Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / Folión de Entroido na Tradescola

Folión de Entroido na Tradescola

Varios

cartaz trad_entroido2023 - pqMañá martes 14 de febreiro, a Tradescola manterá viva unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural. A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará unha nova actividade propia das datas do entroido. Mañá martes día 14 de febreiro levará a cabo un Folión que partirá do CENTRAD ás 17.00 h. e onde todos os alumnos e alumnas que queiran participar irán marcando os ritmos característicos do Folión. Faranse paradas en distintas rúas e prazas do centro da cidade e realizaranse pequenas intervencións con bailes e cantos típicos do entroido.

Con esta saída polo centro da cidade pretendemos que todo o público lle de a benvida ao Entroido e poda participar de maneira activa acompañando os toques do folión e facendo posible que unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural, permaneza viva ao longo do tempo.

O percorrido previsto,: Saida CENTRAD (17.00 horas), Rúa Montevideo, Rúa Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Rúa da Raiña e remate na Praza Maior.

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosas actividades para achegar ao público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.