Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / A Tradescola achega as labores propias do horto escolar ás nenas e nenos de 6º de E.I. do Concello de Lugo a través do programa “5 LÚAS CANTANDO E SEMENTANDO”

A Tradescola achega as labores propias do horto escolar ás nenas e nenos de 6º de E.I. do Concello de Lugo a través do programa “5 LÚAS CANTANDO E SEMENTANDO”

Varios

5luascantandosementando1 web - copiaA Concellería de Educación e difusión do coñecemento do Concello de Lugo organiza un ano mais o programa de hortos escolares nos centros educativos de titularidade pública do Concello de Lugo. Nesta ocasión, a encargada de xestionar o programa é a Tradescola. Esta actividade, “5 Lúas cantando e sementando”, pretende amosar as labores propias do horto escolar para as nenas e nenos de 6º de Educación Infantil, e sumar ademais coñecementos como cantigas, bailes e outros aspectos da cultura tradicional que existen en torno a estes traballos incluíndo celebracións relacionadas co ciclo do ano, como os maios.

“5 lúas cantando e sementando” pretende ser unha ferramenta para que estas tradicións se manteñan vivas, e ao mesmo tempo se sigan transmitindo aos máis cativos valores de respecto á nosa cultura e ao noso medio ambiente.

A programación estase levando a cabo con sesións de 50 minutos nos centros educativos nas que se combinan actividades no horto e nas aulas, traballando con distintas metodoloxías pedagóxicas para acadar os obxectivos do proxecto, como poden ser ampliar o coñecemento das nenas e nenos sobre os diferentes cultivos, así como o aproveitamento dos mesmos, fomentar comportamentos responsables e comprometidos no coidado da natureza ou comprender e interiorizar os procesos de sementar e plantar, así como o desenvolvemento posterior das plantas e os coidados necesarios para o seu desenvolvemento óptimo.

Ao mesmo tempo, achégase aos participantes a coñecer distintas músicas, cantigas, celebracións e tradicións relacionados co ciclo do ano, e as nenas e nenos incluso poderán facer coas súas propias mans xoguetes sonoros con materiais naturais que poderán levar para a súa casa.

“5 lúas cantando e sementando”  rematará en xuño coa colleita dos cultivos, compartindo o recollido polo grupo, para logo poder consumilo cada un, na súa casa.

Dende a Tradescola trabállase a reo para poder transmitir os coñecementos das nosas tradicións da mellor maneira posible ás novas xeracións, para que saiban conservalos, respectalos e poñelos en valor.