Pesar polo pasamento de Pepe Temprano
Sábado, 25 Xullo 2020 10:29
Hoxe temos que informar dunha triste nova. A música tradicional está de loito polo pasamento do gran gaiteiro Pepe Temprano.
Un home moi querido, que adicou toda a súa vida á nosa música tradicional, cunha traxectoria histórica de enorme calidade artística.
Os comezos de Pepe na música tradicional tiveron a súa orixe na familia. De pai gaiteiro e tamborileiro, tío gaiteiro e avó acordeonista, Pepe Temprano medrou escoitando “Os Tempranos de Eirís da Cruña”, o primeiro cuarteto de gaitas que houbo na Coruña e As Mariñas e que atopou en Pepe o relevo xeracional.
Comezou a enredar coa gaita de maneira autodidacta, cando contaba con 16 anos e seguiu con Fernando Álvarez, quen se ofreceu a ensinarlle.
Na súa prolífica vida como gaiteiro, tocou en multitude de escolas e grupos. Tocou nos Tempranos de Eirís, na Fábrica de Tabacos, na Asociación de Coros e Danzas Eidos, Aturuxo, Coros e Danzas da Sección Femenina, e practicamente en todos os grupos de A Coruña. Como el dicía, “coa gaita ao lombo” percorreu o mundo tocando en multitude de lugares; Porto Rico, Miami, Bos Aires, París, Bélxica, Holanda, Nova York e por suposto por todo o país.
Home polifacético onde os haxa, Pepe Temprano, tamén foi actor, chegando a rodar unha trintena de spots publicitarios.
Apaixoado do folclore, fotógrafo afeccionado, Pepe tamén foi un coleccionista nato, atesourando coleccións tanto discográficas como de instrumentos, auténticas xoias a través das cales foi cultivando un intenso coñecemento sobre a nosa música.
Sempre lembraremos a Pepe como un gran gaiteiro, un home amable, sinxelo, aberto, e moi amigo dos seus amigos. Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a perda de Pepe, un membro destacado e ben querido desta gran familia. DEP