Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / A AGG traballa nun documento para a creación de medidas específicas para o sector fronte a crise do COVID19.

A AGG traballa nun documento para a creación de medidas específicas para o sector fronte a crise do COVID19.

Varios

A AGG TRABALLA NUN DOCUMENTO ABERTO PARA SUMAR AO ASOCIACIONISMO E A TODO O COLECTIVO DA MÚSICA E O BAILE TRADICIONAIS E FAI UN CHAMAMENTO Á CULTURA DE BASE CO OBXECTIVO DE PEDIR A CREACIÓN DE MEDIDAS ESPECÍFICAS PARA O SECTOR.

A situación de illamento social e inestabilidade económica provocada pola pandemia do COVID-19 está tendo como consecuencia unha gran crise no ámbito da cultura do noso país. Para tentar paliar esta situación, están xurdindo moitas iniciativas nos diferentes sectores culturais.

Na Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) concordamos coa preocupación e apoiamos as medidas que están a xurdir, sen dúbida necesarias; pero queremos manifestar e aportar algunhas máis que reflictan as particularidades do noso sector, cuxa base e sustento son as Asociacións dedicadas á promoción e difusión da música e baile de Galiza, unha labor que se concreta nunha oferta permanente de innumerábeis actividades como clases de gaita, percusión, canto e pandeireta, baile, etc... e a realización de concertos, festivais, foliadas, seráns, feiras de artesáns, etc., que contribúen á conservación e transmisión da nosa identidade e do noso patrimonio cultural inmaterial transmitido a través da oralidade, peza fundamental no armazón socioeconómico do sector cultural galego.
É por isto que é importante ter unhas medidas específicas para o noso sector, diferente neste aspecto da cultura comunmente chamada profesional, facendo fincapé en que a paralización da actividade no seo das asociacións culturais, folclóricas e escolas de música e baile tradicional, vai a supoñer un parón na actividade económica moi considerable, que dificilmente poderá recuperar a súa normalidade sen axuda económica da administración e de toda a sociedade galega.

Por iso propoñemos unha serie de medidas específicas expostas no documento (que podes descargar aquí), un documento aberto á incorporación de novas aportacións que nos poidades facer chegar, co fin de traballar man a man con todos e todas as distintas persoas e entidades que engloba o noso sector. Un documento base, que ten o obxectivo de sumar a cantas mais asociacións, colectivos e persoas do eido da música e o baile tradicional, polo que si apoias as medidas que recolle o documento ponte en contacto con nos a través do enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou nos teléfonos 986 847 074 – 982 229 966. Cantos mais asinemos mais peso e mais forza imos ter para que as administracións teñan en conta as medidas que propoñemos.

Tamén, para ter un coñecemento mais profundo das consecuencias reais da situación, é fundamental coñecer o estado actual de como está afectando a tod@s e cada un d@s que conformamos este sector, por iso che pedimos que respondas a unha enquisa anónima, cuxo obxectivo é o estudo das consecuencias socioeconómicas desta crise provocada polo COVID19, para poder concretar con máis acerto as distintas medidas a reclamar fronte a administración. Pedímosche ademais, que si sabes de alguén, tanto persoa física como asociación, agrupación ou colectivo, que pertenza ao sector e que non recibira a enquisa nin o documento coas medidas, llo fagas chegar, ben reenviándolle este correo ou ben falándolle da súa existencia, dispoñible na nosa páxina web, para así poder ter unha análise das consecuencias o mais extensa posible. Podes acceder a enquisa no seguinte enlace https://forms.gle/eXncYBdcN9sknbQx6
Grazas pola túa colaboración.

Esta crise superarémola tod@s xunt@s.