santamarina do Cancioneiro Popular Galego, obra básica no estudo do noso folclore que aínda hoxe supón o referente para coñecer parte da nosa tradición músical.
Dorothé Shubarth chegaba a Galicia en 1978 durante unhas vacacións, para coñecer o noso folclore, alguén lle falara da súa riqueza, e a que ía ser unha breve estadía converteuse en anos de pescudas, entrevistas con informantes por toda a xeografía galega e centos de gravacións, que deron, despois dun intenso traballo de recollida, análise, clasificación e estudo dese material, a publicación en 1984 do Cancioneiro Popular Galego, en sete volumes, nunha edición publicada pola Fundación Barrié, considerado o máis amplo repertorio da musica popular de tradición oral galega.
Os musicólogos que até aquel momento fixeran estudos sobre a música popular ficaran na superficie do traballo, realizando compilacións de cantigas. Pola contra, Schubarth levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando unha proposta crítica de clasificación e propoñendo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos. Ademais, foi a primeira que recoñeceu a importancia das informantes, sendo a primeira que recolleu os seus nomes. Foron cinco anos de traballo por aldeas, montes e corredoiras, que non remataron coa publicación dos materiais, senón que crearon un vínculo permanente da musicóloga con Galicia.
No ano 2014 doou os seus rexistros sonoros, 248 CD (copias dixitalizadas das gravacións orixinais) coas correspondentes transcricións a cargo de Antón Santamarina, ao Museo do Pobo Galego, onde foron incorporados ao seu Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) e ao Consello da Cultura Galega que permite o seu acceso no Arquivo Sonoro de Galicia.
Dende a Asociación de Gaiteiras Galegas lamentamos profundamente a perda dunha persoa tan importante e que tanto fixo pola música da nosa tradición oral.