A Tradescola achegarase ata o concello de Pol para impartir unha nova xornada de música tradicional para escolares.
Martes, 22 Febreiro 2022 11:10
A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, retoma de novo as súas actividades de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia. Concretamente, mañá mércores 23 de febreiro achegarase ata o concello de Pol, concretamente ao CEIP Rosalía de Castro para impartir unha nova xornada de música tradicional para escolares. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.
Realizarase un concerto didáctico, que estará impartido polos mestres da Tradescola, Roberto Rodríguez, Miguel Anxo López. Alberto Núñez e Jose Manuel López: No concerto amosaránselle aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.
Os concertos didácticos realizaranse no exterior e cumprindo todas as medidas fronte á Covid 19.